O enxeñeiro encargado polo xulgado de estudar os sistemas de seguridade responde ao argumento de que no sistema ferroviario as curvas non son perigosas que “é como dicir que non o son as balas senón a velocidade que levan”
A normativa europea de seguridade ferroviaria obrigaba a Adif a realizar unha análise de riscos específica que detectase o perigo de descarrilamento por exceso de velocidade que había na curva do accidente de Angrois. Así o ratificou este martes no xuízo polo sinistro no que morreron 80 persoas o perito máis independente dos que analizaron o ocorrido por encargo do xulgado, o enxeñeiro de Telecomunicacións César Mariñas Dávila.
Na súa declaración o perito tamén incidiu en que, unha vez identificado o risco, a empresa pública tiña a posibilidade amparada pola normativa de instalar balizar automáticas que freasen un tren no caso dun despiste do maquinista como o que ocorreu o 24 de xullo de 2013, cando o do Alvia non freou a tempo antes da curva ao recibir unha chamada do interventor.
Dos tres peritos aos que o xuíz instrutor encargou analizar o accidente, dous foron elixidos pola Xunta, un dos cales dixo o pasado xoves que Adif, cun ex-director de Seguridade na Circulación acusado ao mesmo nivel que o maquinista, non incumprira ningunha normativa. O outro limitouse a analizar o tren Alvia, pero considera que os erros humanos como o do maquinista deben darse por supostos e paliarse. E o terceiro perito, elixido por sorteo polo xuíz de entre os tres mellores expertos propostos polo colexio profesional de Telecomunicacións, asegurou este martes que Adif debeu evitar o accidente.
Na súa intervención Mariñas Dávila contradixo algunha das afirmacións que veñen mantendo as defensas de Adif e do seu ex-director acusado así como varios técnicos desa empresa pública. Entre outras cuestións, en anteriores declaracións afirmouse que no sistema ferroviario, que é un medio de transporte guiado, ningunha curva é perigosa. Pero este martes o perito replicou que dicir iso “é como dicir que non son perigosas as balas senón a velocidade que levan”.
O perito censura que había "unha certa discrecionalidade" por parte de Adif á hora de poñer ou non sinais ou balizas nunhas ou noutras curvas, pero que a de Angrois "sería unha perfecta candidata"
O experto asegurou que o cambio do proxecto orixinal da liña Ourense-Santiago decidido un ano antes de poñerse en servizo a finais de 2011 implicou unha modificación significativa dos sistemas de seguridade, o que segundo a normativa europea obrigaba a realizar unha avaliación de riscos que detectaría o perigo da curva de Angrois. E detectado ese risco, e en contra do que vén mantendo Adif, a normativa permitía instalar balizas automáticas que freasen o tren aínda que non o fixese o maquinista ou estivese desconectado a bordo o sistema de control constante da velocidade (ERTMS), como ocorría nos Alvia desde máis dun ano antes do sinistro.
Nese sentido, o perito dixo que había “unha certa discrecionalidade” por parte de Adif á hora de poñer ou non sinais e balizas nunhas ou noutras curvas, pero “desde logo non está prohibido e hai moitas curvas que si están” sinalizadas. Esa curva, engadiu, “sería unha perfecta candidata”.
O experto non puido concretar a responsabilidade do acusado de Adif na análise de riscos que non se realizou, pero si salientou que a súa autorización para desconectar nos Alvia o sistema de control constante da velocidade reduciu significativamente a seguridade
O perito non foi quen de atribuír a responsabilidade de realizar a análise de riscos que non se fixo ao cargo de Adif acusado, Andrés Cortabitarte, que este martes volveu estar presente na sala. “Non coñezo a organización interna de Adif ata ese punto”, dixo, para engadir noutro momento que “nunha organización tan grande a veces as responsabilidades non quedan totalmente claras”. “Hai unha compartimentación que desde o punto de vista da seguridade pode xerar un problema cando quedan cousas sen cubrir”, reflexionou sobre o efecto que esa organización de Adif puido ter na seguridade de Angrois. Pero si dixo o perito que ese departamento, a Dirección Xeral de Seguridade na Circulación á cuxa fronte estaba Cortabitarte, sería en todo caso o responsable de avaliar a seguridade xeral da liña, algo que ao seu ver fixo de forma automática e "non proactiva".
Posteriormente o avogado do maquinista leu a normativa interna de Adif que atribúe ao seu director de Seguridade a supervisión, antes de autorizar unha liña, dunha serie de documentación derivada da análise de riscos que non existe no caso da curva de Angrois. Isto é, o letrado tentou facer ver que foi responsabilidade de Cortabitarte autorizar a liña Ourense-Santiago malia non contar con documentación que se tería que realizar no marco da análise de riscos que non se fixo.
Máis claro foi o perito sobre a responsabilidade do cargo de Adif acusado ao autorizar a desconexión a bordo dos Alvia máis dun ano antes do accidente do sistema ERTMS de control constante da velocidade. Con ese sistema activo, dixo o experto, o accidente non se produciría e a súa desconexión supuxo unha redución significativa da seguridade responsabilidade directa de Cortabitarte que se fixo tamén sen analizar o risco que supuña. De feito, tras moitas voltas semánticas durante as sesións previas, este martes o avogado do Estado que defende a Adif acabou admitindo que "estamos de acordo que con ERTMS o accidente non se produciría".
A declaración de Mariñas Dávila deste martes, que durou unhas sete horas, coincidiu nas súas liñas fundamentais coa comparecencia dun experto en seguridade da Axencia Ferroviaria da UE, Christopher Carr, que o pasado decembro tamén considerou que Adif debía controlar o exceso de velocidade en Angrois. Ao contrario do que vén ocorrendo con outros peritos xudiciais ou de parte, a independencia e solvencia de Mariñas e Carr non foi posta en cuestión nas súas comparecencias.
Interesouche esta información?
Editamos un xornal plural grazas ao apoio das socias e socios. Dende moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas. Podes optar por unha cota mensual ou faceres unha achega puntual, agora tamén con tarxeta ou a través do Bizum.