Esther Mateo foi ascendida a directora xeral de Seguridade da empresa pública tras presentar unha peritaxe que avala que a liña Ourense-Santiago foi executada “de acordo coas normas”
“Sería impensable que a última persoa aúne toda a responsabilidade”. Así se pronunciou, non sobre o maquinista do tren Alvia senón sobre o ex-director de Seguridade de Adif tamén acusado polo accidente de Angrois, Andrés Cortabitarte, quen agora ten nesa empresa pública o groso das súas responsabilidades, Esther Mateo. Ela comparecerá esta semana no xuízo polo sinistro como perita encargada por Adif de elaborar un informe que exculpa o seu antecesor, tras o que foi ascendida a directora xeral de Seguridade da empresa pública.
O xuízo de Angrois reanudouse tras o Nadal coa comparecencia dos tres peritos xudiciais supostamente independentes, dous dos cales apuntaron responsabilidades de Adif ou do seu ex-cargo acusado por non habilitar medidas de seguridade que paliasen o erro humano previsible que cometeu o maquinista do Alvia. Pola contra, un terceiro, elixido pola Xunta, asegurou que Adif actuara conforme á normativa.
Tras esas declaracións comezaron as comparecencias dos peritos nomeados polas partes comparecentes na causa, como os designados pola aseguradora de Renfe e do maquinista, QBE, interesada en compartir responsabilidades con Adif para así reducir a súa factura. E esta semana farano peritos elixidos por Adif, entre eles a súa actual directora xeral de Seguridade, Esther Mateo.
Adif renunciou ao primeiro perito que designou durante a instrución do accidente, que en 2014 destacou a "gran calidade" da liña Ourense-Santiago na que morreron 80 persoas
Inicialmente Adif designara como perito de parte a José Luis Pinel Simón, que en 2014, un ano despois do accidente, emitiu un informe exculpatorio da empresa pública no que destacou a “gran calidade” da liña de alta velocidade Ourense-Santiago, na que morreron 80 persoas. Porén, tras estar citado para o pasado xoves, a empresa pública renunciou a que Pinel comparecese. Si o farán outros dous peritos que Adif incorporou posteriormente á causa, Esther Mateo e Antonio Puyol.
A primeira era directora de instalacións de Adif cando en xaneiro de 2018 presentou unha peritaxe a petición desa empresa pública na que dixo que a liña Ourense-Santiago fora executada “de acordo coas normas técnicas que eran de aplicación a cada subsistema”. Cando en setembro daquel mesmo ano foi chamada a ratificar a súa peritaxe no xulgado de instrución Mateo xa fora ascendida a directora xeral de Seguridade. Na súa comparecencia, en liña coa estratexia de Adif de diluír responsabilidades ao longo da súa estrutura ou atribuílas a outros, Mateo tamén incidiu en que o factor humano e os erros dos maquinistas non debían ser analizados por Adif senón por Renfe, de quen dependían os condutores.
Para a perita de Adif “sería impensable que a última persoa aúne toda a responsabilidade”, algo que dixo non en referencia ao maquinista senón ao seu antecesor como director de Seguridade, do que tamén dixo que "ten responsabilidade só administrativa"
Dous meses despois da ratificación da súa peritaxe no xulgado de instrución Esther Mateo compareceu tamén no Congreso dos Deputados na comisión de investigación política alí aberta e nunca rematada sobre o accidente. Alí a xa nese momento directora xeral de Seguridade de Adif dixo que non se podía atribuír ao seu antecesor, Cortabitarte, toda a responsabilidade de poñer en servizo a liña Ourense-Santiago coas carencias de seguridade que tiña. “Sería impensable que a última persoa aúne toda a responsabilidade”, dixo en referencia ao cargo de Adif e non ao maquinista, para engadir que nese punto de revisión da seguridade da liña o director de Seguridade da empresa pública “ten responsabilidade só administrativa”.
Esta semana tamén comparece outro perito, Antonio Puyol, que durante a instrución admitiu que a súa empresa familiar recibiu "contratitos" de Adif
Ademais da comparecencia de Esther Mateo, esta semana tamén está prevista a doutro perito designado por Adif que tamén exculpou á empresa pública. Antonio Puyol, enxeñeiro industrial dedicado á avaliación da seguridade no sector ferroviario coa súa empresa familiar, que participou como consultora de seguridade da liña Ourense-Santiago, admitiu na súa comparecencia ante o xuíz de instrución en setembro de 2018 que a súa firma recibiu "contratitos" de Adif.