A policía certifica no xuízo de Angrois unha das tres atenuantes que poden beneficiar o maquinista: confesou decontado

Francisco José Garzón, maquinista do Alvia accidentado en Angrois, nunha das primeiras sesións do xuízo escoltado por axentes de policía CC-BY-NC-SA Praza.gal

O avogado do condutor confía en demostrar que a súa falta de actuación por despiste non ten relevancia penal, pero en caso de condena o seu comportamento, moi diferente do outro acusado, pode rebaixarlle a pena

Máis alá das pescudas sobre a culpabilidade do accidente de Angrois -se foi responsabilidade do maquinista, Francisco José Garzón, por non frear a tempo ou do ex-cargo de Adif tamén acusado, Andrés Cortabitarte, por non habilitar as medidas de seguridade necesarias- o longo xuízo iniciado a comezos de mes e que se prolongará ata o próximo verán permitiu deixar constancia xa esta semana dunha circunstancia que pode resultar relevante de cara a graduar e concretar as condenas finais. 

O avogado do maquinista confía en demostrar que o despiste que sufriu o seu defendido non pode ter relevancia penal se Adif non adoptara as medidas obrigadas para evitar ese previsible erro humano. Pero se finalmente é condenado, varios dos axentes da policía que declararon este pasado martes certificaron unha das tres posibles atenuantes das que se podería beneficiar o condutor do tren para ver rebaixada a súa pena: confesou o seu despiste decontado, sen que ninguén lle preguntase e moito antes de ser detido. Ademais, a súa reiterada petición de perdón ás vítimas e as demoras que sufriu a instrución xudicial poderían ser outras dúas atenuantes a ter en conta á hora de rebaixarlle a pena que se lle puidese impor. 

O ex-director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, e o maquinista do Alvia, Francisco Garzón, nas súas comparencias no Congreso en 2018, cando o segundo volveu pedir perdón ás vítimas e o primeiro dixo sentirse doído porque puxesen o foco nel CC-BY-SA Praza Pública

Confesión

Tanto Garzón como Cortabitarte están acusados ao mesmo nivel de 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional, 144 delitos de lesións e un delito de danos, polos que o fiscal pide catro anos de cadea e inhabilitación. Será a xuíza quen decida se un deles, os dous ou ningún é ou non culpable deses delitos, e imporá unha pena que pode ser graduada en función de circunstancias agravantes ou atenuantes contemplados no Código Penal. En principio o desenvolvemento deste caso non presenta agravantes, pero entre as atenuantes contempladas pola lei hai unha que semella de moi clara aplicación, “a de ter procedido o culpable, antes de coñecer que o procedemento xudicial se dirixe contra el, a confesar a infracción ás autoridades”.

O que declararon o martes varios axentes de policía, e ratificou o xoves un veciño de Angrois, ademais de constar nunha gravación da súa conversa co centro de control de Adif en Atocha xusto tras descarrilar o tren, foi que Garzón confesou a iniciativa propia desde o primeiro momento que se despistara e que o tren descarrilara porque non freara a tempo. 

Está por ver, como quere o seu avogado, se ese despiste reviste responsabilidade penal, pero os axentes de policía deixaron ben claro que a confesión de Garzón foi a iniciativa propia, reiterada e moito antes non só de “coñecer que o procedemento xudicial se dirixe contra el”, como di a lei, senón de ser sequera detido tres días despois do accidente, na habitación do hospital na que se recuperaba.

Decontado tras o accidente Garzón díxolle a toda persoa coa que falou que se despistara e non freara a tempo antes da curva de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

Reparación do dano

O maquinista pediu perdón varias veces e reuniuse con vítimas que llo pediron, o que pode contribuír a reparar o dano, mentres que o acusado de Adif chegou a dicir que lle "doe" que as vítimas poñan "o foco" nel e que sufriu por iso

Outra das posibles atenuantes a aplicar a Garzón se finalmente é condenado sería “a de ter procedido o culpable a reparar o dano ocasionado á vítima, ou diminuír os seus efectos, en calquera momento do procedemento e con anterioridade á celebración do acto do xuízo oral”. Ao respecto, Garzón leva pedindo perdón ás vítimas varios anos, en reiteradas comparecencias, e neste tempo reuniuse con familiares que lle pediron varios encontros persoais, o que se podería considerar que contribuíu a diminuír a súa dor ou os efectos do dano, como di a lei. Ademais, o seguro que cubre a súa responsabilidade civil adiantou gran parte das indemnizacións.

