Adif desvía a responsabilidade de controlar o erro humano en Angrois a Renfe, que xa non pode ser condenada

Os dous únicos acusados polo accidente de Angrois, o maquinista e o ex-cargo de Adif, cos seus avogados e os avogados de Adif e Renfe, este último á esquerda de todo e con intervencións moi curtas no xuízo CC-BY-SA Praza Pública

A diferenza do que fixeron expertos que non traballan para a empresa pública xestora das liñas, un cargo e un técnico que aínda son empregados dela apuntan á operadora dos trens, que non ten ningún acusado no xuízo aparte do maquinista

Nun xuízo só poden ser condenadas as persoas que chegan a el como acusadas, no caso do accidente de Angrois o maquinista do tren Alvia, Francisco José Garzón, e o ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte. Na vista oral que se está a celebrar en Santiago non está acusado ningún cargo de Renfe ademais do condutor que prestaba servizo para esa operadora, polo que ningunha repercusión terá para Renfe que Adif lle desvíe responsabilidades, mentres que iso pode supoñer a exculpación de Cortabitarte e con el de Adif como responsable civil subsidiaria.

Iso é o que fixeron un cargo e un técnico de Adif que seguen a traballar para esa empresa pública, que nas últimas sesións do xuízo, axudados das preguntas dirixidas que lles formularon os avogados da súa empregadora, desviaron a Renfe a responsabilidade de prever e paliar os erros humanos dos maquinistas, como o que sufriu o condutor do Alvia sinistrado que se despistou cunha chamada recibida do interventor do tren e non freou a tempo antes da curva de Angrois. A diferenza doutros expertos que xa non traballan para Adif ou nunca o fixeron, que salientaron a responsabilidade desa empresa pública sobre a súa propia sinalización, incapaz en Angrois de evitar un accidente así, os seus empregados están coincidindo en apuntar expresamente a Renfe como responsable de supervisar os erros dos seus condutores. 

Tren Alvia de Renfe descarrilado na curva de Angrois CC-BY contandoestrelas

O pasado xoves foi o máximo responsable de enxeñaría de Adif, Alfonso Ochoa de Olza, quen expresamente apuntou a Renfe como responsable de prever ou paliar os erros humanos dos seus maquinistas: “Que cada pau aguante a súa vela, Adif nunca pode analizar o factor humano na condución”, dixo

Este martes no xuízo compareceu un inspector de seguridade na circulación de Adif, Carlos Ayuso, un dos técnicos que revisaban periodicamente a liña acompañando a maquinistas a bordo de trens de xeito aleatorio. Dependía do departamento que dirixía o acusado de Adif, Andrés Cortabitarte, negou recibir de ningún maquinista ningunha queixa sobre a sinalización na curva de Angrois nin percibir eles ningunha eiva na seguridade dese lugar. 

No comezo da súa declaración, e sen que ninguén lle preguntase expresamente por esa cuestión, Ayuso salientou que el e os seus compañeiros inspectores “non entramos a valorar o factor humano” na condución dos maquinistas xa que “o factor humano é cousa da súa propia empresa”, en referencia a Renfe. Ayuso foi repreguntado máis tarde por esa cuestión e se “non teñen en conta para nada” o factor humano cando acompañan e inspeccionan a condución dos maquinistas. “É que non me dedico a esa avaliación”, dixo. 

Carlos Ayuso, inspector de seguridade na circulación de Adif, declarando este martes no xuízo de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

O técnico de Adif que declarou este martes chegou a dicir que hai o “mesmo risco ou similar” de saírse da vía por exceso de velocidade “nunha curva que nunha recta”

Fronte a estas declaracións, dous expertos no sistema de seguridade que estaba desactivado a bordo dos Alvia desde un ano antes do accidente e que podía evitar ou paliar o despiste do maquinista declararon a pasada semana que si era competencia de Adif habilitar mecanismos que protexesen mellor unha curva como a de Angrois ante un erro dos condutores. Así o dixeron un ex-cargo de Adif que xa non traballa para esa empresa pública e un ex-cargo do ministerio xa xubilado, así como un traballador dunha empresa privada. Os dous primeiros, na súa declaración en 2018 no Congreso dos Deputados, chegaron a asegurar que no sector hai “medo” a falar do accidente de Angrois.

Este martes o traballador de Adif, Ayuso, mesmo chegou a dicir, preguntado sobre se era coñecido no sector ferroviario que nas curvas en xeral hai risco de descarrilamentos por exceso de velocidade, que ao seu ver hai o “mesmo risco ou similar” de saírse da vía “nunha curva que nunha recta”.

O avogado de Renfe está a facer intervencións máis cortas que a maioría do resto de partes e non intenta desmontar o desvío de responsabilidades de Adif á súa empresa, cuxo último imputado na causa deixou de estalo hai catro anos

Fronte aos desvíos de responsabilidade de Adif a Renfe, o avogado desta última empresa pública apenas está a matizar esas declaracións coas súas preguntas aos comparecentes, sen tentar contradicilas. As intervencións do letrado de Renfe están a ser moito máis cortas que as dos que defenden a Adif ou o seu cargo acusado. Ante a declaración da pasada semana de Ochoa de Olza, o avogado limitouse a facer ver que tras a posta en servizo dunha liña non só Renfe ten que avaliar posibles riscos sobrevidos que se poidan ir detectando senón que tamén Adif fai inspeccións periódicas. 

E este martes, ante a declaración de Ayuso e o seu similar desvío de responsabilidades a Renfe sobre o control dos erros humanos, o letrado tamén reduciu a súa intervención a facer ver que igual que Renfe pode comunicar cuestións relacionadas coa seguridade a Adif, tamén Adif pode facer o mesmo con Renfe. En ningún momento tentou desmontar o desvío de responsabilidade a Renfe sobre a avaliación dos riscos humanos.

Antonio Lanchares, o último imputado que tivo Renfe na causa, que deixou de estalo hai catro anos CC-BY-SA Praza Pública

As declaracións dos empregados de Adif desviando esa responsabilidade a Renfe poderían exculpar o ex-cargo da primeira empresa acusado no xuízo, Andrés Cortabitarte. Porén, iso non implicará a condena de ningún cargo de Renfe, xa que non ten ningún acusado nesta vista oral ademais do maquinista. O último cargo da operadora imputado durante a instrución do accidente, o director de Seguridade na Circulación de Renfe (homólogo do de Adif), Antonio Lanchares, deixou de estalo hai catro anos, cando o instrutor decidiu que só Cortabitarte e o maquinista fosen xulgados. Lanchares foi o único cargo relacionado co accidente de Angrois que dimitiu a raíz do accidente, cinco anos despois do sinistro e dous meses antes de deixar de estar imputado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.