Practicamente a poboación total da Coruña. Ese é o número de persoas nacidas en Galicia (ou noutra comunidade autónoma) en idade de traballar que o país perdeu no que vai de século, unha caída compensada en boa parte, aínda que non totalmente, pola chegada de inmigrantes.
Segundo datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), entre 2001 e 2024 a poboación residente en Galicia e nada no Estado entre 20 e 64 anos —entendida esta franxa como a poboación en idade de traballar— caeu en 243.434 persoas. No mesmo período, e nese mesmo grupo, as nacidas fóra de España incrementáronse en case 161.000 (160.997).
O número de persoas entre 20 e 64 anos nacidas no Estado caeu en case 245.000 no que vai de século; as chegadas do estranxeiro aumentaron en máis de 160.000
Son as consecuencias ineludibles no mercado laboral da crise demográfica, paliada coa xente chegada de fóra en Galicia, que cada ano desde que comezara este século ve como a súa poboación entre os 20 e os 64 anos cae en 10.000 persoas, ao tempo que recibe sobre 6.500 nesa mesma franxa de idade considerada a máis habitual para a poboación asalariada.
As estatísticas son claras. Atendendo a estes datos, a perda total de forza laboral en Galicia desde 2001 supera as 82.000 persoas, un descenso que sería moito maior se non fose pola man de obra foránea. Así, o total de persoas entre 20 e 64 anos en Galicia situábase a finais de 2024 en case 1.570.000, unha cifra practicamente idéntica á poboación nada no Estado —excluíndo a estranxeira— que había en 2001.
A inmigración achegou a Galicia unhas 65.000 persoas activas nos últimos 20 anos, nos que a poboación activa galega caeu en case 70.000
Ademais, o número total de persoas foráneas que viven en Galicia nesa mesma franxa de idade, case 245.000, correspóndese practicamente coa caída da poboación nacida en España no mesmo período de tempo.
Se atendemos aos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), nos últimos 20 anos Galicia perdeu case 70.000 persoas activas con nacionalidade española (-69.400) ao tempo que gañou unhas 65.000 con pasaporte estranxeiro, que compensan case na súa totalidade a caída demográfica de dúas décadas.
En canto á poboación ocupada, a estranxeira triplicouse desde 2004, pasando das 26.300 persoas ás 78.200, o que supón un incremento de case o 200%. No mesmo período, o aumento de ocupados de Galicia non chegou ao 4%, unha suba de algo máis de 40.000 traballadores e traballadoras segundo a EPA.
Así, nun só ano, desde finais de 2023, Galicia creou segundo esta mesma estatística 17.400 empregos, que se corresponden co incremento en poboación ocupada. O 40% do emprego xerado debeuse a persoas estranxeiras, ao que habería que engadir persoas nadas fóra pero con dobre nacionalidade.
En detalle, ademais, a poboación con nacionalidade estranxeira presenta taxas de actividade e de emprego moi superiores ás da poboación con nacionalidade española. Por exemplo, na actualidade dous terzos dos estranxeiros residentes en Galicia ou ben teñen traballo ou están a buscalo activamente, mentres que para a poboación con nacionalidade española a porcentaxe cae ata o 52,2%.
A poboación estranxeira ocupada triplicouse nos últimos 20 anos e supón un 40% do emprego creado no último ano
A explicación máis lóxica é que ten que ver coa menor idade media desa poboación estranxeira, polo que só nunha pequena parte se atopa inactiva por mor de seren pensionistas.
En canto á taxa de emprego, ascende ao 54,7% entre a poboación estranxeira en Galicia, mentres que queda no 48,1% entre a que ten nacionalidade española.
O persoal estranxeiro supón máis do 6% da forza laboral en Galicia, o dobre que hai unha década
Por outra banda, collendo os datos de afiliación media á Seguridade Social, a evolución é aínda máis clara. Así, a tal hora, a forza laboral de persoas nadas no estranxeiro supón o 6,3% do total en Galicia. É case un punto máis que en 2023, dous máis que en 2020 e máis do dobre que hai unha década. 66.538 empregos dun total de 1.067.089 en xaneiro deste ano. Porque en doce meses, a cifra de persoas foráneas afiliadas incrementou en case un 15%.
Ademais, se debullamos algo máis as cifras, observamos que máis do 20% dos traballadores estranxeiros en Galicia dedícanse á hostalería, o sector con maior número de ocupados, seguido do comercio, a construción e a industria manufactureira. Unha realidade estatística que deixa fóra moitos traballos irregulares.
En termos xerais, a poboación galega aumentou en dez mil persoas no último ano, situándose o 1 de xaneiro de 2024 nos 2.715.424 habitantes, a cifra máis alta dende 2016, segundo a estatística publicada o pasado xoves polo INE. A poboación aumentou nas catro provincias galegas, especialmente na Coruña (+6.757) e Ourense (+1.043), que rexistra o seu maior incremento en varias décadas.
Porque a poboación nacida no estranxeiro aumentou en 24 mil persoas nos últimos doce meses. Son, en total, máis de 305.000 persoas, arredor de 80.000 máis que hai cinco anos, o que supón un incremento do 35% que aínda así non detén o envellecemento do país.