A secretaria do Consello de Administración de Adif di que Cortabitarte, que se defendera dicindo que só aplicara as normas, non tiña capacidade para cambialas, pero o avogado do maquinista amosa probas de que si mudara outras
O ex-director de Seguridade na Circulación de Adif acusado xunto co maquinista polo accidente de Angrois, Andrés Cortabitarte, defendeuse durante a súa declaración no xuízo hai un mes asegurando, entre outras cuestións, que el se limitara a aplicar a normativa ferroviaria, que naquel momento non prevía protexer mellor curvas como a do sinistro. Este mércores a daquela secretaria do Consello de Administración de Adif, María Rosa Sanz Cerezo, avogada do Estado, insistiu en que Cortabitarte “non tiña potestade normativa”. Porén, a continuación o avogado do maquinista exhibiu documentación coa que Cortabitarte si mudara noutros casos varios artigos do Regulamento de Circulación Ferroviaria, facendo ver que el mesmo tiña capacidade para corrixir a normativa no que podía afectar lugares como a curva de Angrois.
A secretaria do Consello de Administración de Adif foi preguntada por un certificado que ela mesma emitiu tras o accidente indicando que o máximo órgano de goberno desa empresa pública, conformado por cargos políticos, delegara en Cortabitarte, como director de Seguridade na Circulación, as competencias en materia de seguridade. Porén, este mércores a secretaria, avogada do Estado, tentou matizar que realmente había competencias compartidas en materia de seguridade con outros departamentos de Adif, que non identificou.
“Hai moitos actores implicados”, dixo a comparecente, e mesmo engadiu que “a propia dirección describía as súas propias funcións” á hora de redactar as delegacións de funcións. Canto a esas funcións a secretaria do Consello indicou que, segundo o seu criterio, “non supuñan unha potestade normativa para o director” senón que “debía actuar no marco do Regulamento de Circulación Ferroviaria” que se aprobara por riba del. Cortabitarte limitábase a “aprobar instrucións e circulares” ou “instrucións interpretativas” dese regulamento de circulación.
Na sesión deste mércores amosouse documentación asinada por Cortabitarte como a mesma persoa que revisaba e ao tempo aprobaba diversas cuestións relacionadas coa seguridade
Porén, o avogado do maquinista exhibiu diversos documentos asinados por Cortabitarte nos que el mesmo aprobaba “modificacións” da redacción de varios artigos do Regulamento de Circulación Ferroviaria. O letrado fixo ver así que o propio Cortabitarte podía mudar a normativa que afectaba a puntos como a curva de Angrois para protexelas mellor. Isto é, que non tiña por que limitarse a cumprir a normativa senón que el mesmo podía mudala para mellorala.
Durante a declaración da secretaria do Consello de Administración de Adif tamén se amosou documentación asinada por Cortabitarte como a mesma persoa que revisaba e ao tempo aprobaba diversas cuestións relacionadas coa seguridade.
Na sesión deste mércores do xuízo compareceron tamén dous cargos intermedios de Renfe, José Luis Rodríguez Vilariño e Ángel Lluch, aos que un maquinista xefe e formador doutros maquinistas, José Ramón Iglesias Mazaira, alertou ano e medio antes do accidente de que na curva de Angrois podía suceder un accidente como o ocorrido por un despiste dun maquinista que non frease a tempo.
Dous superiores do maquinista xefe que avisara do risco de Angrois un ano e medio antes do accidente aseguran que a situación era correcta e un di non ter constancia de sequera recibir aquela alerta
O primeiro, Rodríguez Vilariño, dixo que consideraba a curva “un punto crítico” pero que el non era experto en seguridade e que asumiu o que lle dixeron outros coñecedores daquela alerta de que a situación na curva era conforme á normativa, polo que non había que facer nada. Tamén confirmou que a única decisión que se tomara daquela, a de reforzar a formación aos maquinistas alertándoos sobre a curva, aplicouse sobre o seu propio departamento, do que dependían os maquinistas de media distancia. Porén, o maquinista accidentado en Angrois pertencía ao departamento de longa distancia e nunca recibiu ese reforzo da formación.
O segundo comparecente, Lluch, dixo non ter constancia sequera de recibir a alerta de Iglesias Mazaira porque naquel momento chegábanlle moitos correos. Tamén asegurou que consideraba que a situación na curva de Angrois se adecuaba á normativa que había daquela.