O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, proclamou que o seu partido e en xeral a esquerda en Galicia está "preparada" para que o presidente da Xunta e do PP, Alfonso Rueda, convoque as eleccións autonómicas cando "queira".
"O PSOE, a esquerda en Galicia, está preparada para un cambio de rumbo neste país, que claramente necesita inxectarse de moral, de ilusión, un goberno que empece a espertar o país", afirmou ao ser preguntado, na ofrenda floral a Castelao do PSdeG polo Día Nacional de Galicia, se os resultados das xerais afastan a hipótese dun adianto electoral das autonómicas.
"O PSOE, a esquerda en Galicia, está preparada para un cambio de rumbo neste país", di Formoso
Para Formoso, "ábrese unha nova etapa" porque entende que os resultados electorais no país, tanto das xerais como das municipais de hai dous meses, van na liña de que a cidadanía quere "unha opción progresista tamén en Galicia".
"A maioría dos votos son progresistas neste país", insistiu, tras advertir de que "Galicia dixo non a Feijóo" o pasado 23X. "As forzas de esquerda suman máis que o PP; as expectativas dun cambio de goberno en Galicia están concretándose", engadiu.
O secretario xeral do PSdeG cre que os resultados das municipais e das xerais indican que a cidadanía "quere unha opción progresista tamén en Galicia"
Ademais, remarcou que a sociedade demostrou a súa responsabilidade o pasado domingo ante "a ameaza reaccionaria que campa en toda Europa menos en España" e subliñou o "mandato claro" do electorado para o diálogo.
"Un partido que leva sementando o consenso, o diálogo durante 144 anos, ten moitas máis facilidades de chegar a acordos que un partido apoiado na ultradereita, na mensaxe do odio e que claramente non permite que ninguén pense distinto. Teñen moitísimo máis difícil conformar goberno as opcións de dereitas", aseverou
“Gañou a política útil”, dixo o secretario xeral do PSdeG sobre o resultado electoral. Gañou a política “que fuxe de posicións radicais e traballa por construír un país mellor, dotando de maiores dereitos á maioría social que conforman en gran parte as clases medias e traballadoras”, reiterou.
Formoso tamén fixo un chamamento "protexer a autonomía galega" das forzas reaccionarias que foron derrotadas o pasado domingo nas urnas e que que ameazan coa “involución e o retroceso” nos dereitos e nas liberdades acadadas nos últimos anos.