Dous dos tres peritos xudiciais supostamente independentes que veñen de declarar atacaron varios dos argumentos da empresa pública, e o terceiro xa deixou por escrito que incumpriu a normativa, como tamén dixo un experto da UE
No longo e complexo xuízo polo accidente de Angrois iniciado o pasado outubro e que se estenderá aínda ata o próximo verán declararon nos últimos meses testemuñas dunha ou doutra parte que apuntaron en cada caso á culpa do maquinista do Alvia ou do ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, os dous acusados ao mesmo nivel polas 80 mortes do 24 de xullo de 2013. Pero tamén o compareceron xa, nos últimos días, varios dos peritos clave do caso, os que por estar nomeados polo xuíz instrutor para analizar o tren, as vías e a seguridade, respecticamente, son supostamente máis independentes que os peritos de parte que aínda seguirán pasando polo xuízo nas próximas semanas.
Nas súas declaracións dous deses tres peritos xudiciais atacaron varios dos argumentos que veñen empregando Adif e a defensa do seu cargo, o que tamén fará previsiblemente na súa comparecencia do próximo martes o terceiro, que xa deixou por escrito as súas críticas a Adif. Críticas similares ás que tamén formulou hai un mes un experto da Axencia Ferroviaria Europea cuxa independencia e solvencia non foi posta en dúbida por ningunha parte e que foi consultado a instancias do xuíz instrutor. Son unhas declaracións que veñen debilitando varias das bazas de defensa empregadas por Adif no que vai de xuízo oral.
Un dos argumentos empregados por Adif é que a chamada telefónica que recibiu o maquinista do interventor do tren e que o despistou e o levou a non frear antes da curva de Angrois durou demasiado tempo, cen segundos, e o maquinista tiña que cortala antes ao ver que o seu contido era intranscendente. Porén, este xoves un dos dous peritos xudiciais elixidos pola Xunta, Juan Carlos Carballeira, que ata o momento defendera sempre as posturas de Adif, xustificou a duración da chamada argumentando que o seu contido realmente non era menor senón que fixo pensar ao maquinista en cuestións de seguridade relevantes. Iso, dixo, xustifica “a lonxitude da conversa” que provocou a perda de conciencia situacional do maquinista admitida ata por Renfe.
Outro dos argumentos que vén empregando Adif, ante a evidencia de que non había ningún sistema automático que frease o tren se non o facía o maquinista co seu erro humano previsible, é o de que un segundo nivel de seguridade ademais do condutor o constituía o feito de que aínda que a curva estaba limitada a 80 quilómetros por hora, por ela podía circularse ata case o dobre, 155 por hora, sen que o tren descarrilase. Esa folgura, superada pola velocidade excesiva do Alvia que descarrilou a 179, era unha medida de seguridade adicional, segundo a visión de Adif.
Porén, o mércores outro dos peritos xudiciais, José Manuel Lamela, tamén elixido pola Xunta, negou tallantemente que esa folgura da velocidade antes de chegar a un descarrilamento poida ser considerada unha medida de seguridade. Mesmo o segundo perito que declarou o xoves dixo que esa folgura "pode ser considerado ou non" unha medida de seguridade, sen afirmalo claramente como pretende Adif.
Ademais dos tres peritos xudiciais, e fronte a outros peritos de partes con visións contrapostas, o experto europeo que tamén denuncia erros na actuación de Adif non viu cuestionada a súa solvencia e independencia
Adif e o seu acusado tamén veñen mantendo que non tiñan que actuar con máis medidas preventivas ante un posible erro humano porque se consideraba correcto que os maquinistas fosen os únicos responsables de controlar a velocidade. Tamén o perito que declarou o mércores criticou esa visión e asegurou que “sempre hai que ter en conta ao acometer un proxecto así que o ser humano, antes ou despois, vai cometer fallos”, e polo tanto hai que establecer un segundo nivel de protección ademais do maquinista, que non pode ser a folgura na velocidade que permite a curva.
