“Os peritos son os que son, designados polas partes, e evidentemente cada un defende o interese da súa parte”, di a maxistrada ante próximas comparecencias similares e despois de que xa declarasen os expertos independentes
“Os peritos son os que son, designados polas partes, e evidentemente cada un defende o interese da súa parte”. Así se pronunciou este martes a xuíza do accidente de Angrois, Elena Fernández Currás, nun momento da comparecencia dun perito designado por Adif, Antonio Puyol, cuxa independencia tentaba poñer en cuestión o avogado da plataforma de vítimas lembrando traballos que realizou para esa empresa pública.
A xuíza, como xa fixo a semana pasada, relativizou esta e outras comparecencias que se producirán nos vindeiros días. No caso da deste martes deixou a ratificación do perito de que Adif non incumpriu ningunha norma mentres que o maquinista accidentado debía controlar a velocidade do tren xa que estes profesionais están ben pagados e non poden ir “lendo a prensa”.
O xuízo de Angrois, co maquinista e un ex-director de Seguridade de Adif acusados ao mesmo nivel, retomouse tras o Nadal coa comparecencia dos tres peritos xudiciais supostamente independentes, dous dos cales apuntaron responsabilidades de Adif ou do seu cargo acusado por non habilitar medidas que paliasen o erro humano previsible que cometeu o condutor do Alvia. Nesa mesma liña se pronunciou tamén un experto da Axencia Ferroviaria Europea cuxa independencia non foi posta en dúbida por ningunha parte. Pola contra, un terceiro perito xudicial, elixido pola Xunta, asegurou que Adif actuara conforme á normativa.
Tras esas declaracións comezaron as comparecencias dos peritos nomeados polas partes comparecentes na causa, como os designados pola aseguradora de Renfe e do maquinista, QBE, interesada en compartir responsabilidades con Adif para así reducir a súa factura. E esta semana comparecen dous peritos elixidos por Adif: Antonio Puyol, que o fixo este martes, e a actual directora xeral de Seguridade da empresa pública, Esther Matheo, que xa avalou por escrito o feito pola súa empregadora e o seu antecesor.
Na súa comparecencia Puyol, que admitiu diversos traballos previos para Adif, -“contratitos”, chegou a denominalos durante a instrución-, asegurou que esa empresa pública non tiña obriga normativa de elaborar un tipo de avaliación de riscos sobre a curva de Angrois cuxa inexistencia se lle vén botando en cara. O experto designado por Adif salientou que o sistema ferroviario baséase nos maquinistas, un tipo de profesional “ben pagado” e “ben formado”. “Pensamos que un maquinista ten sentido común”, dixo, para considerar desproporcionado o despiste sufrido polo condutor do Alvia accidentado -que Renfe, como a defensa do maquinista, cualificou como “perda de conciencia situacional”, máis que un despiste-.
“Necesitamos maquinistas atentos”, insistiu Puyol, que lembrou que o regulamento de circulación ferroviaria establece que a velocidade debe ser controlada polos condutores, que deben “sentir” a velocidade e non considerarse completamente supervisados por sistemas automáticos e ir “lendo a prensa”.
O perito designado por Adif, que tivo "contratitos" da empresa pública, di que "necesitamos maquinistas atentos" que deben "sentir" a velocidade e non considerarse completamente supervisados
Ante a insistencia do perito en que así era como funcionaba o sistema ferroviario antes de Angrois, que ao seu ver se baseaba na experiencia de técnicos e maquinistas, o avogado do seguro de Renfe dixo que a veces parece que “a experiencia non é máis que a consolidación da ignorancia”. Porén, o perito, malia non ter especialización no factor humano, dixo que na súa experiencia coa sinalización ferroviaria "os sistemas de seguridade son para parvos ou malintencionados" e que por iso hai que facer todo o posible para evitar erros desas persoas.
Pola súa banda, o avogado do maquinista incidiu no seu interrogatorio en que na súa peritaxe o experto considerou que o risco de exceso de velocidade da curva de Angrois estaba controlado polo regulamento ferroviario que deita esa responsabilidade nos maquinistas e pola sinalización que había na liña Ourense-Santiago. O perito citou unha serie de sinais visuais dos que o maquinista non se deu conta, pero o avogado fixo ver que ningún deses sinais ordenaba reducir a velocidade nin tiña ningún sistema automático asociado que controlase a velocidade se non o facía o condutor.
O letrado tamén salientou que o perito puxo no seu informe que o maquinista fixera o recorrido Ourense-Santiago 60 veces, pero que Renfe, noutro documento, certificou que foran 18 viaxes nos dous sentidos. O comparecente admitiu que “pode haber algunha incorrección” pero incidiu en que o que quería salientar era que non fora a primeira vez que o condutor accidentado circulaba por esa liña. Precisamente a monotonía desas viaxes é un dos argumentos que vén empregando a defensa para xustificar a “perda de conciencia situacional” do maquinista.