"Non hai ningún acto previsto oficialmente máis que o respecto polas vítimas e a colaboración para que se desenvolvese o xuízo", di o presidente
O luns, 24 de xullo, cúmprense dez anos do accidente de Angrois que en 2013 deixou 80 mortes e 144 persoas feridas na véspera do Día Nacional de Galicia. Unha década despois a Xunta non celebrará ningún acto de lembranza, segundo confirmou este xoves o propio presidente Alfonso Rueda: "Non hai ningún acto previsto oficialmente máis que o respecto polas vítimas e a colaboración para que se desenvolvese o xuízo".
O ano seguinte ao accidente, en 2014, Feijóo decidiu adiantar un día, ao 24 en que ocorreu o sinistro, o acto de entrega das Medallas de Galicia que ata daquela a Xunta celebrara o propio día festivo, o 25, que quedou así orfo de calquera tipo de acto oficial propio da administración galega.
Feijóo defendeu o adianto das medallas como un xeito de lembrar o sinistro malia a negativa da principal plataforma de vítimas e de veciñanza de Angrois, que o considerou un intento de tapar cun acto institucional as súas reclamacións de xustiza. De feito, varios anos a entrega dos galardóns foi fixada á mesma hora que a manifestación ata o Obradoiro ou a concentración que as vítimas fan na curva de Angrois.
Pero así quedou en 2014 e nos anos seguintes, ata que en 2021, Xacobeo, a Xunta, aínda con Feijóo, volveu desprazalo ao día 25, coincidindo cunha visita do Rei, que presidiu a entrega das medallas. Pero en 2022, xa con Rueda como presidente, as medallas volveron ao día 24 e nesa xornada se manteñen tamén este ano, cando a Xunta xa non relaciona a data coa lembranza de Angrois.
Este xoves Rueda foi preguntado sobre que actos ten previstos a Xunta polo décimo aniversario do accidente. "Non hai ningún acto previsto oficialmente máis que o respecto polas vítimas e a colaboración que temos dado estes meses para que o xuízo se desenvolvese", foi a súa resposta, na que incidiu en que "en principio non hai máis que un apoio ás vítimas e unha manifestación de respecto".
Nada dixo Rueda da posibilidade de relacionar outros actos cunha lembranza do sinistro de Angrois malia que na mesma rolda de prensa tamén se lle preguntou por outros eventos arredor da xornada festiva do 25. O presidente foi cuestionado pola súa posible asistencia ou ausencia ao acto cívico que por primeira vez prepara o Concello de Santiago para o 25, o denominado Alba de Compostela.
A Xunta non organiza ningún acto de lembranza de Angrois nin tampouco ningún acto oficial polo Día Nacional de Galicia no propio 25 de xullo
O PP criticou que o novo goberno local do BNG e Compostela Aberta pretendese con el contraprogramar a ofrenda ao Apóstolo que organizan a Casa Real e a Igrexa, acto ao que non asistirá a alcaldesa. Pero ese acto será despois da ofrenda na Catedral, na que este ano o propio Rueda será delegado rexio e que malia a súa orixe relixiosa os populares pretenden asimilar como un acto máis do Día Nacional de Galicia.
"A miña intención é manter a axenda que se mantivo todos os anos", dixo Rueda sobre a súa participación nos actos da próxima semana. "Eu teño claro que o día 25 sempre o que houbo foi a ofrenda ao Apóstolo e os actos que despois se desenvolven coa recepción no Concello", asegurou o presidente obviando as Medallas de Galicia desprazadas hai unha década á xornada previa.
Así que este 25 de xullo o Día Nacional de Galicia volverá quedar orfo de ningún acto organizado pola propia Xunta e o accidente de Angrois non recibirá ningunha lembranza por parte da administración galega.