O novo goberno municipal de Santiago avanzou nos primeiros días do seu mandato a intención de organizar un acto institucional de seu polo 25 de xullo, xornada grande das Festas do Apóstolo e Día Nacional de Galicia, celebración central da autonomía na que un ano máis a Xunta estará ausente. Poucos días despois, o gabinete que preside Goretti Sanmartín (BNG) en coalición con Compostela Aberta concretou que ese acto se titulará Alba de Compostela, coa inspiración do histórico discurso Alba de Groria de Castelao, e que nel o Concello homenaxeará persoas e institucións da cidade destacadas en diversos ámbitos.
O cóengo Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral pola divulgación da restauración do templo, e a psicóloga Rosa Álvarez, polo Plan Socio-Comunitario de Vite, destacan entre as persoas homenaxeadas na primeira edición de 'Alba de Compostela'
A unha semana da cita, o goberno local desvelou detalles do evento que, en boa medida, neutralizan gran parte das críticas que suscitara no PP compostelán e galego e tamén no PSdeG local. O acto Alba de Compostela non cadra coa hora da ofrenda da Casa Real ao Apóstolo na Catedral -a Eucaristía é ás 12h30 e o acto do Concello, ás 13h15-. Ademais, unha das institucións homenaxeadas é a Fundación Catedral de Santiago na persoa do seu director, Daniel Lorenzo, cóengo da basílica compostelá, o que fai difícil de interpretar o acto como ataque á institución católica que, por outra banda, xa advertira de que non o ve con mallos ollos sempre e cando non se "solape" cos seus, con independencia de que Sanmartín non acuda á misa.
A homenaxe a Daniel Lorenzo, explica o Concello, céntrase "no seu labor para achegar á cidadanía o proxecto de rehabilitación da Catedral". Durante os anos das obras de restauración, que atinxiron a elementos clave como a nave central e o Pórtico da Gloria, destaca o consistorio, Lorenzo contribuíu a "socializar o proceso" mediante un "coidado programa de visitas" que "puxo en valor a complexidade e importancia da conservación desta obra do patrimonio histórico e universal", destacan.
Xunto a el, tamén será homenaxeada Rosa Álvarez Prada. A actual decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia é unha das protagonistas da primeira Alba de Compostela na súa calidade de directora técnica do Plan Socio-Comunitario de Vite. A súa dedicación, salientan, foi clave nun proxecto social que transformou esa contorna, moi afectada por problemáticas como a pobreza e a drogadicción no pasado, partindo da propia veciñanza ata convertelo nun "modelo de intervención sociolaboral, colaborativa e educativa".
Os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi, "polos seus éxitos en ligas galegas e estatais", e a propietaria do pub Borriquita de Belém, Ánxeles González Porto, "polo seu labor de dinamización da zona histórica da cidade, contribuíndo a resignificar os espazos de lecer nocturno a través da experiencia cultura", completan as homenaxes na primeira edición dun acto co que, salienta o goberno local, o Concello quere "sumarse de forma activa á celebración do día grande da cidade e de Galicia".
Os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi e a propietaria do pub Borriquita de Belém serán tamén homenaxeadas nun acto que se inspira no 'Alba de Groria' de Castelao no seu 75 aniversario. Os grupos municipais de PP e PSdeG opóñense e cuestionan a legalidade do acto
Alba de Compostela, explican, "bebe do contido simbólico e histórico" do Alba de Groria no seu 75 aniversario. O histórico discurso de Castelao dende o exilio, lembran, "sitúase na mañá do 25 de xullo" e pon o foco en diversos "personaxes históricos que dende a Idade Media contribuíron a construír a identidade e a presenza no mundo de Santiago e de Galicia e formula un desexo de esperanza no futuro".
O goberno de Santiago xa advertiu da súa intención de convidar, xunto a representantes da veciñanza e persosa homenaxeadas, ás autoridades que acoden aos actos da Casa Real e ás demais celebracións da xornada. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa ratificou que non ten intención de acudir. Os grupos municipais de PP e PSdeG pola súa banda, esgrimen que o goberno local non ten competencias para "crear un recoñecemento" coma este e, apelando a un informe que solicitaron á secretaría do Concello, instan á cancelación do acto e, no caso dos populares, descualifícano como "acto ilegal".