A ausencia é tan prolongada que a excepción virou norma. Nas formas e no fondo. Este 25 de xullo é Día Nacional de Galicia e a celebración está, un ano máis, institucionalmente orfa por parte das principais institucións da autonomía, Goberno e Parlamento, alleas tamén á que segue sendo denominación oficial da festividade ao ignoraren, activamente no caso da Xunta, o adxectivo "nacional" que nunca foi derrogado pero que vai camiño das dúas décadas de desaparición práctica. Así volveu suceder na súa campaña institucional deste ano, centrada no lema Toca celebrar, afondando en despoxar o día de calidades ou atributos concretos.
A celebración do Día Nacional de Galicia segue institucionalmente orfa por parte das principais institucións da autonomía tanto nas formas coma no fondo
A axenda do presidente e dos membros do Executivo está protagonizada un ano máis por un evento alleo ao Día Nacional, a ofrenda da Casa Real ao Apóstolo Santiago. A cerimonia data do século XVII, cando a instituíu o rei Filipe IV. É, polo tanto, moi anterior ao momento histórico en que as Irmandades da Fala, non sen controversia interna, escolleron o 25 de xullo como "Día de Galicia" non "pol-a súa sinificación relixiosa, pois o noso movemento non é confesional nin aconfesional", senón "pol-á sinificación mítica e simbólica" da data, que tamén é a festa do Santiago en múltiplas parroquias do país.

Como noutras ocasións, o xefe do Estado non acode a "invocar" o "patrón das Españas" persoalmente, senón que o fai por delegación. Igual que en anos previos, o delegado é o presidente da Xunta, o que implica pronunciar un discurso durante a Eucaristía na que expoñer ao Apóstolo pregarias no que o político e o relixioso se entrelazan. Alén desa mestura, nada vencellado ao Día Nacional alén de celebrarse na data en que se celebra.
A ausencia da Xunta no Día Nacional acrecéntase dende o traslado da entrega das Medallas de Galicia a outras datas
A ausencia da Xunta no Día Nacional acrecéntase dende o traslado da entrega das Medallas de Galicia a outras datas. Tras implantar o fraguismo a tradición de impoñelas o 25 de xullo, mantida polo Goberno de coalición PSdeG-BNG, o gabinete de Feijóo trasladounas ao 24 en 2014, cando a distinción recaeu en servizos de emerxencia e vítimas do accidente de Angrois -contra o criterio de parte significativa das persoas afectadas-.
Nesa data permaneceu dende aquela a entrega da máis alta condecoración do Goberno galego cunha única excepción, o 2021, cando retornaron ao día 25 pola presenza do rei co gallo do Xacobeo. Neste 2025, como é sabido, foron outorgadas en dous tempos: o pasado 14 de xullo, coa controvertida elección da princesa Leonor, e este día 24 cos alcaldes do Porto e de Braga como homenaxeados.

Coa Xunta ausente á mantenta, o protagonismo político do Día Nacional volverá ser para os grupos da actual oposición. Sinaladamente para o BNG, que celebra en Compostela o Día da Patria baixo o lema Galiza Sempre, unha nación en marcha pola súa soberanía’, coa tradicional manifestación dende a Alameda que conclúe cun acto político e discurso de Ana Pontón na Praza da Quintana, e acto seguido coa participación de cargos e militantes no Festigal. O PSdeG, pola súa banda, volve organizar en Rianxo a súa homenaxe anual a Castelao.
En ausencia do Goberno, o protagonismo político do día volve ser para os grupos da actual oposición, especialmente para o BNG, mentres os últimos intentos de dar corpo institucional á xornada van quedando cada vez máis atrás
O PP, ao xeito de anos anteriores, adiantou o seu acto político "Día de Galicía" ao pasado mércores 23. Organizárono nesta ocasión na fervenza do Toxa, onde incidiron en que o PPdeG representa a "Galicia do si", concepto que desenvolveron ao día seguinte cun vídeo compartido a través das redes sociais.
Así, cun aquel de atonía e baleiro, van quedando cada vez máis atrás os ata agora últimos intentos de dar máis corpo institucional ao Día Nacional, os realizados polo Goberno de PSdeG e BNG (2005-2009), cando á axenda de entrega das Medallas de Galicia o propio 25 se sumou o acto institucional A véspera, o día 24, consistente nunha recepción a diversos colectivos sociais na residencia oficial de Monte Pío e nun izado solemne da bandeira. Antes, nos primeiros pasos da autonomía, , tamén houbera intentos de artellar unha celebración civil do Día Nacional, pero tiveron un éxito máis que discreto.