Do erro humano ao dano persoal: o xuízo de Angrois vira o foco dos acusados ás vítimas

Sala da Cidade da Cultura na que se está a celebrar o xuízo polo accidente de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

Este martes comezan a comparecer centos de vítimas e familiares de falecidos para establecer as indemnizacións tras rematar a fase penal da vista oral coa defensa do maquinista acusando a Adif, que desviou responsabilidades a quen xa non pode ser condenado

Non se lle pode pedir a un humano que deixe de ser humano. Con esa reflexión rematou o pasado mércores a denominada parte penal do xuízo polo accidente de Angrois, que a partir deste martes inicia a vertente civil coas declaracións ata xuño de centos de vítimas e peritos forenses que axudarán a determinar o dano sufrido e a indemnización que corresponde en cada caso. A vista oral polo sinistro do 24 de xullo de 2013 no que morreron 80 persoas e outras 140 resultaron feridas vira así o seu foco dos acusados ás vítimas, seres humanos en todo caso cuxas actuacións ou danos persoais son a clave dun caso que máis alá do accidente puntual supón un xuízo á alta velocidade española con efectos en todo o sistema ferroviario.

Cámaras e vítimas arredor de Andrés Cortabitarte, o ex-cargo de Adif acusado polo accidente de Angrois, na primeira xornada do xuízo, o 5 de outubro de 2022 CC-BY-SA Praza Pública

Cando ocorreu o accidente de Angrois aínda só podían ser condenadas por este tipo de feitos as persoas físicas, non as xurídicas, así que o xuízo nada dirá de Adif ou Renfe como organizacións senón que só pode pronunciarse sobre a culpabilidade ou inocencia das dúas persoas acusadas: Francisco José Garzón, maquinista do tren Alvia que non freou a tempo na curva de Angrois tras recibir unha chamada do interventor, e Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade na Circulación de Adif acusado por non habilitar medidas que evitasen un erro humano. 

Os dous están acusados ao mesmo nivel por supostos delitos de imprudencia profesional, isto é, sen intencionalidade, e só hai catro posibles resultados do xuízo: a condena só do maquinista, a condena só do cargo de Adif, a condena dos dous ou a absolución dos dous.

Dous dos tres peritos xudiciais e un experto europeo cuxa independencia non foi posta en dúbida coincidiron en que Adif debía prever o erro humano mentres que un terceiro perito elixido pola Xunta discrepou e atribuíu incumprimentos só ao maquinista 

Durante as declaracións iniciadas o pasado outubro das oitenta persoas entre testemuñas, expertos e peritos que xa compareceron no xuízo o avogado do maquinista tentou facer ver que un erro humano era previsible -de feito foi previsto por un maquinista xefe- e que ao seu defendido non lle deron as ferramentas adecuadas para facer o seu traballo xa que toda a responsabilidade de controlar a velocidade antes da curva de Angrois recaía nel sen ningún sistema de seguridade que o axudase ou supervisase. 

Nese argumento, o de que as persoas tarde ou cedo cometen erros e Adif debía prevelo, incidiron dous dos tres peritos nomeados polo xuíz instrutor do caso e un experto en seguridade da Axencia Ferroviaria Europea cuxa independencia ningunha parte puxo en dúbida. Pola contra, un terceiro perito xudicial elixido pola Xunta restou importancia a esa cuestión e incidiu en que foi o maquinista quen incumpriu a súa obriga ao non frear e non o cargo de Adif por non habilitar medidas para esa posible situación.

Francisco José Garzón, maquinista do tren accidentado en Angrois, abandona a Cidade da Cultura tras a primeira xornada do xuízo, o 5 de outubro de 2022 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Tres frases poden resumir o escoitado nestas semanas a respecto dos erros humanos. A primeira pronunciouna un dos peritos xudiciais: “Sempre hai que ter en conta ao acometer un proxecto así que o ser humano, antes ou despois, vai cometer fallos, porque é luns, porque é martes, pola súa muller, polo seu fillo...”. A segunda frase é dunha perita de parte, unha psicóloga designada pola defensa do maquinista pero que é a única experta en factor humano que compareceu no xuízo. “Pódeselle pedir a un humano que deixe de ser humano?”, preguntáronlle. “Non, non se lle pode pedir iso”, respondeu. 

A terceira frase é da actual directora xeral de Seguridade de Adif, sucesora do cargo acusado, que na liña de actuación desa empresa pública tentou facer ver que o do maquinista non foi un erro humano senón unha “desatención” das súas obrigas. Segundo dixo, a liña de alta velocidade Ourense-Santiago estaba deseñada pensando na posibilidade dun erro humano, pero “non estaba preparada para unha desatención da proporción que se deu neste caso”. 

Adif enfróntase ao paradoxo de que unha condena do seu ex-director de seguridade limitaría o accidente ao seu erro persoal, mentres que se só é sentenciado o maquinista certificaríase a incapacidade do sistema de paliar o risco previsible que había na curva

Esa mesma alto cargo de Adif deixara en 2018, na súa comparecencia na comisión de investigación política no Congreso, unha frase pensada para exculpar o seu antecesor e afondar na estratexia da empresa pública de diluír e desviar a persoas que xa non poden ser condenadas as responsabilidades sobre as eivas de seguridade que tiña a liña: “Sería impensable que a última persoa aúne toda a responsabilidade”, dixo. 

Pero esa visión de que Cortabitarte como máximo responsable da seguridade de Adif non seía responsable do accidente de Angrois é a mesma que desde a outra banda se argumenta para defender que o maquinista non pode asumir toda a responsabilidade nun sinistro así.

Os acusados polo accidente de Angrois, Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, e Francisco José Garzón, maquinista do Alvia © Óscar Corral

Queda así patente o paradoxo ao que se enfronta Adif no xuízo: Unha condena do seu ex-director de seguridade limitaría o accidente a un fallo persoal seu, mentres que se só é sentenciado o maquinista certificaríase a incapacidade do sistema ferroviario español de paliar o risco de erro humano que había naquela curva. O temor pola imaxe da alta velocidade española que amosaban hai nove anos os responsables políticos.

Pero agora o xuízo virará cara ás vítimas, que previsiblemente volverán atraer á súa vez os focos dos medios de comunicación que só prestaron atención a este longo e técnico proceso nas súas primeiras xornadas, cando declararon os acusados e a plataforma de afectados se deixou ver no exterior da sala. 

Este martes comezan a comparecer todas e cada unha das vítimas que están desconformes coas indemnizacións previstas para elas, que ascenden a uns 57 millóns de euros. Para iso testificarán ducias de médicos e peritos forenses nunha longa serie de sesións que terán máis restricións á hora de poder ser divulgadas polos medios de comunicación para así preservar os dereitos dos afectados. Estes teñen garantido o cobro da indemnización -de feito os seguros xa adiantaron boa parte- con independencia de que o seu dano persoal sexa atribuído a un erro do maquinista, un erro do cargo de Adif, ou a ninguén.

A manifestación das vítimas de Angrois ao seu remate no Obradoiro o pasado 24 de xullo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.