A xuíza di que un informe con "datos da Wikipedia" presentado por Adif para gabar a seguridade en España "non achega nada" sobre Angrois

Ismael Martín Maldonado, técnico da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria, declarando ante o avogado da plataforma de vítimas de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

Un técnico da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria di no xuízo que fixeron o documento ante o “revuelo” nos medios de comunicación polas eivas de seguridade que estaba a evidenciar a comisión de investigación política de 2018 no Congreso

En 2018, ante o “revuelo” que ao seu ver se produciu nos medios de comunicación polas eivas de seguridade que estaban a evidenciarse na comisión de investigación política do Congreso sobre o accidente de Angrois, a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria (AESF) decidiu facer un informe que sitúa España como un dos países co sistema ferroviario máis seguro. Ese informe foi presentado por Adif no xuízo polo accidente como proba de que o sistema era seguro e que se ocorreu o sinistro de Angrois foi por un despiste excepcional do maquinista. 

Porén, durante a declaración este mércores dun dos técnicos que elaborou o documento, Ismael Martín Maldonado, que admitiu que tomou algúns datos para o mesmo “da Wikipedia”, a xuíza dixo que “non achega nada ao esclarecemento das causas do accidente”.

Vítimas de Angrois ante o Congreso dos Deputados CC-BY-SA Praza Pública

O informe elaborado pola axencia estatal incide na estratexia da tamén estatal Adif de gabar o sistema ferroviario español como un dos máis seguros e con maior calidade nos seus procedementos. “Estamos no pelotón de cabeza da seguridade ferroviaria”, dixo o autor do documento, no que se recollen diversas táboas recompilatorias de accidentes en todo o mundo e na historia. 

Pero o avogado da plataforma de vítimas preguntou ao comparecente da AESF sobre a orixe dos datos de varias desas táboas que non teñen identificada a fonte, e a resposta de Martín Maldonado foi que el mesmo foi o autor material desas táboas con “datos obtidos da “Wikipedia” ou de hemerotecas de xornais por estar referidos a sinistros demasiado antigos como para figurar nas listaxes oficiais máis recentes. 

O documento da axencia estatal tamén foi empregado por Adif para facer ver que hai unha porcentaxe moi superior de liñas que tanto en España como no resto de Europa son operadas con sistemas de supervisión puntual como o ASFA (que en Angrois non puido evitar o despiste do maquinista) fronte a unha moi pequena porcentaxe de liñas con sistema de control constante da velocidade como o ERTMS (que estaba desconectado nos Alvia desde un ano antes do accidente). Ante eses datos, e o esforzo de varias partes comparecentes por desacreditar a orixe e calidade do estudo da axencia estatal, a xuíza acabou intervindo para facer ver que non prevé dar moita importancia ao documento. 

Ismael Martín Maldonado, técnico da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria, na súa comparecencia no xuízo de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

Segundo a xuíza, o informe “pode servir para xustificar a normalidade de circular con ASFA ou non, pero non achega nada ao esclarecemento das causas do accidente”

A xuízo da maxistrada, o informe “pode servir para xustificar a normalidade de circular con ASFA ou non, pero non achega nada ao esclarecemento das causas do accidente” de Angrois. Tras esa frase, e aínda que a propia xuíza aclarou que non estaba a prexulgar nada senón que xa valoraría o documento cando dite sentenza, boa parte do resto de avogados que habitualmente formulan preguntas aos comparecentes declinaron este mércores facerlle ningunha ao técnico da axencia estatal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.