Adif, a empresa pública xestora do AVE Ourense-Santiago na que se produciu o accidente de Angrois, vén de entregar no xulgado dúas peritaxes de parte para avalar a súa tese de que non era obrigatorio realizar unha análise integral de riscos da liña, avaliación que si botan en falta os xuíces e o perito independente da causa. O ex-director de Seguridade na Circulación de Adif Andrés Cortabitarte é o principal imputado na causa pola ausencia desa análise integral de riscos. As peritaxes chegan ao xulgado despois de que varios técnicos da empresa pública Ineco declarasen que Adif non lles pediu avaliar os riscos de toda a liña Ourense-Santiago senón só ata uns 300 metros antes da curva de Angrois, onde o 24 de xullo de 2013 descarrilou un tren Alvia provocando 80 mortes. Isto é, aínda que Adif avaliase os riscos, esa análise non foi supervisada por Ineco como organismo externo independente.
Os peritos de parte din que non era precisa a análise integral de riscos do AVE Ourense-Santiago que xuíces e o experto independente da causa botan en falta
As dúas peritaxes agora entregadas por Adif no xulgado están asinadas por Antonio Puyol, enxeñeiro industrial dedicado á avaliación da seguridade no sector ferroviario, e Esther Mateo, directora de instalacións da propia Adif. Os dous coinciden en indicar que a seguridade no sistema ferroviario está fragmentada entre diversos responsables, incluídos os maquinistas, e que Adif actuou de xeito correcto na liña Ourense-Santiago malia permitir que non houbese (e mesmo que fose desconectado) ningún sistema automático que frease os trens no caso dun erro humano como o ocorrido.
Un dos peritos di que un regulamento non foi cumprido como tal senón que as súas esixencias se aplicaron a través doutro procedemento
Segundo Puyol, a aplicación do regulamento europeo que establece como avaliar a seguridade “non sería preceptiva no momento da posta en servizo [da liña Ourense-Santiago] debido ao avanzado estado de desenvolvemento das obra”. E engade que “aínda no suposto de realizarse unha EIR [Avaliación Integral de Riscos] involucrando a todos os subsistemas estruturais, os resultados non serían diferentes” e, ao seu ver, o risco dun accidente por despiste do maquinista como o que ocorreu sería “un suceso de frecuencia incrible”.
Puyol si admite que ese regulamento europeo si sería aplicable ao subsistema de control, mando e sinalización (CMS), porque sufrira un cambio entre o seu deseño inicial e o que finalmente funcionou, pero desbota que ese incumprimento fose importante porque di que as esixencias dese regulamento foron aplicadas igualmente a través doutro procedemento.
Un dos peritos admite que non se cumpriu cun regulamento europeo pero di que as súas esixencias se aplicaron doutro xeito
Pola súa banda, Mateo, cargo intermedio de Adif, di que a súa empresa “actuou de acordo cos procedementos que incorpora o Sistema de Xestión da Seguridade” e que a liña foi executada "de acordo coas normas técnicas que eran de aplicación a cada subsistema", matizando que un tipo de análise de riscos, o denominado Hazard Log ou rexistro de riscos, “só é preciso no caso do subsistema de Control, Mando e Sinalización, e así se fixo”.
Peritaxe dunha directora de Adif que di que só era precisa unha estimación de riscos do subsistema de control, mando e sinalización, non do conxunto
Adif salienta a importancia das peritaxes co argumento de que eses dous expertos son persoas que se dedican precisamente á avaliación da seguridade das liñas de Adif
Xunto con esas dúas peritaxes de parte, Adif entregou ao xulgado un escrito no que pide que sexan tidas en conta e os seus autores chamados a declarar. A empresa pública salienta a súa importancia co argumento de que eses dous expertos son persoas que se dedican precisamente á avaliación da seguridade das liñas de Adif.
Estes escritos veñen de ser trasladados ao resto de partes polo xuíz instrutor, xunto con outros dous nos que a aseguradora de Renfe (QBE) e o avogado do maquinista se pronuncian de xeito dispar sobre a posibilidade de que a operadora poida retirar xa o tren Alvia do almacén no que se atopa. A aseguradora non ve ningún obstáculo pero o avogado do maquinista lembra que a Axencia Ferroviaria Europea ten dúbidas sobre ese material rodante. É precisamente un ditame pendente de emitir por parte da Axencia Ferroviaria Europea un dos elementos fundamentais para determinar se Adif cumpriu ou non coa normativa en materia de análise de riscos.