Esther Mateo, sucesora do acusado da empresa pública, di que a liña Ourense-Santiago deseñouse pensando nun erro humano, malia que non puido evitar o do maquinista accidentado
Este martes a xuíza do accidente de Angrois deixou claro que as peritaxes de parte que se están analizando estes días no xuízo teñen para ela un valor relativo xa que os peritos “son os que son, designados polas partes, e evidentemente cada un defende o interese da súa parte”. Nese contexto, este mércores compareceu a actual directora xeral de Seguridade de Adif, Esther Mateo, sucesora do ex-director desa empresa pública acusado do accidente ao mesmo nivel que o maquinista.
Mateo compareceu como perito designada por Adif e na súa intervención insistiu en que a súa empregadora non incumpriu ningunha norma, debullando toda a serie de procedementos que aplica para facer seguras as súas liñas en xeral e a curva de Angrois en particular.
“A infraestrutura estaba construída pensando na posibilidade dun erro humano?”, preguntou este mércores no xuízo de Angrois a avogada do Estado que defende a Adif. A resposta da alto cargo de Adif foi que ela cre “que si, que estaba deseñada e construída pensando en que houbese a posibilidade dunha demora de moitos segundos” por parte dun maquinista en frear antes da curva do accidente. Porén, ao seu xuízo “non estaba preparada para unha desatención da proporción que se deu neste caso”. Isto é, realmente o deseño da curva non podía evitar un erro humano previsible, como se constatou cando o condutor do Alvia non freou ao perder a conciencia do lugar polo que circulaba tras recibir unha chamada do interventor.
Segundo Mateo, a “sobrevelocidade” que provocou o accidente de Angrois “a xera algo imprevisible, o comportamento do maquinista”. Ao seu ver, “non está na cabeza de ninguén que estea relacionado co ferrocarril” que un maquinista puidese desatender tanto a condución como ocorreu no accidente. Porén, un maquinista xefe que xa declarou no xuízo si pensou que podería pasar algo como o que pasou, aínda que a súa advertencia foi desbotada dentro de Renfe.
A alto cargo de Adif chegou a dicir que unha baliza como as que hai por toda a rede ferroviaria e se colocou en Angrois tras o accidente tampouco garantiría a seguridade porque "as balizas poden fallar"
Mateo mesmo chegou a asegurar que colocar unha baliza como as que hai por toda a rede ferroviaria que frease os trens de forma automática na curva de Angrois, que se colocou tras o accidente, tampouco garantiría a seguridade porque “as balizas poden fallar” e mesmo dar "unha falsa sensación de seguridade". O avogado do maquinista preguntoulle se hoxe pode volver pasar o mesmo na curva de Angrois, ao que Mateo respondeu que "en condicións óptimas" non, volvendo a insinuar a posibilidade de que as balizas alí instaladas fallen. Segundo dixo, en Angrois "non hai falta de medidas para frear o tren, o que hai é falta de evidencias da necesidade de facelo" antes do accidente.
A alto cargo de Adif tamén atribuíu a Renfe, como xa fixo antes no xuízo a súa empresa pública, a responsabilidade de controlar mellor con medidas organizativas os riscos por erro humano en puntos que requiren “maior atención” como o de Angrois. Aínda que admitiu non ser experta nese eido, puxo como exemplo o sector da aviación e a denominada “cabina estéril” que nos momentos “críticos” dos voos como as aterraxes impide molestar aos pilotos.
"Isto non é un máster, céntrese máis nas preguntas", advertiu a xuíza cando a comparecente teimou en explicar a sofisticación dos procedementos e experiencia de Adif
A directiva de Adif, enxeñeira industrial que entrou en Adif en 2010 tras pasar polo mundo aeronáutico e do deseño naval, negou na súa comparecencia que recibise ningunha instrución para facer a súa peritaxe. Durante a súa declaración tentou facer ver a suposta sofisticación de procedementos, coñecementos e experiencia de Adif ata tal punto de que a xuíza chegou a dicirlle nun momento que “isto non é un máster, céntrese máis nas preguntas”.
As declaracións dos peritos de parte destes días chegan tras a comparecencias dos tres peritos xudiciais supostamente independentes, dous dos cales apuntaron responsabilidades de Adif ou do seu cargo acusado por non habilitar medidas que paliasen o erro humano previsible que cometeu o condutor do Alvia. Nesa mesma liña se pronunciou tamén un experto da Axencia Ferroviaria Europea cuxa independencia non foi posta en dúbida por ningunha parte. Pola contra, un terceiro perito xudicial, elixido pola Xunta, asegurou que Adif actuara conforme á normativa.