Antonio Martín Marugán xustifica que ao chegar a Santiago tería outras tarefas, que a chamada era de traballo e o maquinista tiña que atendela, e que non recibiu ningunha instrución de como usar o teléfono corporativo
“En Santiago teño máis funcións que realizar e nese momento non tiña nada que facer, por iso fixen a chamada”. Esa foi a explicación que deu este mércores no xuízo o interventor do tren Alvia, Antonio Martín Marugán, á pregunta do fiscal sobre por que fixo cando fixo a chamada telefónica que acabaría provocando o despiste do maquinista que o levou a non frear a tempo antes da curva de Angrois.
Na súa declaración o interventor dixo que a súa era unha chamada de traballo que o maquinista tiña que atender e que non recibira ningunha instrución de como usar o teléfono corporativo.
Tras o accidente o interventor nada dixo á policía da existencia da súa chamada, de cen segundos e que rematou xusto antes de que o tren encarase a curva de Angrois. Segundo declararon os axentes este martes, Martín Marugán mesmo chegou a negar expresamente “dúas veces” a súa existencia, que só recoñeceu unha vez que a policía tivo constancia pola operadora telefónica. Aínda así, este mércores o interventor teimou en que non mentiu senón que non dixo nada da chamada porque non a lembraba.
Sobre o contido da chamada, Martín Marugán confirmou que a fixo a iniciativa propia para tentar facilitar a unha familia a súa baixada na estación de Pontedeume, máis dunha hora máis tarde. Quería preguntar ao maquinista en que vía daquela estación pararía o tren. E este foi o interrogatorio que lle fixo o fiscal a respecto das circunstancias daquela chamada:
-Fiscal: “Cando fai a chamada sabe onde está o tren?”
-Interventor: “Non”
-Fiscal: “Sabe o tempo de viaxe que levaba?”
-Interventor: “Non con exactitude porque non me preocupaba iso”
-Fiscal: “Non sabía que estaba próximo a Santiago?”
-Interventor: “Supuña que si, polo tempo que levábamos”
-Fiscal: “Se vostede sabía que estaba próximo a Santiago e a xestión era por unha simple cuestión de comodidade, por que non o fixo en Santiago?”
-Interventor: “En Santiago teño máis funcións que realizar e nese momento non tiña nada que facer, por iso fixen a chamada”.
“Urxente non era, pero como non tiña nada que facer fíxena”, engadiu posteriormente a pregunta doutra parte.
O interventor dixo non lembrar se xa soara a megafonía avisando da proximidade de Santiago, pero si admitiu que tras rematar a chamada co maquinista púxose de pé pola inminente chegada a esa estación
O interventor tamén foi preguntado por un avogado de vítimas polo feito de que antes do lugar do accidente é o punto no que a megafonía do tren avisa da proximidade da estación de Santiago, e sobre se iso non lle fixo ver que podía non ser o momento de falar co maquinista. Pero o interventor dixo non lembrar en que momento soou ese aviso da chegada a Santiago. Porén, tamén admitiu que no momento do accidente estaba de pé porque levantárase xa para baixar en Santiago, ao igual que outros pasaxeiros.
O avogado do maquinista fixo ver coas súas preguntas que a chamada telefónica era unha chamada de traballo que o seu defendido tiña que contestar por descoñecer a priori o seu contido
O interventor tamén dixo que considera que a chamada que fixo era “de servizo”, propia do seu traballo, e que “o teléfono o tiñamos precisamente para chamadas de servizo”. “Ante unha comunicación súa o maquinista ten que contestala?”, preguntáronlle, ao que respondeu que “lóxico, se pode nese momento e senón despois”. Tamén dixo que non recibiu de Renfe “ningunha instrución de como usar o teléfono”. E sobre a consideración que ten do efecto que tivo a súa chamada no accidente, argumentou que se chega a saber as consecuencias que tivo non telefonaría porque el mesmo ía dentro do tren e resultou ferido.
Pola súa banda, a avogada do Estado que defende a Adif fixo ver que no tren tamén hai un sistema de comunicación interno, pero o interventor dixo que el non o usaba nin recibiu ningún tipo de indicación ao respecto por parte de Renfe.
Pola contra, o avogado do maquinista fixo ver coas súas preguntas que a chamada telefónica era unha chamada de traballo que o seu defendido tiña que contestar por descoñecer a priori o seu contido.
Este mércores ademais do interventor, polo que comezaron as comparecencias, tamén declararon no xuízo un vixiante de seguridade que ía a bordo do tren, un mecánico de Renfe que viaxaba como pasaxeiro e o maquinista que levou o tren ata Ourense para pasarlle os mandos a Garzón e despois seguir viaxe entre o resto da pasaxe. O vixiante de seguridade dixo lembrar que o aviso da megafonía da proximidade da chegada a Santiago soara durante a chamada telefónica do interventor. Tamén dixo que ía xunto ao interventor mentres fixo a chamada e que non a consideraba necesaria xa que maquinista e interventor ían verse en persoa na estación da Coruña, antes da estación de Pontedeume pola que falaban, porque o condutor tiña que cambiar de cabina do tren. Igualmente, dixo que escoitara en conversas entre maquinistas que a curva de Angrois “era perigosa”, pero non puido precisar cando nin que persoas.
Nas súas preguntas, a avogada do Estado que defende a Adif fixo ver que o vixiante de seguridade sabía que o tren estaba chegando a Santiago “pola paisaxe”, insinuando que o propio maquinista debía ser consciente do lugar polo que circulaba. Pola súa banda, o mecánico limitouse a rememorar que cando rematou a chamada entre o interventor e o maquinista os pasaxeiros xa estaban en pé para baixar na estación de Santiago.
No momento de peche desta información, xa entrada a tarde deste mércores, aínda non rematara a declaración do segundo maquinista.