"A praza do Obradoiro é o escenario principal das celebracións do Día de Galicia". A misa na Catedral, "acto central". "O presidente do Parlamento exerce como delegado rexio na ofrenda ao Apóstolo polo Día de Galicia".
O pasado 25 de xullo foi posible escoitar ou ler referencias coma estas en diversos soportes, en moitos deles xunto a adxectivos como "tradicional". Como cada ano, a ofrenda da Casa Real ao Apóstolo na Catedral de Santiago foi presentada, explícita ou implicitamente, como parte fundamental das conmemoracións do que oficialmente segue chamándose Día Nacional de Galicia aínda que o Goberno do que depende furte o adxectivo e só o manteña cando toca referirse a el no calendario laboral.
Pero, con independencia das referencias mediáticas ou políticas, realizadas con intención ou por puro ritual, o certo é que a única ligazón da ofrenda da Casa Real ao Apóstolo co Día (Nacional) de Galicia é que se celebran a mesma xornada, a que tamén é a festa de Santiago en múltiplas parroquias do país. No día en que as Irmandades da Fala consideraron hai algo máis de cen anos -non sen discrepancias- como máis acaído non "pol-a súa sinificación relixiosa, pois o noso movemento non é confesional nin aconfesional", senón "pol-á sinificación mítica e simbólica" da data.
A ofrenda rexia ao Apóstolo é ben anterior ás Irmandades e á súa elección do 25 de xullo como "Día de Galicia" e á autonomía política galega e, en todo caso, allea a ambas. Mesmo as ditaduras do século XX a empregaron como contraposición ou parte da represión contra o galeguismo político
A ofrenda rexia ao Apóstolo é ben anterior ás Irmandades e á autonomía política galega e, en todo caso, allea a ambas. Data de 1643, cando a instituíu o rei Filipe IV. E, como sinala a propia Casa Real española, "ao longo dos anos mantívose a tradición de que reis, xefes de Estado ou persoeiros coas máis altas responsabilidades invocasen o Patrón das Españas os beneficios divinos para as tarefas humanas". Algunhas desas autoridades que a protagonizaron, caso dos ditadores Miguel Primo de Rivera ou Francisco Franco, mesmo a empregaron como contraposición ou parte da represión contra calquera expresión do galeguismo político o 25 de xullo.
A ofrenda estaba aí cando botou a andar a autonomía que, nos seus primeiros pasos, tentou con escasa fortuna artellar unha celebración civil do Día Nacional. E aí seguiu cando, na última década e media, os gobernos presididos por Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda reduciron á mínima expresión o esforzo institucional en torno á data, mesmo desprazando para o día previo á entrega das Medallas de Galicia tras facéreno por primeira vez en 2014 como modo de homenaxe ás vítimas do accidente de Angrois e ás persoas que as asistiran malia á aberta protesta dunha parte significativa das persoas afectadas polo sinistro.
A abdicación do Goberno galego a respecto do Día Nacional de Galicia, dende o nome oficial ata a ausencia de actos de seu, vén contribuíndo a acrecentar unha caste de simulación segundo a cal son presentados como parte da celebración da personalidade política do país eventos que non son tal. Así, por exemplo, o propio presidente Rueda sinalaba este 25 de xullo que "no día de Galicia, e como é tradición, participei na Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago. Un momento de orgullo, solemnidade e alegría por vivir o día grande da nosa terra".
A abdicación do Goberno galego a respecto do Día Nacional de Galicia contribúe a acrecentar unha caste de simulación na que se presentan como parte da celebración da personalidade política do país eventos que non son tal
A ofrenda ao Apóstolo e a parada militar previa foron os únicos actos na axenda do presidente este 25 de xullo, como en anos anteriores. Mentres, outros cargos da Xunta e doutras institucións acudiron a outro evento que, malia ser tamén anterior á autonomía política de Galicia e malia ter tamén un compoñente relixioso, si é posible ligar á celebración do Día Nacional en tanto que reivindicación galega, ou de afirmación galeguista: a Misa de Rosalía en San Domingos de Bonaval.
A diferenza coa Misa de Rosalía
A Misa de Rosalía e a ofrenda ante o seu sartego foi impulsada en 1932 por Xosé Mosquera, o coñecido como "o vello dos contos" polas súas intervencións en Radio Galicia, primeira emisora de radio do noso país, da man do histórico galeguista Manuel Beiras García, pai de Xosé Manuel Beiras Torrado. A intención de ligala á reivindicación galeguista por parte dos seus impulsores está máis que acreditada e así o leu tamén a ditadura franquista, que nos anos 60 do século pasado enviaba a súa policía política a controlala e, nalgún caso, atacar e deter a algúns dos participantes nela.
Neste 2024 celebrouse un ano máis a Misa de Rosalía e os seus actos civís posteriores cunha ampla presenza institucional que quedou reflectida na tradicional foto de familia ao remate. Nela figuran dende tres conselleiros -os de Cultura, Educación e Mar- ata membros de diversas entidades culturais, o presidente do Parlamento ou a alcaldesa de Santiago.
Alén das simulacións, persiste o baleiro institucional en torno ao Día Nacional de Galicia por incomparecencia do Goberno galego. Os últimos intentos de dar máis corpo á celebración por parte da Xunta datan da etapa do Executivo de coalición PSdeG-BNG
"A Xunta homenaxea a Rosalía de Castro coincidindo co Día de Galicia cunha misa e unha ofrenda floral", informou o Goberno galego a través dun comunicado. O certo é que, alén das simulacións, persiste o baleiro institucional en torno ao Día Nacional de Galicia por incomparecencia do Goberno galego, cuxo último xesto para dotar de maior corpo á celebración data da etapa do Executivo de coalición PSdeG-BNG, un intento parcial concretado co evento A Véspera que o presidente Touriño celebraba o 24 de xullo na residencia oficial de Monte Pío.
A Véspera, que incluía unha recepción a colectivos cidadáns e un izado solemne da bandeira galega, foi cancelada en canto Feijóo chegou á presidencia. Dende aquela, e xa pasaron quince anos, a única novidade institucional reseñable ligada ao Día Nacional é o acto Alba de Compostela, que puxo en marcha o pasado ano o goberno local de Santiago e que este 2024, na súa segunda edición, amosou sinais de consolidación.