Un condutor que ía como pasaxeiro no Alvia lembra que a formación sobre a liña, na que cada maquinista decidía o seu propio punto de referencia para frear, a recibiron cun tren distinto máis lento e que requiría menos tempo para frear
Tras a declaración este mércores do interventor que fixo a chamada que despistou o maquinista do Alvia, compareceu no xuízo polo accidente de Angrois Javier Illanes, o maquinista que levara o tren ata Ourense e que viaxaba como pasaxeiro tras darlle o relevo alí ao condutor despois sinistrado, Francisco José Garzón. Nunha declaración que se prolongou ata as cinco da tarde, Illanes, maquinista con máis de 30 anos de experiencia, deixou en evidencia as eivas da sinalización da liña Ourense-Santiago e da formación que recibían os maquinistas a respecto da peculiaridade da curva de Angrois e da freada significativa que requiría.
A preguntas do fiscal, especialmente agresivo coa testemuña, o maquinista asegurou que non había ningún sinal nin punto concreto na liña que indicase cando se debía comezar a frear antes da curva de Angrois. “Calquera dos maquinistas que pasamos por alí inventamos un punto determinado, falta unha referencia física e a inventas”, dixo. “Non me din en ningún momento 'aquí empece vostede a frear'”, incidiu máis adiante.
O fiscal tamén preguntou a Illanes se na formación que deu Renfe aos maquinistas se lles indicou algunha peculiaridade sobre a liña Ourense-Santiago na zona concreta da curva de Angrois. O maquinista negouno e lembrou que esa formación para poder circular pola liña fixérona cun tren distinto, unha locomotora sen vagóns que non podía chegar aos 200 quilómetros por hora do Alvia senón só a 140, que non requiría de tanta distancia para frear antes da curva de Angrois e que polo tanto implicaba mudar a referencia do punto de inicio de freada.
O maquinista lembrou que o tipo de tren Alvia como o sinistrado “empezou a circular pola liña seis meses despois” da súa inauguración e de que os maquinistas recibisen a formación para ese treito, e asegurou que non recibiu ningunha formación específica para o novo convoi. “A habilitación para a liña non cambia porque cambie o material”, dixo.
Illanes dixo non considerar un punto de risco o momento no que o maquinista do Alvia colleu o teléfono senón que "o risco empezaría máis adiante" e "eu podo manter esa chamada e podo non desubicarme, e outra persoa pode desubicarse"
Illanes tamén negou que os maquinistas reciban ningunha formación sobre o uso de teléfono e que unha notificación de Renfe ao respecto está referida a limitacións no uso do teléfono particular, non o de traballo. Preguntado expresamente pola situación de risco na que Garzón puido atender o teléfono, Illanes respondeu que “o risco empezaría máis adiante” xa que ao seu ver, no momento de entrada da chamada, a máis de cinco quilómetros da curva, non existía tal risco. Outra cousa sería que despois durante a chamada se despistase. “Eu podo manter esa chamada e podo non desubicarme, e outra persoa pode desubicarse, eu non o sei”, dixo.
A testemuña dixo coincidir coas dúbidas de seguridade que amosara un maquinista xefe, pero ante a resposta que obtivo de que se cumpría a normativa considerouna ilóxica pero tivo que "dalo por válido"
Pola súa banda, a avogada do Estado que defende a Adif tentou facer ver coas súas preguntas que Illanes non advertira formalmente antes do accidente das dúbidas de seguridade que agora di que tiña sobre a liña. Porén, Illanes dixo que consideraba que esas dúbidas sobre a freada significativa que requiría a curva de Angrois xa foran transmitidas adecuadamente a Renfe por parte do maquinista xefe de Ourense que así o fixera ao pouco de inaugurarse a liña, José Ramón Iglesias Mazaira, que declara este xoves.
Illanes dixo ser coñecedor desa alerta formulada por Iglesias Mazaira e de que a resposta que obtivera dos seus superiores fora que malia o risco, a sinalización cumpría a normativa e non había que mellorala. “Para min non era lóxico, pero se un técnico entende que si, terei que dalo por válido”, xustificou.
Ante a pregunta de por que malia a carencia de sinalización o accidente non ocorreu antes a súa resposta foi “porque Deus non o quixo”
O interrogatorio de Illanes rematouno o avogado do maquinista accidentado, que evidenciou que outras curvas existentes entre as estacións de Ourense e Santiago, así como noutros puntos de toda a liña entre Madrid e Galicia, si estaban sinalizadas xunto ás vías, con sinais de limitación de velocidade por curva, ao contrario do que ocorría coa curva de Angrois.
Noutro punto do interrogatorio Illanes tamén foi preguntado se foi a falta de sinalización a que provocou o accidente ou polo contrario foi a chamada telefónica que despistou a Garzón. “A falta de sinalización provoca que unha falta de situación que tivo un maquinista provoque un accidente”, foi a súa resposta. E ante a pregunta de por que malia esa carencia de sinalización o accidente non ocorreu antes a súa resposta foi “porque Deus non o quixo”.