O funcionario da Xunta que analizou a liña di que a conversa iniciada polo interventor non era tan intranscendente como se cría senón que obrigou o condutor a pensar nunha cuestión de seguridade, fronte á versión de Adif de que debía colgar antes
Durante o xuízo de Angrois unha das liñas de defensa de Adif e do seu ex-cargo acusado ao mesmo nivel que maquinista vén sendo que o condutor do Alvia mantivo durante demasiado tempo, cen segundos, a chamada telefónica que lle fixo o interventor do tren e que lle provocou máis que un despiste, unha perda de conciencia situacional. Ata agora o contido desa chamada era considerado intranscendente, e Adif reprochaba ao maquinista que mantivese durante tanto tempo esa conversa, pero este xoves un dos tres peritos xudiciais do caso asegurou que o contido da chamada levou o maquinista a pensar nunha cuestión de seguridade máis complexa, co que xustificou “a lonxitude da conversa”.
Tras a comparecencia o mércores do perito xudicial que estudou o tren Alvia, que dixo que había que dar por suposto que o ser humano comete erros e habilitar un segundo nivel de seguridade por riba do maquinista que non existía en Angrois, este xoves compareceu o perito xudicial encargado de analizar a liña ferroviaria na que ocorreu o accidente. Juan Carlos Carballeira Rifón, enxeñeiro de Camiños elixido pola Xunta a dedo malia non ser experto en materia ferroviaria, asegurou que tanto o tren como a vía estaban correctamente e que a seguridade que había en Angrois era acorde coa normativa ferroviaria, o que deixaba exclusivamente en mans dos maquinistas a responsabilidade de frear antes da curva. Pero xustificou o despiste que levou ao condutor do Alvia a non frear a tempo e descarrilar.
Segundo o perito o maquinista tivo que pensar se o tren tiña que rebasar ou non un semáforo que afectaría á circulación doutros trens, o que lle provocou unha perda de conciencia situacional, máis que un despiste
A chamada que lle fixo o interventor, e que o maquinista tiña a obriga de coller, era para preguntarlle se máis dunha hora máis tarde, cando o tren chegase á estación de Pontedeume, entraría nunha ou noutra vía porque iso suporía máis ou menos comodidade para unha familia que alí ía baixar. O maquinista non tiña a capacidade de decidir a vía na que entraría o tren á estación, cuestión designada desde o centro de control de Adif, pero si podía saber os condicionantes que tería cada vía.
Segundo o declarado este xoves polo perito a pregunta do interventor levouno non só a pensar na comodidade dos pasaxeiros senón en se o tren, segundo a vía na que entrase, cabería ou non dentro da praia de vías da estación ou a súa cabeza tería que superar o semáforo de saída da estación para que os vagóns puidesen parar á altura do apeadoiro. Superar o semáforo xa non sería unha cuestión intranscendente, senón de seguridade, porque afectaría á circulación doutros posibles trens por esa mesma zona.
“A pregunta é se cabía nas vías, obviamente”, dixo o perito sobre a consulta do interventor ao maquinista. “Se non cabe en Pontedeume, ten que saltar o sinal, un problema de seguridade”, incidiu o comparecente, o que segundo a súa “hipótese verosímil” explicaría “a lonxitude da conversa”.
Esa duración da chamada unida ao seu contido referido a algo que ocorrería máis adiante no tempo e no espacio sería o que provocou a perda de conciencia situacional do maquinista, máis que un simple despiste, segundo admitiu a propia Renfe. E a chamada tamén durou máis, segundo dixo o perito, porque ao seu ver nela participaron tres persoas, non só o maquinista e o interventor senón tamén unha terceira persoa que á súa vez estaba falando co interventor. “É razoable supoñer que é unha conversa a tres”, dixo, e que durou tanto tempo debido aos baleiros de conversa entre o maquinista e o interventor cando falaba a terceira persoa, cuestión que non quedou rexistrada xa que o sistema de gravación da cabina do tren só recolleu as palabras do maquinista.
O perito di que Adif cumpriu coa normativa, pero admitiu que era complexa e que el mesmo se trabucara ao interpretar un punto, e a xuíza chegou a dicirlle que "se é tan complexa a norma que non a entende nin vostede, evite eses comentarios"
Ante esa perda de conciencia situacional provocada pola chamada, dixo o perito, o maquinista non freou con tempo antes de Angrois porque “non percibiu os sinais” que lle podían advertir da proximidade da chegada a Santiago. “Non freou porque non as viu”, sentenciou.
Durante a declaración deste xoves o perito tamén admitiu que na súa peritaxe por escrito cometeu varios erros, entre eles ao considerar que determinada normativa era aplicable de xeito obrigatorio no caso de Angrois. Segundo dixo, non era unha obriga pero Adif aplicouna voluntariamente e el trabucouse porque “é moi complexo o tema”. “Equivocáronse os técnicos de Adif, canto máis un perito como eu se pode equivocar”, dixo. E malia que varias partes lle fixeron ver que Adif di que non aplicou esa normativa senón outra, el teimou en que é a empresa pública a que se trabuca e si que aplicou esa norma.
Noutro punto da súa declaración no que insistiu na complexidade da normativa para poder pescudar se fora aplicada correctamente por Adif o perito chegou a ser interrompido pola xuíza. “Se é tan complexa a norma que non a entende nin vostede, evite eses comentarios porque nós menos”, dixo a maxistrada, que reprochou ao perito que “introduce conceptos e ideas que o único que fan é, polo menos a min, perdernos”.
Tras esta declaración, o martes próximo declarará o terceiro e último perito xudicial, o encargado de analizar a sinalización e seguridade da curva de Angrois, un enxeñeiro de Telecomunicacións elixido por sorteo polo xuíz instrutor de entre os mellores expertos propostos polo seu colexio profesional.