A Xunta volve renunciar a estar presente con actos institucionais de seu no Día Nacional de Galicia. Excluíndo o 2013, cando foi cancelada toda a programación festiva, oficial e privada ligada ao 25 de xullo por mor do accidente de Angrois, son xa nove dos dez últimos anos nos que o Goberno galego decide estar ausente como tal da principal celebración da autonomía, limitándose a asistir a eventos doutras institucións e priorizando por riba de calquera outra acción a ofrenda da Casa Real ao Apóstolo Santiago na Catedral de Santiago.
A Xunta volve celebrar o 24 de xullo a entrega das Medallas de Galicia, que este ano recibirán Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez
Ata aquel 2013 o habitual era que a Xunta mantivese un perfil relativamente baixo no Día Nacional de Galicia -ao que o Goberno do PP só adoita referirse pola súa denominación oficial ao aprobar o calendario laboral de cada ano-, se ben adoitaba organizar nesa xornada a entrega das Medallas de Galicia. Tras a devandita suspensión, en 2014 o gabinete de Alberto Núñez Feijóo decidiu trasladar ese evento ao día 24 como homenaxe ás persoas afectadas polo sinistro, malia ao aberto rexeitamento de parte importante das vítimas.
Dende aquela, só en 2021 (cadrando co Xacobeo e cunha visita do rei) a entrega das Medallas volveu ao día 25. No pasado 2022, a Xunta volveu optar pola ausencia no primeiro Día Nacional con Alfonso Rueda na Presidencia. O pasado ano os galardóns da Xunta foron impostos o día 24 e así volverá suceder neste 2023, tal e como confirmou este xoves o propio presidente tras o Consello que decidiu outorgar as Medallas a tres persoeiros do ámbito musical: Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez -este último xa recibira a Medalla Castelao xunto a The Chieftains en 2013-. O Goberno destaca deles que son figuras cunha "importancia singular no panorama musical a nivel internacional" sen "perder nunca a vinculación con Galicia".
Rueda avanza que non vai asistir ao novo acto do Concello de Santiago polo Día Nacional porque "vai coincidir cos actos do Apóstolo" aínda que o goberno local xa manifestou que non o fará e asegura que o "acto central e principal" da "festa de Galicia" é a ofrenda da Casa Real ao Apóstolo, malia ser anterior e allea ao autogoberno galego
A ausencia da Xunta no Día Nacional será este ano aínda máis significativa porque o novo goberno municipal de Santiago, de BNG e Compostela Aberta, xa ratificou a súa intención de celebrar un acto institucional de seu no propio día 25. A organización deste acto, baixo o título Alba de Compostela -inspirado no discurso Alba de Groria de Castelao- foi criticada pola oposición municipal (PP e PSdeG), que pon o foco en que a nova alcaldesa, Goretti Sanmartín non acode á Eucaristía na que a Casa Real realiza a ofrenda ao Apóstolo, ritual instituído pola Monarquía no século XVII e que, as máis das veces, vén celebrando por delegación. Neste caso, o delegado será o propio Rueda, despois de que o pasado 2022 si asistise o monarca coa súa familia.
Rueda, coma o resto de autoridades, está convidado a ese novo acto pero xa confirmou que non ten intención de asistir. Preguntado ao respecto tras o Consello deste xoves, o presidente da Xunta xustificou a súa ausencia porque "segundo teño entendido, é a mesma hora" e "vai coincidir cos actos do Apóstolo que se celebran todos os anos pola mañá", en referencia á ofrenda da Casa Real. En realidade, a propia alcaldesa da capital galega xa confirmou en días pasados que o acto institucional do Concello será programado "nun horario en que non colida" cos "demais actos que se desenvolven no mesmo día".
Neste sentido, Rueda agrega que asistirá a esa ofrenda da Casa Real -que inclúe tamén unha recepción no Concello por parte da propia alcaldesa, cuxa asistencia está confirmada- "en representación de todos os galegos, os que teñan conviccións relixiosas e os que non". Porque, conclúe, "as institucións de Galicia deben estar o día da festa de Galicia no acto principal e central, sen ningunha dúbida".
O arcebispo de Santiago manifestou o seu "respecto" pola decisión da alcaldesa da cidade. O director da Fundación Catedral, cóengo do templo, secúndao e agrega que os diversos actos do día, "mentres non se solapen", son "compatibles"
En realidade, a ofrenda da Casa Real ao Apóstolo Santiago na Catedral é un acto non só tres séculos anterior, senón tamén alleo á autonomía e ao autogoberno galego. Nalgunhas ocasións da historia -caso das ditaduras de Franco e Primo de Rivera- foi contraposto polas autoridades a calquera expresión do galeguismo, mesmo á Misa de Rosalía que se celebra en San Domingos de Bonaval dende 1932, que foi mantida durante o franquismo por representantes do galeguismo interior e á que membros da Xunta adoitan asistir, se ben é tamén allea á propia institución gobernamental galega.
As consideracións de Rueda contrastan coas do arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, que manifestou o seu "respecto" pola decisión da alcaldesa. Fíxoo despois de alén de subliñar que a rexedora ten "as portas abertas" da Catedral por se decidise asistir agora ou no futuro
Nunha liña semellante, esta mesma semana o director da Fundación Catedral e cóengo do templo compostelán, Daniel Lorenzo, reiterou en declaracións a El Correo Gallego o seu "respecto" por que Sanmartín non acuda á misa, decisión que encadra no ámbito "das conviccións", e explicou que o propio Concello xa trasladou que "fará un esforzo por evitar que uns eventos se solapen con outros; non teño dúbida de que niso estará a traballar porque é o normal", subliñou. Para a Igrexa, evidenciou, "o acto central é a ofrenda", pero os demais actos, "mentres non se solapen e estean coordinados, poden ser compatibles".