A plataforma de afectados queixouse das demoras acumuladas en oito anos e pediulle os medios para que o comezo da vista non tarde máis de medio ano, ao que José María Gómez responde que compete ao xulgado e á Xunta, que debe facilitar a sede
O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez e Díaz-Castroverde, considera que os oito anos de investigación xudicial do accidente de Angrois, ocorrido o 24 de xullo de 2013, son “moito tempo”, aínda que houbo “circunstancias concretas” que dilataron a súa conclusión. Así llo di á Plataforma de Vítimas do accidente nunha carta na que contesta a outra previa dos afectados na que se queixaban das demoras acumuladas e lle pedían os medios necesarios para que o xuízo poida comezar no primeiro trimestre de 2022.
O presidente do tribunal considera “realista” esa previsión, pero lembra que decidir o inicio do xuízo compete ao xulgado do penal que o xulgará, mentres que é á Xunta á que corresponde seleccionar o local adecuado para celebrar unhas vistas cun elevado número de partes persoadas nunha causa con 80 mortes e 140 persoas feridas na que se xulgará ao maquinista do tren Alvia por despistarse e a un cargo de Adif por non paliar o risco que existía na liña de AVE entre Ourense e Santiago.

A Plataforma de Vítimas de Angrois escribiu unha carta ao presidente do tribunal queixándose dos sucesivos atrasos e erros rexistrados ao longo de toda a instrución xudicial do accidente. Un escrito no que lamentaban que algunhas das persoas afectadas polo sinistro faleceron durante estes oito anos, polo que “para eles xa nunca haberá xustiza e lamentablemente xa nada se pode facer”. “O que si entendemos que pode facer o TSXG é poñer todo o esforzo e os medios técnicos e humanos necesarios para garantir que o xuízo comece no primeiro trimestre de 2022, tal e como vostede anunciou aos medios de comunicación”, pedíanlle os afectados.
A resposta do presidente do TSXG, nunha carta asinada o 2 de novembro, comeza agradecendo ás vítimas a confianza e reiterando que “en efecto, dixen nalgunha ocasión que unha xustiza lenta non é xustiza, e recentemente, con relación a este xuízo manifestei que, se ben oito anos desde que ocorreu o accidente é moito tempo, tamén hai que asumir as circunstancias concretas da instrución, a súa complexidade xurídica e as diferentes situacións procesuais”. “En calquera caso, tamén sostiven que agora xa non é o momento de mirar cara atrás, senón cara adiante e procurar que o inicio das sesións do xuízo se demore o menos posible”, engade Gómez e Díaz-Castroverde.
“No momento actual o límite do primeiro trimestre do ano 2022 ségueme parecendo realista", di o presidente do Tribunal Superior de Galicia
O presidente do Tribunal Superior eloxia na súa carta a “xenerosidade” do segundo xuíz instrutor do caso, Andrés Lago Louro, por seguir co mesmo malia obter un traslado a outro xulgado. E di que “no momento actual o límite do primeiro trimestre do ano 2022 ségueme parecendo realista, se ben deba significar que, pola cantidade de partes persoadas, o xuízo non se poderá celebrar na sede dos xulgados” senón noutro lugar. “Este local non corresponde seleccionalo ao TSXG, senón á Xunta de Galicia, que é a Administración prestacional en materia de xustiza, pero estou seguro de que comparte estes criterios”. Unha Xunta que estaría avaliando a posibilidade de celebrar o xuízo na Cidade da Cultura, polas súas dimensións, proximidade aos xulgados de Santiago e bos accesos.

O presidente do tribunal remata lembrando que “en todo caso, o inicio do xuízo haberá de decidilo o xulgado do penal competente, neste caso o número 2, pois a independencia xudicial, que eu defendo en toda circunstancia e lugar, así o esixe”. “Cuestión distinta é o que atinxe a dotar o xulgado da infraestrutura precisa, na que colaboraremos coa Xunta de Galicia”, conclúe José María Gómez e Díaz-Castroverde.