Nos últimos dous anos medrou notablemente a poboación activa en Galicia (e tamén a ocupada), tanto pola incorporación de poboación nova que antes non buscaba traballo como polo aumento das persoas con nacionalidade estranxeira
Os datos da Enquisa de Poboación Activa, cuxa entrega correspondente ao terceiro trimestre se publicou este venres, veñen amosando nos últimos anos un importante incremento do número de ocupados e ocupadas en Galicia, isto é, de persoas con traballo remunerado. A cifra aumentou en máis de cen mil persoas dende o 2016 e a metade deste incremento corresponde aos dous últimos anos.
En paralelo a esta suba, nos dous último anos medou tamén a poboación activa, que abrangue a todas as persoas maiores en idade de traballar (con máis de 16 anos) que ou ben traballan ou ben buscan emprego. Medra non tanto por un aumento da poboación total do país (Galicia si rexistrou un incremento na súa poboación nos dous últimos anos, pero foi mínima) senón sobre todo porque hai máis persoas que están a buscar emprego e que antes non o facían.
No ano 2016 había uns 36 mil traballadores estranxeiros en Galicia e na actualidade son case 76 mil, máis do dobre
Este incremento da poboación activa (23 mil persoas máis nos últimos dous anos) localízase principalmente en dous colectivos en ocasións mesturados entre si: por unha banda a mocidade (a poboación activa entre 20 e 24 anos aumentou en 9.500 persoas en dous anos) e a poboación estranxeira (a poboación activa con nacionalidade estranxeira medrou en 15.500 dende setembro de 2022).
Aumenta a poboación activa con nacionalidade estranxeira e medra, en xeral, o número de traballadores e traballadoras de fóra do Estado. No ano 2016 había uns 36 mil traballadores estranxeiros en Galicia e na actualidade son case 76 mil, máis do dobre. Neste tempo, ademais, unha boa parte deste persoal foi acadando a cidadanía e deixou de figurar como 'estranxeiro' neste indicador.
Na actualidade máis de 7 de cada 10 estranxeiros residentes en Galicia ou ben teñen traballo ou están a buscalo activamente, mentres que para a poboación con nacionalidade española a porcentaxe cae ata o 52,5%, como consecuencia da súa maior idade media
A poboación con nacionalidade estranxeira presenta taxas de actividade e de emprego moi superiores ás da poboación con nacionalidade española. Por exemplo, na actualidade máis de 7 de cada 10 estranxeiros residentes en Galicia ou ben teñen traballo ou están a buscalo activamente, mentres que para a poboación con nacionalidade española a porcentaxe cae ata o 52,5%.
A explicación, moi lóxica, ten que ver coa menor idade media desa poboación estranxeira, que só nunha pequena parte se atopa inactiva por mor de seren pensionistas.
A idade, previsiblemente, explica tamén por que a poboación con nacionalidade estranxeira presenta unha taxa de paro moi superior (22%) á da poboación con nacionalidade española (7,8%)
A idade, previsiblemente, explica tamén por que a poboación con nacionalidade estranxeira presenta unha taxa de paro moi superior (22%) á da poboación con nacionalidade española (7,8%). Outros indicadores amosan como as maiores taxas de paro se localizan entre a poboación máis nova, entre a que estranxeiros e estranxeiras teñen un peso maior.
Mentres que no conxunto da poboación galega as persoas con nacionalidade estranxeira representan o 5,44% do total, entre os 25 e os 35 anos representan máis do 13%. De igual xeito, mentres as persoas nacidas no estranxeiro representan o 10,5%, entre os 25 e 35 anos son o 19,5%.