O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, aproveitou a tradicional homenaxe que o seu partido fai cada 25 de xullo en Rianxo a Castelao diante do seu busto para reivindicar un "galeguismo útil, sen exclusións, que non queda na nostalxia nin nas etiquetas".
“Rueda non é o presidente que esta terra merece"; segue sendo o vicepresidente de Feijóo, sometido ás ordes do PP máis rancio”, proclamou Besteiro
O líder dos socialistas galegos resumiu o momento político en Galicia en tres olladas, e contrapuxo a "da esquerda, do progresismo e do socialismo" do PSdeG coa "cada vez máis ultra, máis reaccionaria" do PP e o "nacionalismo excluínte" do BNG.
Para Besteiro, “Rueda non é o presidente que esta terra merece". "Segue sendo o vicepresidente de Feijóo, sometido ás ordes do PP máis rancio” e acusouno de se "levantar de todas as mesas”: "Cando se fala de financiamento, cando se ofrece condonar parte da débeda xerada polo PP, cando se abren vías para impulsar a vivenda ou a eólica. "Rueda non preside: obedece. E non aos intereses de Galicia, dixo antes de cualificar o PP de ser "unha dereita sen complexos, atrapada pola envexa a VOX, que lle marca o camiño”.
Tamén contrapuxo a ollada socialista á do BNG, ao que cualificou de “nacionalismo excluínte” que “fala no nome do país sen preguntar” e que “enche as fotos de bandeiras e os discursos de autosuficiencia moral”. Así, criticou que o Bloque non apoiase no Congreso a suba das pensións, a rebaixa das peaxes nin o decreto para impulsar as enerxías limpas. “Negarse sempre a sumar é renunciar a ser útil. E Galicia non precisa máis nacionalismo que divide. O que precisamos é máis galeguismo que una”.
Fronte a estas dúas formacións, Besteiro ergueu a ollada socialista dunha Galicia que, dixo, "é un proxecto que funciona grazas ao talento e talante dun pobo traballador e intelixente. Galicia é unha historia de éxito. É imprescindible crer nisto”. Ademais, advertiu que "non é unha bandeira que se saca en festivos. Galicia é unha causa diaria”.
Nese sentido, referiuse á Axencia AESIA na Coruña, á Axencia Europea da Pesca en Vigo, ás marcas galegas líderes en automoción, téxtil ou agroalimentación, e ao peso da nosa cultura, gastronomía e vitivinicultura para destacar o "talento" e "potencial" de Galicia. "Pero está gobernada por quen nin a entende, nin a quere entender”, lamentou.
"Galicia é de quen a coida. De quen a defende. De quen traballa por ela veñan de onde veñan”, dixo Besteiro, que criticou que Rueda se negue a acoller nenos migrantes
“A Galicia que defendemos é unha terra sen fronteiras mentais, sen exclusións, sen etiquetas que dividan. Galicia é de quen a coida. De quen a defende. De quen traballa por ela veñan de onde veñan”, engadiu, cun discurso que chamou a defender fronte a quen, "como Rueda e o seu goberno, se nega a acoller nenos e nenas migrantes que foxen de crises humanitarias”. "Esa actitude deshumanízanos como país”, manifestou.
Tampouco aforrou críticas veladas ao BNG tras aludir ao "xenocidio en Gaza" ou a "guerra brutal en Ucraína" que, dixo, "algúns, mesmo aquí en Galicia, prefiren ignorar". "Falan de soberanía, pero calan ante a invasión", espetou tras advertir de que "a crispación política non é casual", senón froito dunha dereita "disposta a destruír a convivencia democrática só para chegar ao Goberno que cren seu por dereito hereditario”.
Rueda e Feijóo, contra o galego
Así, censurou o papel do PP co galego, tanto no Congreso como en Europa. “Se fose polo presidente da Xunta, hoxe non se podería falar no Congreso dos Deputados. Ese boicot á nosa dignidade lingüística vai perseguilo sempre”. E engadiu: “Tamén en Europa, o PP de Rueda e Feijóo repite patrón: négase a situar o galego ao mesmo nivel que o resto de linguas oficiais”.
Por outra banda, Beteiro denunciou que a Xunta "non fai nada" para arranxar o grave problema da vivenda, que dixo que si era afrotnado polos concellos socialistas e o Goberno central, e apelou a un galeguismo do século XXI, “aberto, orgulloso, ambicioso, solidario, creativo”. Por iso, reivindicou máis autogoberno, máis recoñecemento político e un novo modelo de financiamento: “Singular, que atenda as nosas características; suficiente, para cubrir as necesidades; corresponsable, sen trampas fiscais; e solidario porque Galicia tamén dá e recibe solidariedade”.