Vite botou a andar con grandes problemas de falta de servizos e de drogadicción. Porén, funcionou tamén dende o comezo un orgulloso tecido social que foi construíndo o barrio, construído comunidade e que foi quen de darlle a volta a estes problemas.
O barrio compostelán de Vite comezou a construírse nos anos 60 do pasado século, ao abeiro do crecemento da cidade máis aló do Ensanche. Nese momento abriuse a actual avenida Xoán XIII e construíuse tamén un albergue de peregrinos temporal para o ano santo de 1965, o Burgo das Nacións, cuxos barracóns foron reconvertidos e funcionaron como residencia de estudantes durante case dúas décadas. As expropiacións para a construción dos grandes bloques de vivendas que o conforman comezou nos anos 60, aínda que a construción real tivo lugar nos anos setenta e os primeiros residentes comezaron a vivir neles a partir do ano 1978.
Como sucedeu en moitas zonas residenciais de nova creación, Vite botou a andar con grandes problemas de falta de servizos. Ademais, ao igual que sucedía en numerosos barrios urbanos nese tempo, Vite sufriu o problema da drogadicción nos anos oitenta e creceu ao seu redor unha lenda negra que durante anos o identificou como un lugar perigoso, de marxinalidade. Porén, en Vite funcionou tamén dende o comezo un orgulloso tecido social que foi construíndo o barrio, construído comunidade e que foi quen de darlle a volta a estes problemas.
O libro analiza as transformacións experimentadas polo barrio dende os anos 70 "dende unha situación de conflitividade e descontento inicial", motivada porque "as infraestruturas non estaban completas, os edificios tiñan deficiencias, e faltaban dotacións e espazos para unha boa convivencia"
O xornalista Joel Gómez vén de publicar a través do CSIC o libro Vite de Compostela. A comunidade (auto-) construida, que analiza as transformacións experimentadas polo barrio dende os anos 70 "dende unha situación de conflitividade e descontento inicial", motivada porque "as infraestruturas non estaban completas, os edificios tiñan deficiencias, e faltaban dotacións e espazos para unha boa convivencia". Porén, destaca o autor, "as mobilizacións da veciñanza para esixir solucións, e a súa implicación en iniciativas para mellorar o seu benestar, favoreceron unha boa resposta das institucións de ámbito estatal, autonómico e local", o que fixo que finalmente Vite se convertese "nun espazo residencial atractivo e modélico, con zonas verdes, servizos públicos axeitados e un enorme dinamismo".
Porén, "as mobilizacións da veciñanza para esixir solucións, e a súa implicación en iniciativas para mellorar o seu benestar" fixeron que Vite se convertese "nun espazo residencial atractivo e modélico"
"Para quem chega novo, é difícil entender como nom há muito tempo nos meios de comunicaçom se identificava Vite como zona da maior marginalidade (...) Houvo até casos de taxistas que se negárom a ir às suas ruas polo perigo que percebiam. Hoje nom acontece: antes polo contrário, há orgulho de ser de Vite, e parecem muito longe os graves problemas sociais que, desde finais da década de setenta do século XX, convertêrom este lugar numha espécie de reserva de excluídos, com muito escassa qualidade de vida", comenta o autor no libro.
Para Gómez, nese cambio influíu de forma decisiva a aprobación do Plan Sociocomunitario de Vite, promovido pola asociación de veciños Polígono de Vite, con financiamento e apoio da Xunta desde 1990
Para Gómez, nese cambio influíu de forma decisiva a aprobación do Plan Sociocomunitario de Vite, promovido pola asociación de veciños Polígono de Vite, con financiamento e apoio da Xunta desde 1990, e con profesionais. O autor destaca que o plan "serviu para consolidar a Coordenadora de Vite, na que se integraron os colexios públicos de primaria e secundaria, o centro de saúde, a residencia universitaria dos desaparecidos pavillóns do Burgo, ademais de diversas asociacións xurdidas no barrio".
