As persoas afectadas, feridas ou familiares, relatan unha a unha como viviron o accidente e os danos que sufriron para determinar as indemnizacións a que teñen dereito
Á media de hora de declarar as dúas primeiras vítimas do accidente de Angrois, unha muller maior que ía no tren e a súa filla que quedara na casa, a xuíza do caso, María Elena Fernández Currás, xa estaba emocionada e pedía aos avogados que tivesen tacto cos seus interrogatorios. Así comezou este martes a denominada parte civil do xuízo polo accidente de Angrois, na que centos de persoas afectadas -feridas ou familiares- irán declarando unha a unha ata o mes de xuño sobre como viviron o accidente e os danos que sufriron para, coas declaracións tamén de peritos forenses, determinar as indemnizacións a que teñen dereito, gran parte xa adiantadas polo seguro de Renfe. [O quen e o canto da dor de Angrois]
Nesta parte civil do xuízo está prohibida a difusión de datos médicos das persoas declarantes, que forman parte da súa vida privada. E está prohibido identificalas con nome e apelidos, salvo que elas mesmas decidan atender os medios. Unhas condicións fixadas polo poder xudicial para a cobertura mediática desta parte da vista oral que non impediron que, tras días sen atender das declaracións máis técnicas da parte penal do xuízo, as cámaras de televisión volvesen ás portas da Cidade da Cultura na que se está a celebrar o xuízo polas 80 persoas falecidas e 140 feridas.
Quen falou para os focos foi o presidente da Asociación de Prexudicados polo Accidente Ferroviario do Alvia de Santiago (Apafas), Cristóbal González Rabadán, militar que ía no Alvia aquel 24 de xullo de 2013 tras facer parte do Camiño de Santiago en bicicleta. Fronte á Plataforma de Vítimas do Alvia 04155, presidida por Jesús Domínguez, máis activa na pescuda das causas técnicas do sinistro e con preto de 200 asociados, Apafas, primeira asociación creada, tivo certo protagonismo nos meses posteriores ao accidente na reclamación de asistencia médica e psicolóxica para os afectados, para despois deixar de facer declaracións públicas.
O presidente dunha das dúas asociacións de vítimas confirma, como outros afectados, que a petición súa o maquinista aceptou reunirse e pediulles perdón, o que a súa defensa tenta que sexa considerado parte da atenuante de reparación do dano
Este martes González Rabadán, que dixo non saber cantos asociados ten agora Apafas, atendeu os medios de comunicación para amosar a súa “desilusión” e “desmotivación” ante o xuízo. “Despois de nove anos”, dixo, a súa petición é “que acabe pronto”. “Este dano é irreparable”, dixo o presidente de Apafas, quen asegurou que “sentenza haberá, por supostos, xustiza é imposible”.
González Rabadán, como xa contaron outras vítimas nestes anos, reuniuse hai tempo co maquinista do Alvia, Francisco José Garzón. Varios afectados veñen declarando que eses encontros co condutor do tren axudáronlles coa súa propia dor, ao ver o arrepentimento amosado por un dos dous acusados polo accidente -tamén o está un ex-director de Seguridade de Adif-. Esa actitude do maquinista, que pode ser entendida como reparación moral do dano máis alá da indemnización económica que asumen as aseguradoras, é unha das tres posibles atenuantes que a súa defensa vén tentando demostrar durante o xuízo, xunto coa súa confesión inmediata e as dilacións indebidas do proceso xudicial.
Ante a pregunta de por que elixiron o tren para viaxar aquel día as vítimas coincidiron en responder que por "seguridade, rapidez e comodidade"
No interior da sala, o que se pode contar do alí declarado, en persoa ou por videoconferencia, son cuestións xenéricas que non chegan a transmitir a dor das persoas comparecentes: vítimas atrapadas no tren durante o que consideraron moito tempo, familiares angustiados pola falta de novas sobre o sucedido aos seus, secuelas médicas ou psicolóxicas durante anos, perda de obxectos persoais con valor emocional, obras nos domicilios ante as incapacidades sobrevidas ou carreiras profesionais truncadas.
Houbo quen criticou abandono por parte dos seguros e as administracións e houbo quen agradeceu a asistencia recibida. Pero no que si coincidiron varias vítimas foi na súa resposta á resposta de por que elixiron o tren como medio de transporte: “seguridade, rapidez e comodidade”.