O xulgado vén de urxir novamente unha resposta ao Goberno galego, que quedou sen director xeral de Xustiza hai unha semana e que no seu momento impuxo ao instrutor do caso como peritos a funcionarios propios sen experiencia ferroviaria
O xulgado do Penal número 2 de Santiago, que será o encargado de xulgar o accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013, xa fixou a data de inicio do mesmo, en outubro, máis de nove anos despois do sinistro. Pero segue pendente de concretar onde se celebrarán as vistas porque a Xunta aínda non llo comunicou. Este mércores ese xulgado vén de urxir novamente o Goberno galego a que lle conteste lembrándolle que está “paralizado o procedemento por este motivo”.
A Xunta quedou sen director xeral de Xustiza o pasado xoves, cando o ata agora responsable, Juan José Martín, un dos altos cargos máis veteranos, renunciou ao cargo para asumir outro no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Desde ese momento o cargo está vacante, á espera de que o novo vicepresidente con competencias na materia, Diego Calvo, que herdou ese departamento do propio Alfonso Rueda, nomee un novo ou nova responsable.
O Goberno galego, como competente para dotar dos medios necesarios á administración de xustiza en Galicia, non só é quen debe facilitar o lugar adecuado para un xuízo que prevé a intervención de preto de 500 testemuñas senón que tamén foi quen lle impuxo ao primeiro xuíz instrutor do caso como peritos a funcionarios propios sen experiencia en materia ferroviaria, un dos cales plaxiou parte da súa peritaxe.
A maxistrada encargada de xulgar o accidente de Angrois será María Elena Fernández Currás, irmá da primeira conselleira de Facenda que tivo Feijóo, Marta Fernández Currás. Pero é a letrada da administración de xustiza do seu xulgado a que asina a dilixencia que este mércores vén de remitir ás partes na que se sinala que o 13 de maio requiriu á Dirección Xeral de Xustiza da Xunta que comunicase “con carácter urxente a este xulgado o lugar no que está previsto a celebración do xuízo”. “Non constando ao día da data contestación”, engade o escrito, ordénase trasladar á Xunta unha nova petición “a fin de que procedan con carácter urxente a comunicar o lugar da celebración do xuízo, estando paralizado o procedemento por este motivo”.
A causa xudicial por Angrois vén sufrindo todo tipo de demoras, en parte atribuíbles a Adif e Renfe, pero en parte froito de erros xudiciais ou da intervención da propia Xunta
Desde o comezo da instrución do xuízo de Angrois hai case nove anos o caso vén sufrindo todo tipo de demoras, en parte atribuíbles a Adif e Renfe, pero en parte froito de erros xudiciais ou da intervención da propia Xunta. Porén, Feijóo librouse de dar explicacións ao respecto ao non ser citado polos grupos parlamentarios cando se celebrou no Congreso a comisión de investigación sobre o accidente que nunca chegou a emitir as súas conclusións.
No seu momento a Xunta impuxo como peritos xudiciais funcionarios propios sen experiencia en materia ferroviaria co argumento de que para aforrar había que priorizar para esas tarefas ao persoal público antes de contratar a expertos alleos. Esas peritaxes, con diversas eivas, demoraron máis dun ano a instrución do accidente. Porén, ao tempo que facía iso coa causa do accidente de Angrois, o Goberno galego seguía permitindo que outros xulgados si puidesen encargar peritaxes independentes con cargo ás contas públicas.