Miguel Yunquera, experto condutor, considera “totalmente inxustificada” a desconexión do sistema de control constante da velocidade (ERTMS) decidida polo cargo de Adif acusado
Tras os peritos de parte designados por Adif, que exculparon á empresa pública para a que traballan ou coa que tiveron contratos, este xoves compareceu no xuízo polo accidente de Angrois o primeiro dos tres peritos designados pola defensa do maquinista do Alvia, un condutor de trens experimentado e con responsabilidades no sindicato de maquinistas (Semaf) que colabora en investigacións de accidentes ferroviarios e na mellora da normativa por parte dos entes estatais con competencias no sector.
Durante a súa comparecencia o experto, Miguel Yunquera, incidiu en que a liña de alta velocidade Ourense-Santiago foi deseñada para contar co sistema de control constante propio da alta velocidade (ERTMS) pero que sen el cando ocorreu o accidente quedaron en evidencia as eivas da sinalización convencional de amparo, o sistema de control puntual ASFA. [Así funcionan os sistemas ASFA e ERTMS de seguridade ferroviaria e así fallaron en Angrois]
Yunquera tentou facer ver que tanto a sinalización nas vías como o libro horario que indicaba aos maquinistas a velocidade en cada punto do recorrido presentaban erros, algúns deles admitidos polos investigadores oficiais do ministerio, que evidencian que quen deseñou a liña só pensaba en que estivese cuberta co ERTMS. Pero este non foi finalmente instalado na curva de Angrois senón só ata uns quilómetros antes e, malia que nese punto de remate podía igualmente actuar sobre o tren e alertar ao maquinista, o sistema fora desconectado tamén a bordo dos Alvia un ano antes do accidente.
Sen o ERTMS de control constante dos trens, o sistema convencional ASFA de control puntual da velocidade, o habitual na gran maioría da rede ferroviaria estatal, non estaba configurado en Angrois para poder evitar un exceso de velocidade. Fronte ás afirmacións de Adif de que a normativa non prevía que se sinalizasen puntos como Angrois, o perito do maquinista fixo ver que había varias posibilidades para protexer a curva co ASFA.
Yunquera tamén censurou a desconexión do ERTMS a bordo dos Alvia autorizada polo cargo de Adif acusado no xuízo xunto co maquinista. O perito considerou “totalmente inxustificada” a decisión xa que os fallos que se rexistraban nel non afectaban á seguridade, como xa declararon varios expertos.
O perito tamén foi preguntado pola posibilidade de que un maquinista sufra máis que un despiste, unha “perda de conciencia situacional” como a que sufriu o condutor do Alvia tras recibir a chamada do interventor, concepto aceptado mesmo por Renfe. Yunquera dixo que el mesmo sufriu unha perda de conciencia situacional cando era maquinista nunha liña de proximidade en Catalunya con varios túneles seguidos de paradas. Segundo dixo, preparouse para frear pensando que tras un túnel estaba a seguinte parada pero sorprendeuse porque non había tal parada. “Calquera maquinista con experiencia o normal é que diga que tivo algunha”, dixo.
O comparecente dixo que el mesmo sufriu unha "perda de conciencia situacional" como a que impediu frear ao maquinista do Alvia, máis que un despiste e concepto admitido tamén por Renfe
O avogado da plataforma de vítimas preguntou ao perito pola afirmación de varios comparecentes de Adif de que a formación que reciben os maquinistas é un xeito de controlar esas perdas de conciencia situacional, ao que o perito dixo que a formación de nada sirve cando un non é consciente sequera de onde está.
Pola súa banda, a Avogacía do Estado en defensa de Adif tentou tombar a solvencia do perito facendo ver que non era tan experto en condución ferroviaria como pretendía, ademais de salientar a súa ligazón co sindicato de maquinistas.
Os peritos do maquinista son os últimos da parte penal do xuízo, antes de que comparezan as vítimas a partir do 14 de febreiro e ata xuño
As declaracións dos peritos de parte destes días chegan tras a comparecencias dos tres peritos xudiciais supostamente independentes, dous dos cales apuntaron responsabilidadesde Adif ou do seu cargo acusado por non habilitar medidas que paliasen o erro humano previsibleque cometeu o condutor do Alvia. Nesa mesma liña se pronunciou tamén un experto da Axencia Ferroviaria Europeacuxa independencia non foi posta en dúbida por ningunha parte. Pola contra, un terceiro perito xudicial, elixido pola Xunta, asegurou que Adif actuara conforme á normativa.