Rueda apela na ofrenda ao Apóstolo ao "ben común" e á "unidade" tras o 23X

Alfonso Rueda, como delegado rexio durante a ofrenda ao Apóstolo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, exerceu este martes por primeira vez como delegado rexio na ofrenda ao Apóstolo, acto marcado inevitablemente polas eleccións xerais do pasado 23 de xullo e no que tamén se estreaba como arcebispo Francisco Prieto. 

Na súa intervención, Rueda lembrou que os españois comezaron "unha nova etapa nesta senda compartida que é o noso país" tras as eleccións do 23X e considerou que as institucións só "acertarán" neste proceso se se "antepón o ben común".

Rueda, durante a súa intervención na ofrenda ao Apóstolo CC-BY-SA Xunta / David Cabezón

Rueda apelou ao "ben común" e á "unidade" de España e advertiu de non "dividirse" nin quedar "paralizado" ante as "incertezas"

"Nada pode estar por riba do que une os españois de ambos os hemisferios", dixo Rueda, parafraseando a Constitución de Cádiz, nun discurso no que apelou á unidade do Estado e sinalou que a figura do Apóstolo, "exerce como recordatorio perenne da importancia de que España e Galicia sigan avanzando unidas" a pesar das "lexítimas diferenzas de pensamento", de intereses particulares ou de fe, "que non poden impedir que atopemos a maneira de collernos das mans para seguir avanzando unidos".

Co ex-presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo presente como xefe da oposición, Rueda recordou que "estes últimos días, os españois comezamos unha nova etapa nesta senda compartida que é o noso país", en referencia ao 23X. 

"Como sabe calquera bo camiñante, cando un grupo afronta unha bifurcación, non debe dividirse nin quedar paralizado polas naturais incertezas ou polo medo. Sexa cal for a alternativa que se tome, resultará máis árida e pedregosa cando os primeiros pasos parten ou poderían partir da fractura ou da desafección", advertiu, nun discurso con claras referencias ao resultado electoral e á futura formación dun goberno no Estado. 

Alfonso Rueda, co arcebispo Prieto, durante a ofrenda ao Apóstolo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O presidente da Xunta chamou "promover un progreso racional e equilibrado baixo a tutela da coroa"

Rueda tamén reivindicou o papel dos representantes públicos como "avogados defensores da pluralidade", para quen "a individualidade debe quedar en segundo plano". "Os responsables públicos debemos de ter sempre presente que, no exercicio do noso cargo non nos representamos a nós mesmos, nin tampouco aos nosos afíns", engadiu.

Tamén instou a "recuperar o valor dos símbolos nos que cabemos todos" e a "reforzar a credibilidade dos representantes electos", "protexer a quen necesita amparo e promover un progreso racional e equilibrado", iso si, apuntou, "baixo a tutela da coroa"

Baixo esta tutela monárquica, engadiu, debería poder construírse "unha nación aberta, próspera e acolledora" na que "cada español e cada galego atopen a mesma emoción, o mesmo confort e a mesma paz" que os peregrinos que "contemplan por primeira vez o botafumeiro".

Alfonso Rueda saúda a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, no Obradoiro CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Tampouco faltaron referencias ao Camiño de Santiago que, segundo Rueda, "rexistra unha afluencia alta que constata non só a recuperación do fluxo turístico, se non tamén resalta principios que algúns crían esquecidos". Entre eles, mencionou a introspección, a calma, a procura interior, o sacrificio ou o compañeirismo.

Para concluír, o presidente da Xunta lembrou tamén na súa intervención ás vítimas e familiares do accidente ferroviario de Angrois, "que nublou unha noite do Apóstolo de hai hoxe dez anos". "Para as vítimas, para os que sobreviviron a aquel sinistro e para todos os profesionais e voluntarios que aqueles días traballaron e velaron polas vítimas, vaia o noso respaldo e a nosa reclamación de Xustiza", dixo, logo de que o Goberno galego decidise non facer ningún acto de lembranza por ese décimo aniversario do sinistro

Logo, na recepción civil posterior ao acto eclesiástico, que tivo lugar no Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago, Alfnoso Rueda pediu servir ao "interese xeral" á marxe de "credos políticos". "Deixei por escrito o meu desexo de que por encima das diferenzas que podamos ter, hai cousas que deberían unirnos a todos e que deberiamos ser capaces de acordar polo ben de Galicia e España", insistiu. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.