Pais dun falecido en Angrois cargan contra a ex-ministra Pastor e a xuíza ve "claro que non hai sentenza que poida satisfacelos"

Manifestación da plataforma de vítimas de Angrois o pasado 24 de xullo CC-BY-SA Praza Pública

Os pais dun mozo falecido relatan as dificultades para desvelar as eivas de seguridade que se están a analizar no xuízo pero a maxistrada dilles que iso “queda fóra” do seu ámbito e remíteos ao "que se pode esperar dun proceso penal”

“Estanme deixando moi claro que non hai sentenza que poida satisfacelos de ningunha maneira”. Así respondeu este martes a xuíza do accidenfelete de Angrois, Elena Fernández Currás, a un pai e unha nai dun mozo falecido no sinistro que durante a súa comparecencia no xuízo como vítimas criticaron a falta de transparencia e os obstáculos postos á investigación durante o mandato á fronte do Ministerio de Fomento da popular Ana Pastor, á que acusaron de tentar bloquear información “porque había eleccións”. A xuíza fíxolles ver que as súas queixas quedan “fóra” do seu ámbito, o do xuízo penal polo accidente, e admitiu que “a vostedes non hai cartos que os pague”.

Un tren Alvia ao seu paso pola curva de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

Na sesión deste martes do xuízo dentro da fase centrada en determinar o dano causado ás vítimas, tamén o que se mantivo no tempo despois do accidente, compareceron a nai e o pai dun mozo de 27 anos de Segovia morto en Angrois. A nai foi a primeira en comparecer e a preguntas do seu avogado -ao contrario que noutras comparecencias non preguntou ningunha parte máis- relatou os sufrimento primeiro da indefinición do que pasara co seu fillo desde que soubo do accidente pola televisión e iniciou viaxe a Santiago e despois a constatación do falecemento un día máis tarde. 

A nai do mozo falecido lembra que Pastor lles dixo que os ía "apoiar sempre" pero despois "estivo bloqueando" o informe da Axencia Ferroviaria Europea crítico con España que afianzou a investigación contra Adif e non só contra o maquinista

A muller criticou a desatención por parte das institucións e contou que cando acudiu á oficina de atención ás vítimas habilitada polo Ministerio de Fomento o que lle preguntaron foi se durmía ou tomaba pastillas, “sen empatía”. “Eu necesitaba falar con persoas que estiveran na mesma situación, que perderan un fillo”, dixo, e así foi como acabaron constituíndo a plataforma de vítimas do sinistro que tivo un papel moi activo na investigación das eivas de seguridade que presentaba a liña de alta velocidade Ourense-Santiago e que agora están a ser xulgadas cun ex-cargo de Adif como acusado ao mesmo nivel que o maquinista. 

Sobre esas investigacións que emprendeu a plataforma a muller criticou a “falta de transparencia, as ocultacións” por parte de distintos niveis da administración estatal daquela gobernada polo PP. Nesa liña, a nai do falecido salientou a dor que lle supuxo “escoitar a un secretario de Estado dicir que non era alta velocidade, á ministra dicir que nos ía apoiar sempre, pero que estivo bloqueando o informe da Axencia Ferroviaria Europea [crítico coa seguridade de Angrois] porque había eleccións”. Unha referencia coa que apuntou ás manobras de Pastor e do seu ministerio para demorar a publicación dese informe europeo, desvelado en 2016 e que afianzou a investigación contra Adif e non só contra o maquinista.

Conclusións da comisión de investigación de Fomento sobre o accidente de Angrois e críticas que lle fixo a Axencia Ferroviaria Europea en 2016 CC-BY-SA Praza Pública

“Na vida hai que dar a cara, se cometes erros hai que asumir a responsabilidade”, dixo a muller, que se preguntou “por que non din a verdade” e por que os equipos daquela á fronte do ministerio, Adif e Renfe priorizaron os intereses económicos e a imaxe da alta velocidade española sobre as súas promesas de traballar para que se coñecesen as causas do accidente.

Ante a pregunta do seu avogado de que espera do xuízo, a muller contestou que espera “xustiza, que as vítimas poidamos crer que importan máis as vidas humanas que os intereses económicos e políticos”. Nese momento a xuíza fixo un dos seus varios comentarios significativos da sesión. “Síntoo moito, a súa dor é irreparable, pero o seu avogado ben pode asesorala do que se pode esperar nun proceso penal”, dixo a maxistrada. 

“Todo ese periplo político, queixas que teñen cara o trato recibido por parte de institucións e demais queda fóra do meu ámbito”, lembrou a xuíza

A continuación compareceu na sesión o pai do mozo falecido, marido da anterior comparecente. Tamén el salientou o esforzo da plataforma de vítimas por pescudar todas as causas do accidente e “a dor que nos produciu esa loita durante tanto tempo”. “Non me cabe ningunha dúbida”, dixo a xuíza, quen engadiu que “a seguirán mantendo porque xa me están deixando moi claro que non hai sentenza que poida satisfacelos de ningunha maneira”.

A xuíza tentou reconducir a declaración do comparecente ao dano persoal que sufriron como pais salientando que as eivas de seguridade e as ocultacións que trataba de transmitir xa foran saíndo durante as sesións da parte penal do xuízo. “Todo ese periplo político, queixas que teñen cara o trato recibido por parte de institucións e demais queda fóra do meu ámbito”, dixo a maxistrada, tentando dar por pechada a declaración.

A xuíza do accidente de Angrois, Elena Fernández Currás, nunha imaxe dunha sesión previa CC-BY-SA Praza Pública

O pai do mozo falecido non cesou e insistiu en que “ao mellor temos que volver por novas circunstancias”, ao que a xuíza contestou facendo ver novamente que o seu cometido é xulgar o caso penal que se formulou tras unha instrución que non foi responsabilidade súa e que rematou cuns acusados concretos, o maquinista e o ex-cargo de Adif. “Espero non estar aquí, espero saír da mellor maneira posible”, dixo a xuíza, que deu por rematada a declaración cunha última frase: “Xa sei que a vostedes non hai diñeiro que os pague”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.