"Cómpre ter en conta que o ser humano antes ou despois vai cometer fallos", di o primeiro dos tres peritos xudiciais de Angrois

CC-BY-SA Praza Pública

O funcionario da Xunta que analizou o Alvia ratifica que o tren non foi a causa do accidente senón o exceso de velocidade e insiste na súa “reflexión” de que debía haber un segundo nivel de protección máis alá do propio maquinista

“Sempre hai que ter en conta ao acometer un proxecto así que o ser humano, antes ou despois, vai cometer fallos, porque é luns, porque é martes, pola súa muller, polo seu fillo...” A frase, unha reflexión xeral en materia de enxeñaría, pronunciouna este mércores no xuízo do accidente de Angrois o perito xudicial encargado de analizar a influencia do tren Alvia no sinistro, o funcionario da Xunta José Manuel Lamela Rivera. 

O convoi, ratificou o enxeñeiro industrial, non foi a causa do accidente, senón que este se debeu ao exceso de velocidade. E o control deste, ao seu ver, non debía recaer exclusivamente no maquinista, como sucedeu no accidente, co maquinista despistado tras recibir unha chamada do interventor, senón que debía haber un “segundo nivel de protección” que non existía.

Fragmentos do informe do perito Lamela sobre os riscos de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

O enxeñeiro que declarou este mércores é un dos tres peritos xudiciais nomeados polo xuíz instrutor para analizar de xeito independente, á marxe dos peritos das partes, o tren, a liña ferroviaria e os sistemas de seguridade. Os dous últimos, un enxeñeiro de Camiños elixido pola Xunta e un de Telecomunicacións elixido por sorteo de entre os mellores propostos polo seu colexio profesional, discreparon nas peritaxes que entregaron e que deberán ratificar nos próximos días, de xeito que o primeiro considera correcto que o maquinista fose o único responsable de controlar a velocidade mentres que o segundo estima que Adif debía habilitar algunha medida de seguridade que evitase un posible erro humano. Por esa posible eiva está acusado neste xuízo un ex-director de Seguridade de Adif ao mesmo nivel que o maquinista.

O perito xudicial, elixido pola Xunta, admitiu en varias ocasións que non é "especialista en trens" e non se dedica no seu traballo como funcionario "a nada de trens"

Este martes, o perito enxeñeiro industrial encargado de estudar o tren, funcionario da Xunta dedicado a cuestións de enerxéticas, admitiu en varias ocasións a súa falta de especialización: “Eu non son especialista en trens, non me dedico a iso na miña carreira normal” ou “no meu traballo non me dedico a nada de trens” foron as súas expresións. Aínda así, dixo que, máis alá de “algunha pequena irregularidade”, no tren Alvia non detectou “nada que teña relación coa causa do accidente” senón que esta foi “o exceso de velocidade”. 

Malia centrarse no estado do tren, o enxeñeiro industrial pechou o seu informe pericial cunha “reflexión” sobre a seguridade en xeral da curva de Angrois, cuestión na que se centraron os outros dous peritos xudiciais, sobre a que este mércores lle preguntaron varias das partes. Lamela preguntouse “como é posible” que a única medida de “protección” ante un eventual exceso de velocidade fose o propio maquinista e non houbese un “segundo nivel” de seguridade. Este mércores Lamela explicou que fixo “esa reflexión porque ao meu modo de entender, porque non son especialista en trens, non me dedico a iso na miña carreira normal, considero adecuado que houbese un segundo nivel de protección, polo que fose”. 

José Manuel Lamela durante a súa declaración CC-BY-SA Praza Pública

Lamela falou a ese respecto como enxeñeiro en xeral, facendo ver que en calquera enxeñaría, con independencia da especialización, hai que ter en conta que o ser humano comete erros. Unha “apreciación persoal” que fai “como técnico que son, que é tan válida ou tan desbotable como calquera outra” e á que chega como enxeñeiro e non por unha análise normativa do sector ferroviario en particular, como se esforzou en salientar a Avogacía do Estado que defende a Adif. 

O perito negou que a marxe de velocidade que podía haber na curva, limitada a 80 e na que o Alvia descarrilou a 179, poida ser considerada unha medida de seguridade, como mantén Adif

A defensa de Adif vén mantendo durante todo o xuízo que unha das medidas de seguridade que había na curva de Angrois era o feito de que, aínda que a velocidade indicada na curva fose de 80 quilómetros por hora, os trens non descarrilarían ata superar o dobre desa velocidade, entre 150 ou 160 quilómetros por hora. Porén, os Alvia circulaban pola liña Ourense-Santiago a 200 por hora, e cando o maquinista se deu conta da proximidade da curva e freou xa só foi quen de reducir a velocidade ata os 179 quilómetros por hora aos que descarrilou. 

Este mércores, ante a opinión do perito de que debía haber un “segundo nivel” de seguridade máis alá do maquinista, a defensa de Adif preguntoulle se o feito de que o tren puidese entrar a 150 por hora na curva sen supostamente descarrilar non o consideraba unha protección adicional. “Non”, foi a resposta tallante do perito, que dixo que protección sería algo que actuase de xeito automático se o maquinista non frea, pero non esa marxe de velocidade nunha liña na que ata ese punto os trens deben circular a 200.

Imaxe do informe pericial de Lamela durante a inspección dos restos do tren Alvia CC-BY-SA Praza Pública

Tras esta declaración, este xoves comparecerá no xulgado o perito xudicial enxeñeiro de Camiños elixido pola Xunta, Juan Carlos Carballeira, e martes próximo o enxeñeiro de Telecomunicacións elixido por sorteo de entre os mellores expertos do seu colexio profesional, César Mariñas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.