O actor Luís Tosar, a produtora Zaza Ceballos e a Academia Galega do Audiovisual recibirán a Medalla de Galicia, que volverá entregarse o 24 de xullo
Agás sorpresa maiúscula, o Goberno galego continuará ausente do Día Nacional de Galicia. O Consello da Xunta deu este 15 de xullo o seu visto e prace á concesión das Medallas de Ouro de Galicia deste 2024 e, alén das designacións, confirmou tamén que volverá celebrar o seu acto de entrega o 24 de xullo. Isto é, na véspera do Día Nacional, sen que conste previsión ningunha de contar con axenda de seu no propio 25 de xullo.
O actor Luís Tosar, a produtora Zaza Ceballos e a Academia Galega do Audiovisual serán quen reciban a máxima distinción que outorga o Goberno galego co obxectivo, di o presidente, de "poñer en valor o noso audiovisual". O sector, mantén Alfonso Rueda, está "converténdose nun puntal cultural, artístico e económico" do país e así o queren recoñecer coas Medallas, ademais do seu labor na "difusión de Galicia e da súa cultura".
O propio Rueda ratificou que a data de entrega volverá ser o 24 de xullo, "o día anterior" ao Día Nacional, tal e como vén sucedendo "nos últimos anos". Eses "últimos anos" son a última década porque, de aí cara a atrás, malia ao perfil baixo que adoitaba manter durante a xornada, a Xunta si organizaba o acto de entrega das súas Medallas o propio 25 de xullo.
Feijóo mudou en 2014 as Medallas de Galicia para o 24 de xullo tras o accidente de Angrois para dedicalas ás persoas afectadas no sinistro e quen as asistiran malia ao criterio de boa parte das vítimas e só en 2021 volveron entregarse no propio Día Nacional
Para o 25 de xullo estaban tamén previstas no ano 2013, cando foi cancelada toda a programación ligada ao Día Nacional por mor do accidente de Angrois. Ao ano seguinte, en 2014, o gabinete daquela dirixido por Alberto Núñez Feijóo decidiu conceder as Medallas ás persoas afectadas polo sinistro e aos servizos sanitarios, de emerxencias e seguridade que as atenderon malia ao aberto rexeitamento de parte importante das vítimas.
Dende aquel ano, a Xunta optou por borrarse do 25 de xullo cunha única excepción, o 2021. Cadrando co Xacobeo e cunha visita do rei, o que sería derradeiro Día Nacional con Feijóo na presidencia si volveu acoller a entrega das Medallas, concedidas naquela ocasión aos servizos sanitarios pola loita contra a COVID.
De aí en diante, tanto en 2022 -primeiro Día Nacional con Rueda na presidencia- coma no pasado 2023, as Medallas volveron ao 24. E así sucederá tamén este ano.
Agás sorpresa maiúscula, o Goberno galego limitarase a asistir a actos organizados por terceiros, como a ofrenda da Casa Real ao Apóstolo na Catedral de Santiago. O Concello compostelán celebra este ano a segunda edición da Alba de Compostela o propio día 25
Deste xeito, agás no caso dun xiro radical que implique unha programación nova para o 25 de xullo, Rueda e os membros do seu Goberno volverán limitar a súa actividade nesa xornada a asistir a eventos organizados por outras entidades, encabezados por un que, en sentido estrito, é alleo ao Día Nacional de Galicia, a ofrenda da Casa Real ao Apóstolo na Catedral de Santiago. Ese acto, que está precedido por unha parada militar, non contará desta volta coa presenza do xefe do Estado, que delegou a "invocación" ao santo no presidente do Parlamento. O pasado ano encomendáraa ao propio Rueda.
Resta saber se, ao contrario do pasado ano, a Xunta si enviará algunha representación a outro acto institucional que si se celebra no propio Día Nacional, a Alba de Compostela o evento inspirado no histórico discurso Alba de Groria de Castelao co que o goberno de Santiago aposta por ter presenza de seu no 25 de xullo ao tempo que homenaxea persoas e entidades da cidade. Na súa segunda edición, Alba de Compostela recoñecerá a Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego; o comerciante e histórico dirixente veciñal Xaquín Mato; a catedrática Mabel Loza e o presidente do Foro Galego de Inmigración, Miguel Fernández.