Deslucido, baixo a chuvia, nunha xornada encaixada entre as eleccións xerais do domingo e o remate do xuízo previsto para o xoves. Afastado dos focos e sen lembranzas oficiais. Así transcorreu este luns o décimo aniversario do accidente de Angrois, unha cifra redonda, unha década, que non foi quen de impoñerse ás circunstancias.
A atención mediática ás eleccións xerais e a decisión da Xunta de non organizar ningunha lembranza oficial marcaron unha xornada na que as vítimas seguiron reclamando xustiza e responsabilidades políticas
Aínda con resaca da noite electoral, a xornada comezou coa habitual manifestación convocada pola plataforma de vítimas do accidente entre a estación de tren de Santiago á que nunca chegou o Alvia descarrilado en Angrois e a praza do Obradoiro. Unha marcha na que os afectados estiveron este ano acompañados pola nova alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, do BNG, a formación política máis activa no caso, un apoio que non sucedía desde a alcaldía de Martiño Noriega, de Compostela Aberta.
Xa no Obradoiro, baixo un ceo poallento que lembraba o que cubriu Compostela na noite do 24 de xullo de 2013, os afectados volveron reclamar cun manifesto xustiza e responsabilidades políticas. Das segundas teñen poucas esperanzas tras o trato que lles deu durante esta década a "maquinaria do Estado", contra a que cargaron este luns nas persoas do fiscal e dos avogados do Estado que defenden a inocencia de Adif. Canto a Xustiza, será aínda agora cando fale, xa que o xuízo penal polo accidente está previsto que remate este xoves tras todo tipo de demoras.
Pero non só a xustiza chegou con demora ao décimo aniversario de Angrois. Dez anos despois do accidente o sistema ferroviario español segue pendente de aplicar unha das nove melloras recomendadas tras o sinistro.
E quen non chegou ao décimo aniversario nin con demora foron as administracións. Nin a cifra redonda dos dez anos serviu para que a Xunta organizase ningún acto oficial de lembranza do que hai unha década presentaba como unha xornada que Galicia nunca esquecería. Tampouco o Estado apareceu este 24 de xullo.
Todos estes obstáculos non impediron que vítimas e familiares de falecidos repetisen a liturxia de todos os anos e, tras a manifestación da mañá, concentráronse pola tarde na propia curva de Angrois. Alí, dez anos despois de que o Alvia deixase 80 persoas mortas e 144 feridas, as vítimas volveron conxurarse contra o esquecemento.