Dia (...) de Galicia

Bandeira galega entre nubes nun edificio oficial do Goberno galego, nunha imaxe tomada o pasado xuño CC-BY-NC-SA Praza.gal

A Xunta esquiva a denominación oficial do Día Nacional de Galicia e só se refire a ela como tal no calendario laboral

Este pasado 24 de xullo a Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia os días festivos do calendario laboral de 2025. Entre ás 11 datas sinaladas -ás que despois se engaden os dous festivos locais de cada concello- figura o 25 de xullo sinalado como Día Nacional de Galicia.

Esa foi a única mención do Goberno galego á que segue sendo denominación oficial da festa. En todas as demais, dende a campaña publicitaria inserida en medios de comunicación ata o acto de entrega das Medallas de Galicia na véspera ou a mensaxe divulgada este mesmo 25 de xullo polo presidente Rueda nas redes sociais, o gabinete do PP opta pola polticamente máis aséptica fórmula de Día de Galicia

Mensaxe divulgada polo presidente da Xunta a través das redes sociais dende a residencia oficial de Monte Pío este 25 de xullo

As referencias ao 25 de xullo como Día Nacional de Galicia esvaceron no Goberno galego hai xa década e media, cando o PP regresou ao poder tras a paréntese do mandato de PSdeG e BNG (2005-2009). Paradoxalmente, a denominación instituída na preautonomía asentouse durante os primeiros gobernos co Estatuto en vigor, os de Alianza Popular, continuou no tripartito e empezou a decaer nun fraguismo que, non obstante, nos seus primeiros compases tampouco fuxiu do adxectivo "nacional" nin para 25 de xullo nin para diversas cuestións relacionadas con Galicia.

Tanto con Feijóo como con Rueda os gobernos do PP deron en abdicar do Día Nacional, mesmo chegando a desaparecer do 25 de xullo, xornada na que se limitan a asistir a actos organizados por terceiros

O xesto político de preferir un Día de Galicia sen o apelido "nacional", que tanto pode remitir á nación dende unha óptica máis soberanista ata ao encaixe constitucional e estatutario da nacionalidade histórica, reflicte a actitude cara á data do Goberno da Xunta na actual xeira de Executivos do PP, revalidada para catro anos máis o pasado febreiro. Primeiro con Alberto Núñez Feijóo e agora con Alfonso Rueda, a Xunta deu en abdicar do Día Nacional, mesmo chegando a desaparecer do 25 de xullo ao desprazar para o día 24 -cunha única excepción en 2021 tras o controvertido traslado de 2014, vinculado ao accidente de Angrois que acontecera un ano antes- o único acto oficial vinculado á festa, á entrega das Medallas de Ouro de Galicia.

Deste xeito, a máxima representación institucional do país límitase un 25 de xullo máis a acudir a actos, oficiais ou non, organizados por terceiros. Quer na ofrenda da Casa Real ao Apóstolo na Catedral de Santiago, na que o presidente do Parlamento representa este ano por delegación ao Xefe do Estado e á que asiste Rueda, quer na misa por Rosalía de Castro no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, con presenza confirmada dos conselleiros de Cultura, Educación e Mar e mais da secretaria xeral do PPdeG. Si existe unha novidade, non obstante, na axenda gobernamental deste día ao estar previsto que o secretario xeral da Lingua, Valentín García, acuda ao acto Alba de Compostela que o Concello de Santiago organiza co gallo do Día Nacional. 

Ana Pontón, na homenaxe a Castelao e Rosalía organizada por Galiza Nova, flanqueada pola secretaria xeral da organización xuvenil, Marta Gómez, e por Alba Quiroga, nova militante da formación CC-BY-NC-SA BNG

É así como, por incomparecencia do PP e do Goberno da Xunta, como o protagonismo político do Día Nacional é para os grupos da actual oposición. Non en van, os populares desprazaron o seu acto polo Día de Galicia mesmo alén da véspera, xa que desta volta o celebraron o 23 de xullo no miradoiro do Cabo do Mundo, en Sober.

Por incomparecencia do PP e do Goberno da Xunta, o protagonismo político do Día Nacional recae nos grupos da actual oposición. O BNG culmina os actos do Día da Patria coa súa manifestación en Santiago e o PSdeG homenaxea a Castelao en Rianxo

Como é tradición, o BNG culmina o 25 de xullo os seus actos vinculados á celebración do Día da Patria cunha manifestación en Santiago que remata no emblemático espazo da Praza da Quintana cun acto político co protagonismo para o discurso da súa portavoz nacional, Ana Pontón. Previamente, na véspera, o Bloque celebrou a habitual homenaxe a Rosalía e Castelao da  súa organización xuvenil. Asemade, o groso da súa dirección dedica o resto da xornada a celebrar o día no recinto do Festigal, o festival musical e cultural impulsado por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre.

O PSdeG, pola súa banda, aposta ás claras pola denominación Día Nacional de Galicia para conmemorar a xornada. O partido, cuxos órganos de dirección teñen de seu o adxectivo "nacional", acude un ano máis a Rianxo para realizaren a súa ofrenda ante o busto de Castelao, cun discurso do secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro. O acto estará acompañado pola música da rianxeira Coral Abraite, que interpretará o himno galego, e despois a dirección socialista aposta por unha vertente máis lúdica asistindo á Festa da Xouba que celebra a vila.

Besteiro, coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, na entrega das Medallas de Galicia, este 24 de xullo CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.