Nese aspecto centrouse un experto en seguridade da Axencia Ferroviaria da UE, Christopher Carr, ao que o xuíz instrutor recorreu para que respondese a diversas cuestións relacionadas co accidente. Na súa declaración no xuízo o pasado decembro ese experto insistiu reiteradamente en que Adif, e tamén Renfe, tiñan a “obriga” de controlar o exceso de velocidade en Angrois e que non podía depender todo o maquinista.
O perito xudicial que di que Adif cumpriu a normativa, designado 'a dedo' pola Xunta, declarou con tatexos, admitiu varios erros, plaxiou parte do seu informe e a xuíza pediulle que non fixese "divagacións"
Fronte ás dúbidas e tatexos cos que declarou este xoves o perito xudicial que mantén que Adif actuou de acordo coa normativa, engadidos ao plaxio de parte dun dos seus informes escritos, o experto europeo non se apartou da súa postura durante as varias horas da súa declaración malia os intentos de Adif de socavar as súas afirmacións, que non a súa solvencia e independencia, non cuestionadas por ningunha parte. De feito, o experto comunitario insistiu en que Adif non se debía limitar a aplicar normas -a súa defensa di que non incumpriu expresamente ningunha- senón que tiña a obriga de analizar riscos concretos como o que había en Angrois. Pero que en todo caso iso era unha obriga normativa e polo tanto Adif tamén incumprira prescricións expresas.
A visión crítica con Adif do experto europeo é tamén compartida polo terceiro perito xudicial, César Mariñas, que declarará o próximo martes. A diferenza dos outros dous, elixidos a dedo pola Xunta, este é un enxeñeiro de Telecomunicacións encargado de analizar os sistemas de seguridade tras elixilo o xuíz instrutor por sorteo de entre os mellores expertos que lle ofreceu o colexio profesional. Na peritaxe que entregou por escrito e que deberá ratificar o martes este perito expresou o seu “convencemento” de que “era normativamente necesario a realización dun análise de risco” da liña que Adif non realizou.
As declaracións dos tres peritos xudiciais e do experto europeo non cuestionado polas partes benefician ou cando menos non prexudicarían ao maquinista, cuxa defensa busca enfocar o sinistro como un accidente laboral no que a empresa non dá ao traballador as ferramentas adecuadas
Pola contra, fronte a esas aseveracións do perito xudicial de telecomunicacións e do experto da UE, o perito xudicial de Camiños elixido pola Xunta que declarou este xoves insistiu en que, máis alá da súa xustificación sobre a duración da chamada telefónica, todo era correcto en Angrois e conforme á normativa. Porén, a súa comparecencia non só quedou debilitada pola súa declaración por veces dubitativa e pouco aseverativa senón que el mesmo admitiu erros en varios puntos do seu informe por escrito.
Nun dos casos, segundo dixo, no informe puxo que era obrigatorio que Adif aplicase determinada normativa, pero realmente considera que só era voluntaria e que en todo caso a empresa pública si a aplicou. Trabucouse, dixo, porque “é moi complexo o tema”. “Equivocáronse os técnicos de Adif, canto máis un perito como eu se pode equivocar”, engadiu. E malia que varias partes lle fixeron ver que Adif di que non aplicou esa normativa senón outra, el teimou en que é a empresa pública a que se trabuca e si que aplicou esa norma.
Noutro punto da súa declaración no que insistiu na complexidade da normativa para poder pescudar se fora aplicada correctamente chegou a ser interrompido pola xuíza. “Se é tan complexa a norma que non a entende nin vostede, evite eses comentarios porque nós menos”, dixo a maxistrada, que reprochou ao perito que “introduce conceptos e ideas que o único que fan é, polo menos a min, perdernos”. Mesmo chegou a pedirlle que non incorrese en "divagacións".
Estas comparecencias producidas ata agora e a prevista o martes do terceiro perito xudicial debilitan parte da estratexia de defensa de Adif e do seu ex-cargo, e van na liña da estratexia de defensa do maquinista, que buscan enfocar o sinistro como un accidente laboral no que a empresa non deu ao traballador as ferramentas adecuadas -medidas de seguridade- para realizar o seu cometido.