O Estado conclúe que a condución do maquinista de Angrois non foi "normal" e exculpa que Adif non tivese máis seguridade

Os avogados do Estado que defenden a Adif durante a súa intervención final no xuízo de Angrois este xoves 20 de xullo de 2023 CC-BY-SA Praza Pública

A Avogacía do Estado ampara a actuación da empresa pública e do seu cargo acusado en que a normativa ferroviaria, ditada pola propia administración, é de interpretación dubidosa, na liña da Fiscalía que a cualificou de "galimatías xurídico"

Adif e o seu cargo acusado non fixeron nada que mereza reproche penal pero si o maquinista. Arredor desas ideas xirou a intervención final no xuízo polo accidente de Angrois da Avogacía do Estado, que defende a empresa pública

Unhas conclusións, a catro días do décimo aniversario do sinistro e a unha semana de que remate a vista oral, nas que o letrado do Estado se escudou en que a normativa de seguridade ferroviaria elaborada pola propia administración pode ten interpretacións dubidosas que exculparían a actuación de Adif. Pola contra, ao seu ver o maquinista non tivo unha actuación "normal" nin actuou coa "mínima dilixencia".

Andrés Cortabitarte, cargo de Adif acusado polo accidente de Angrois, entrando ao xuízo hai uns días CC-BY-SA Praza Pública

No xuízo de Angrois, co maquinista e un cargo de Adif acusados de 80 mortes, por despistarse ao recibir unha chamada do interventor e non frear a tempo o primeiro, e por non habilitar medidas que evitasen o previsible erro humano o segundo, a postura da empresa pública xestora das vías é peculiar. Defendida pola Avogacía do Estado, ao estar acusado un empregado seu non pode exercer de acusación contra o outro implicado, o maquinista, polas mortes, pero si polo danos que sufriu a súa propia infraestrutura ferroviaria ao descarrilar o tren. 

Malia que todo tipo de peritos e expertos independentes reiteraron no xuízo que "o ser humano antes ou despois vai cometer fallos", o Estado dixo este xoves que "Adif non pode deseñar as súas vías pensando que os maquinistas van despistarse"

Pero condenar o maquinista por unha cousa implicaría condenalo pola outra, e o que fixo este xoves a Avogacía do Estado, como durante todo o xuízo, foi incidir en que foi o condutor do Alvia quen incumpriu diversas normas ao despistarse mentres que Adif nada fixo en contra dunha normativa de seguridade ferroviaria fixada fundamentalmente por ela mesma.

O avogado do Estado comezou a súa intervención final no xuízo facendo unha reflexión xeral sobre o dereito penal e como este ten que ser sempre o último recurso e só para "aquelas condutas que sexan máis graves e atentatorias contra a convivencia social". Segundo dixo, ante unha traxedia como a de Angrois "sempre que se buscan culpables é común que as miradas se dirixan ao incómodo poder, parece que todo o poden e tamén que todo o poden evitar". Pero no caso do accidente a súa visión é que "Adif non pode deseñar as súas vías pensando en que os maquinistas van desatender a condución" ou despistarse. Unha afirmación que realizou malia que durante o xuízo todo tipo de peritos e expertos independentes reiteraron que "o ser humano antes ou despois vai cometer fallos".

Sinalización e sistemas de seguridade na curva de Angrois © Adif

O letrado amparou a actuación de Adif, e polo tanto do seu cargo acusado, Andrés Cortabitarte, en que a normativa ferroviaria establecida polo propio Estado ten unha interpretación dubidosa á hora de establecer como se deben analizar e paliar os posibles riscos para a seguridade, na liña do que dixera o fiscal hai unhas semanas ao cualificala de "galimatías xurídico". E preguntouse se a xustiza pode condenar a alguén por unha "interpretación" que puidera ser errónea. Isto é, veu dicir que a interpretación que Adif e o seu cargo fixeron da súa propia normativa de seguridade non evitou o accidente, pero que iso, ao seu ver, non pode ser reprochable penalmente.

Pola contra, sobre a actuación do maquinista, e na liña de negar que se tivese que prever o erro humano, o avogado do Estado asegurou que a infraestrutura ferroviaria "está preparada para evitar un lapsus", pero "o que non está preparada é para absorver un exceso de velocidade que non ten en absoluto un rango normal". "Aquí non estamos falando dun lapsus", dixo o letrado, pero en lugar de referirse ao ocorrido como unha "perda de conciencia situacional", concepto técnico empregado incluso por Renfe e que implica que a persoa nada pode facer para evitar o seu propio despiste, o representante do Estado asegurou que "o que se produce é unha situación de desatención prolongada", atribuíndolle así unha certa intencionalidade.

Nesa liña, a Avogacía do Estado dixo que o maquinista non actuou "cunha mínima dilixencia" e, sobre a chamada que recibiu do interventor e que o levou a perder a conciencia situacional, asegurou que prolongala "é unha absoluta temeridade". 

Vista xeral do xuízo de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

O avogado do Estado rematou o seu alegato final asegurando que "en Adif cremos firmemente que o señor Cortabitarte é inocente e que Adif non causou o accidente", pero tamén dixo lamentar a falta de empatía que amosou a empresa pública coas vítimas

O letrado rematou a súa intervención final no xuízo, de dúas horas e media, facendo varias "reflexións". "En Adif cremos firmemente que o señor Cortabitarte é inocente e que Adif non causou o accidente", dixo, e engadiu que "por iso non somos uns mentireiros nin uns cínicos, quereríamos que tamén o entendesen as vítimas e a súa contorna". Tamén asegurou que "este accidente representou un antes e un despois no sistema ferroviario español".

O avogado do Estado dixo que "é difícil pedir perdón por algo do que non se é responsable", pero engadiu que si "hai algo que Adif podía ter feito mellor", que ao seu xuízo foi o trato que deu ás vítimas tras o sinistro, cuestión que os afectados veñen denunciando desde hai unha década e reiteraron no xuízo. "Lamento fondamente que a administración ás veces se amose distante e careza de empatía", dixo, para engadir que ese non é o sentir das persoas que integran esas administracións. E rematou amosando a súa "plena confianza en que este tribunal vai actuar con xustiza".

O xuízo remata o próximo xoves, tres días despois do décimo aniversario do accidente, e despois a xuíza deberá emitir a sentenza, previsiblemente no outono

O xuízo rematará previsiblemente a próxima semana, tres días despois do décimo aniversario do accidente, coas intervencións o mércores das aseguradoras de Adif e Renfe e o xoves, na última xornada, das defensas dos dous acusados. Despois será a xuíza, Elena Fernández Currás, quen decida, posiblemente durante o outono, se hai dous condenados, un ou ningún. Porque tamén é posibleque o xuízo remate sen ningún condenado. De feito, durante as sesións a xuíza fixo veren varias ocasiónsas limitacións ás que se enfronta a xustiza penal.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.