"Aumentouse a velocidade en toda España sen aumentar a sinalización", di o maquinista que alertou do risco de Angrois

José Ramón Iglesias Mazaira, maquinista xefe que alertou do risco de Angrois un ano e medio antes do accidente CC-BY-SA Praza Pública

O formador de condutores lembra que a resposta que obtivo á súa advertencia foi que a falta de sinalización da curva do accidente “estaba amparada normativamente”, e salienta que despois do sinistro foi modificada a normativa

En decembro de 2011, poucos días despois da inauguración da liña de alta velocidade Ourense-Santiago e un ano e sete meses antes do accidente de Angrois, José Ramón Iglesias Mazaira, maquinista xefe e formador doutros condutores advertiu por escrito aos seus superiores en Renfe do risco que existía nesa curva ante un posible despiste dun condutor que non frease a tempo. Esa advertencia, como xa quedou establecido durante a instrución do caso e ratificou este xoves no xuízo o maquinista xefe, non foi atendida nin chegou a Adif porque os seus superiores entenderon que a falta de sinalización ou de sistemas de seguridade nese punto “estaba amparada normativamente”.

A normativa mudouse tras o accidente de Angrois para establecer unha sinalización específica para reducións significativas de velocidade en toda a rede ferroviaria como a que había naquela curva. Pero este xoves Iglesias Mazaira deixou no xulgado unha reflexión máis xeral, a de que nas últimas décadas a rede ferroviaria española foi mellorándose e elevando a velocidade de circulación sen que aumentase ou mellorase de xeito paralelo a sinalización que axuda aos maquinistas a respectar as limitacións.

Advertencia a Renfe do risco dun accidente en Angrois como o que acabou sucedendo realizada por un maquinista xefe un ano e medio antes do sinistro CC-BY-SA Praza Pública

“En España desde os anos 70 aumentouse moito a velocidade en toda a rede, pero o que non cambiou foi a sinalización da velocidade”, explicou este xoves Iglesias Mazaira, quen engadiu que en xeral “a velocidade aumentouse pero na vía non se aumentou a sinalización lateral” que con balizas asociadas non só informaría mellor aos maquinistas da velocidade a manter senón que controlarían esa velocidade en caso de que non o fixese o condutor. 

En Angrois, dixo o maquinista xefe, “coincidía o que eu non vira nunca, un salto de 200 a 80 quilómetros por hora nun punto no que o maquinista tiña que levar a atención” tamén noutras cuestións da condución, por iso reclamaba no seu escrito “uns sinais laterais para axudar aos maquinistas”. Ante a resposta obtida de que non sería normativo, a súa decisión foi facer fincapé nesa cuestión aos seus alumnos. Pero Iglesias Mazaira é formador só dos maquinistas de media distancia e rexionais, non dos de longa distancia como Francisco José Garzón, o accidentado nesa curva, con cuxos formadores non tiña coordinación e que non recibiu ese reforzo específico da súa formación, segundo se constatou no seu expediente de Renfe.

Ante as preguntas da avogada de Adif sobre un posible punto de referencia non normativo para que os maquinistas comezasen a frear antes da curva, a propia xuíza interveu: " O problema é non velo e que non haxa nada máis que free o tren"

A avogada do Estado que defende a Adif incidiu no seu interrogatorio en se todos os maquinistas debían saber que un semáforo en verde existente antes da curva de Angrois que non ten relación coa velocidade debía ser o punto de referencia no que debían comezar a frear. A resposta de Iglesias Mazaira, similar á que deu este mércores outro maquinista, foi que esa era una referencia persoal, subxectiva, non normativa. Nese punto do debate entre a testemuña e a representante de Adif sobre ese suposto punto de referencia para comezar a frear antes de Angrois interveu a propia xuíza: “O problema é non velo e que non haxa nada máis que free o tren”, dixo a maxistrada. 

Iglesias Mazaira tamén incidiu a respostas da avogada de Adif en que o maquinista tiña que atender a chamada telefónica que recibiu e reiterou que non había un protocolo de uso dos teléfonos por parte de Renfe senón só recomendacións xa que a empresa só analizou os riscos asociados tras o accidente.

A xuíza do accidente de Angrois, Elena Fernández Currás, nunha das sesións do xuízo CC-BY-SA Praza Pública

Pola súa banda, o avogado do maquinista accidentado preguntoulle se o risco que el percibiu era “evidente”, ao que Iglesias Mazaira contestou que si. Antes o maquinista xefe xa lamentara que as persoas que validaron a posta en servizo da liña “tiñan que ver” a mesma eiva de seguridade que viu el. Así que a continuación o avogado de Garzón fixo ver na súa intervención que a normativa para poder instalar balizas automáticas na curva de Angrois tras o accidente foi modificada polo daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, sucesor do acusado polo accidente de Angrois, Andrés Cortabitarte. Isto é, que mudar a normativa para protexer mellor a curva era algo que dependía do propio director de seguridade de Adif e non requiría dunha tramitación maior ou máis complexa, facendo ver que o propio Cortabitarte o podía ter feito antes do accidente.

Ese mesmo avogado tamén reproduciu documentos de Adif que recollen a existencia ao longo da liña Madrid-Santiago de numerosos sinais de limitación de velocidade noutras curvas como o que Iglesias Mazaira reclamaba para a de Angrois, e igualmente a existencia en Puertollano, na liña do AVE a Sevilla, dunha situación similar á de Santiago corrixida unha década antes do accidente de Angrois.

O xefe de circulación declarou que maquinistas que non soubo identificar comentáranlle “que a entrada a Santiago era complicada pola curva”, e que a circulación pola curva de Angrois era máis segura pola vía 2 que pola 1 que empregaba o Alvia

Antes de Iglesias Mazaira este xoves declarou tamén José Luis Carreira, xefe de circulación da estación de Santiago, quen dixo que en varias ocasións maquinistas que non soubo identificar comentáranlle “que a entrada a Santiago era complicada pola curva”. Eran “comentarios”, dixo, que non lle correspondía a el tramitar, xa que a súa responsabilidade era dirixir o tráfico por unha ou outra vía na entrada e na estación de Santiago, non atender ás condicións das propias vías. “No meu sistema [informático] a curva é unha liña recta”. 

O técnico de Adif tamén confirmou unha cuestión xa denunciada polo avogado do maquinista, que a circulación entre Ourense e Santiago pola vía 1, a que empregaba o tren Alvia accidentado e a maioría dos convois, supón que ao chegar á curva de Angrois haxa habitualmente un semáforo en verde que non actúa sobre a velocidade do tren. Pola contra, se circulase pola vía 2, que dá acceso ademais de á estación de Santiago tamén á bifurcación que permite conectar a liña Ourense-Santiago coa do Eixo Atlántico en dirección a Vigo, o semáforo estaría en ámbar por precaución ante o paso por ese desvío e frearía os trens se non o fixesen os maquinistas. 

Declaración de José Luis Carreira, xefe de circulación da estacion de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

A sesión deste xoves comezara a primeira hora coa declaración de dous veciños de Angrois. Un deles, Julio Santiso, acompañou o maquinista nos primeiros minutos tras o accidente e preguntoulle se o accidente se debera a un atentado, ao que o condutor contestoulle que non, que fora un despiste seu, que xa denunciara as eivas de seguridade que había e que quería ser el quen morrese e non os pasaxeiros do tren. O outro veciño, Evaristo Iglesias, dixo que o único que escoitou do maquinista foi que quería morrer.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.