Fronte ao beneficio por estas atenuantes que podería obter Garzón no caso de resultar condenado, a actitude ata o momento do outro acusado, o ex-cargo de Adif, presenta significativas diferenzas. Cortabitarte non só non admitiu en ningún momento ningún tipo de eiva na súa actuación senón que, no que respecta ao seu trato cara ás vítimas, chegou a presentarse el mesmo como prexudicado por elas. En outubro de 2018, na súa comparecencia no Congreso dos Deputados, Cortabitarte, malia admitir que a dor das vítimas “en absoluto é comparable”, dixo que a el lle “doe” que estas poñan “o foco” na súa persoa. “Sufrín por verme involucrado como un dos presuntos responsables dun accidente no que non tiven ningunha responsabilidade”, dixo.

Dilación indebida

A instrución do caso rexistrou diversas dilacións de varios meses que está por decidir se foron indebidas, entre elas unha provocada por un erro do xulgado ao escribir un enderezo da Axencia Ferroviaria da UE

No caso de Angrois aínda habería unha terceira atenuante que, no caso de resultaren condenados, si podería beneficiar aos dous acusados. “A dilación extraordinaria e indebida na tramitación do procedemento, sempre que non sexa atribuíble ao propio inculpado e que non garde proporción coa complexidade da causa”. 

A instrución xudicial do accidente de Angrois foi complexa polo grao de especialización técnica da materia e polas dificultades postas por Adif e Renfe para facilitar algunha documentación. Pero aínda así rexistráronse diversas demoras que non poden ser atribuíbles a ese factor e que contribuíron a que pasasen máis de nove anos desde o accidente ata o inicio do xuízo oral. 

Unha das máis rechamantes e atribuíbles á propia administración de xustiza foi a demora de máis dun ano en obter un informe que o instrutor solicitou á Axencia Ferroviaria da UE en 2017. Primeiro o xulgado trabucouse no enderezo ao que enviou a solicitude e esta non chegou ao seu destino ata cinco meses máis tarde. A axencia comunitaria elaborou o seu informe en só dous meses e entregouno ao sistema xudicial francés para que este o remitise ao español, pero un ano despois da solicitude inicial aínda non chegara ao xulgado instrutor. Cando este por fin fixo ver ás partes que aínda non tiña o informe, a plataforma de vítimas e o BNG mobilizáronse e o obtiveron en só dous días. 

O propio presidente do Tribunal Superior de Galicia admitiu por carta ás vítimas que foi "moito tempo" o que pasou entre o accidente e o xuízo

A principios de 2018 a instrución tamén se viu afectada pola folga do persoal da administración de Xustiza en Galicia que se rexistrou naquel momento e que provocaría demoras de catro mesesnas declaracións de varios imputados, testemuñas e peritos previstas para comezos daquel ano.

E posteriormente, o xulgado tardaría varios meses en comezar a investigar unha denuncia de posibles eivas no tren Alvia. Finalmente non tiveron relevancia na causa, pero a demora en sequera iniciar a súa análise engadiu cando menos outros cinco meses de demora ao proceso.

Manifestación de vítimas de Angrois no noveno aniversario do accidente, o pasado 24 de xullo CC-BY-SA Praza Pública

Por último, aínda pasaría un ano desde que a Audiencia da Coruña avalou en abril de 2021 o remate da instrución co maquinista e o cargo de Adif como acusados ata que a xuíza emitiu en abril de 2022 o auto que estableceu o inicio da vista oral neste outono.

O propio presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez e Díaz-Castroverde, chegou a admitir por carta á plataforma de vítimas que fora “moito tempo” o que pasara entre o accidente e o xuízo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.