Nese tempo leváronse a cabo en Vite actividades "pioneiras en Santiago", como as semanas de cinema ao aire libre, as olimpíadas culturais e deportivas, as campañas de prevención das drogas, ou as actividades orientadas á alfabetización de persoas adultas.
De igual xeito, o autor destaca que o centro de saúde de Vite "foi o primeiro de Santiago, e pioneiro en Galicia, en funcionar co modelo de equipos de atención primaria"
De igual xeito, o autor destaca que o centro de saúde de Vite "foi o primeiro de Santiago, e pioneiro en Galicia, en funcionar co modelo de equipos de atención primaria". Ofreceu á súa poboación adscrita oportunidades como a vacinación antigripal cando aínda non existían as campañas públicas, iniciou a formación de especialistas de medicina familiar e comunitaria e adiantouse na telemedicina e na posta en marcha dun programa de prevención da dependencia, sinala.
Joel Gómez salienta igualmente a actividade do centro sociocultural municipal do barrio, denominado José Saramago ("o Prémio Nobel de Literatura português queria que o seu nome ficasse associado a um bairro humilde, de operários", sinala o autor). O centro, ademais dunha biblioteca pública de barrio, acolle a iniciativa Vite Arquiva, que busca ser un arquivo vivo e colaborativo, realizado e compartido por varias xeracións e voces, para rexistrar a memoria de Vite.
O autor conclúe que Vite "deixou de ser um polígono de vivendas e consolidou-se como um espaço com forte personalidade" e constitúe "um exemplo de como se constrói umha comunidade a partir da base, com o envolvimento da toda a populaçom"
O autor conclúe que Vite "deixou de ser um polígono de vivendas e consolidou-se como um espaço com forte personalidade" e constitúe "um exemplo de como se constrói umha comunidade a partir da base, com o envolvimento da toda a populaçom"
O libro está promovido precisamente desde ViteArquiva, vencellada ao proxecto de investigación HabitPAT, financiado polo Estado e liderado polo Instituto de Ciencias del Patrimonio (INCIPIT). O obxectivo do proxecto é analizar a unha escala local as responsabilidades, expectativas, obrigas e retornos dos procesos de patrimonialización, situando o foco nos contextos cotiáns nos que se habita o patrimonio.
Chévere: un barrio que é o reverso da cidade turística
O libro súmase ao proxecto posto en marcha por Chévere que buscaba recoller a memoria do barrio a través de ficcións sonoras teatralizadas
O libro vén sumarse, ademais, ao proxecto posto en marcha por Chévere o pasado ano a través dunha iniciativa do Centro Dramático Nacional, Dramawalker Vite, que buscaba recoller a memoria do barrio a través de ficcións sonoras teatralizadas. "Máis alá da historia oficial do barrio, Dramawalker pretende construír unha intrahistoria a partir dos testemuños da poboación, potenciando o seu vínculo emotivo e identitario e achegando ao resto da cidadanía a un novo mapa de vivencias por descubrir", destacaba Chévere na presentación do proxecto.
Para Chévere, Vite "acolle un orgulloso tecido social e comunitario, que sabe o que significa ter que loitar para conseguir infraestruturas básicas e mellorar a vida da súa veciñanza"
A compañía destacaba que Vite foi un barrio "poboado maioritariamente por persoas con escasos recursos procedentes doutras zonas da cidade", sen relación previa entre si, "que foron realoxadas en pisos de protección oficial". Para Chévere, Vite é un barrio "que é o reverso da cidade turística, que representa a vertente máis social do planeamento urbano, que enfronta e conecta o desarrollismo franquista coa Transición, que integra comunidades diversas, que acolle un orgulloso tecido social e comunitario, que sabe o que significa ter que loitar para conseguir infraestruturas básicas e mellorar a vida da súa veciñanza, que leva marcada na pel a pegada das drogas e que inventou aquel berro de autodeterminación que facía a diferencia na cidade a comezos dos noventa: Vite Nazón!"