O 24 de xullo de 2013, 80 persoas morreron e 144 resultaron feridas no accidente dun tren Alvia en Angrois, en Santiago. Foron días de excepcional cobertura mediática para atender a traxedia, a mesma traxedia que dende os gobernos da época tentaron concluír poucas horas despois cunha única explicación, o erro humano do maquinista.
Nas semanas, meses e anos seguintes fomos sabendo que a realidade, como case sempre, non era tan simple. E empezamos a coñecer detalles como a análise de riscos, o sistema ERTMS de control constante da velocidade, cambios no deseño da liña, avisos previos non atendidos sobre o risco da curva e tantas outras cousas.
Xuntamos tres xornalistas que continuaron informando sobre o accidente de Angrois cando os focos se apagaron e que agora están seguindo moi de preto todo o que sucede no xuízo: David Reinero, Aida L. Rosell e Pablo González
Moitas destas revelacións nunca existirían se, cando pasou aquel primeiro momento da urxencia, se afastasen todos os focos do accidente de Angrois. Se cando deixou de haber programas televisivos en directo continuo e alertas de última hora sobre o suceso, non quedasen medios e xornalistas investigando, sabendo máis das vítimas, da infraestrutura. Cuestionando a verdade oficial.
Por diversas circunstancias, isto non sucedeu en moitos casos. Este non é un tema cómodo, non é un tema que dispare as audiencias. E ademais, é complexo. Pero é un tema que cómpre contar. Así o consideraron uns poucos medios e uns poucos xornalistas. Un deses medios é Praza.gal.
Neste episodio 40 do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, xuntamos tres deses xornalistas que, noutros tantos medios, seguiron pendentes do sucedido en Angrois cando se apagaron os focos. Eles son o noso compañeiro David Reinero; Aida L. Rosell, xornalista da axencia Europa Press; e Pablo González, xornalista de La Voz de Galicia.
Eles tres continuaron ese seguimento polo miúdo dende que, en outubro de 2022, comezou o xuízo polo sinistro con só dous acusados ao mesmo nivel, por 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e por 144 delitos de lesións: o ex-xefe de seguridade do Adif, Andrés Cortabitarte, e o maquinista do tren, Francisco José Garzón. Xuntámolos dende a convicción de que non estamós sós, de que hai compañeiras e compañeiros que contan as cousas tan ben ou mellor ca nós. E dende a seguridade de que cómpre contar o acontecido en Angrois ata o final.
Con estas tres voces analizamos aspectos como que cuestións quedaron xa certificadas no xuízo, que cuestións non publicadas saíron á luz nas vistas ou o papel do Estado no proceso, facendo primar a versión do Adif -empresa pública na que era alto cargo un dos acusados- sobre a de Renfe -empresa pública da que é traballador o outro acusado-. Detémonos tamén na propia cobertura mediática do accidente e do xuízo, analizamos que pode pasar unha vez coñezamos a sentenza e tamén as semellanzas e diferenzas con outros macroprocesos xudiciais coma o do Prestige.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.