O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu este venres 25 de xullo a entrega da Alba de Compostela, un recoñecemento que o Concello fai a persoas con recoñecida traxectoria persoal e profesional e con relevancia na cidade. A iniciativa, creada no anterior mandato e mantida no actual liderado pola alcaldesa Gorett Sanmartín, busca pór en valor “a quen fai máis grande este territorio” e "agradecer o traballo colectivo".
Compostela recoñeceu a Charo Rúa, Suso do Dezaseis, Aurora da Freira e Chago Martínez, "persoas que non saen nos xornais pero son vitais para un concello vivo"
A edición deste ano homenaxeou catro persoas longamente aclamadas polo auditorio: Aurora G. Rúa (Charo Rúa), pioneira da emerxencia aérea; Xesús Manuel Coba (Suso do Dezaseis), hostaleiro de referencia no barrio de San Pedro; Aurora Otero (Aurora da Freira), cantareira e transmisora da tradición oral; e Santiago Martínez (Chago Martínez), mestre ferreiro cunha ampla traxectoria.
"Son moitas as razóns que temos para recoñecer os nosos veciños, as persoas das que, na maioría das ocasións, non vemos os seus nomes nos xornais, pero que son vitais para un concello vivo, dinámico, con moita historia e tamén con moito futuro", dixo Sanmartín nun acto que serviu tamén de homenaxe a Castelao, no ano no que se fan 75 anos do seu falecemento no exilio.
De feito, un vídeo da Fundación Castelao abriu a cerimonia lembrando a súa Alba de Gloria, ao tempo que a alcaldesa lembraba a xente que, coma el, sufriu o exilio. "Facer memoria delas é un acto de xustiza, como o é devolver o roubado", dixo nunha clara referencia, que logo explicou, á devolución das estatuas do Mestre Mateo a Santiago por parte dos Franco, que as manteñen no Pazo de Meirás, logo dunha sentenza emitida no pasado mes de xuño.
Goretti Sanmartín aproveitou para reivindicar a Castelao e o "acto de xustiza" que supón "devolver o roubado", en referencia á recuperación das estatuas do Mestre Mateo
A médica Charo Rúa, primeira muller no helicóptero medicalizado do 061, lembrou esas vistas: “Ver o noso país desde esta perspectiva é unha sorte”. Sanmartín aproveitou para gabar o seu labor no rescate da traxedia de Angrois e a súa implicación en milleiros de intervencións médica.
Do hostaleiro Suso do Dezaseis, a alcaldesa destacou que “coñece polo nome” a case todo o mundo que vai o seu local, un "punto de encontro cultural" de numerosos artistas e escritores que tamén foron lembrados polo premiado.
Ademais, o mestre ferreiro Chago Martínez, formado na Escola Obradoiro de Bonaval, agradeceu a oportunidade que Santiago lle deu de levar a cabo o seu oficio, mentres que a alcaldesa destacou a súa figura por "forxar un futuro para a nosa tradición".
Por último, Aurora da Freira recolleu o seu galardón regalando unha cantiga interpretada coa súa voz, que serviu como despedida do acto. "Non o esperaba", dixo, antes de que rematase un evento incluído desde hai anos no programa de actos institucionais en Compostela polo 25 de xullo.