A dificultade de concretar a responsabilidade penal en casos complexos pode deixar esa vía sen culpables e limitar o resarcimento das vítimas á indemnización civil, o que tamén pode pasar no caso do Alvia se as defensas de Adif e do maquinista teñen éxito
Esta semana a xuíza instrutora do accidente do Marisquiño, con 350 persoas feridas, decidiu arquivar o caso ante a imposibilidade de xustificar “debidamente” que o afundimento do paseo no que se celebraba o concerto sexa un delito de imprudencia atribuíble penalmente a algún responsable do Concello ou da Autoridade Portuaria de Vigo. E nas últimas semanas veñen coñecéndose varias decisións de arquivo, por non quedar acreditada a comisión de delitos, de diversas investigacións derivadas do caso Pokémon e doutras causas abertas pola xuíza Pilar de Lara que están rematando con limitadas sentenzas condenatorias.
O artigo 24 da Constitución Española establece o dereito de todas as persoas á presunción de inocencia, un dereito que só se pode tombar con probas claras e directas, e non sempre é posible, especialmente en casos complexos, concretar as responsabilidades penais. En casos con vítimas o seu resarcimento non incluirá polo tanto a condena penal dos responsables do seu padecemento, pero como ocorre no caso do Marisquiño si terán unha indemnización económica na vía civil que asumirá unha aseguradora. E iso mesmo pode chegar a pasar, segundo admiten como unha obviedade varios avogados consultados, no caso do accidente de Angrois, con 80 mortes e 140 persoas feridas, se as defensas do acusado de Adif e do maquinista teñen éxito coas súas estratexias.
O caso do Marisquiño, e á espera do que poida pasar cos recursos que xa se anuncian contra a decisión da instrutora de arquivar a causa, é un exemplo da dificultade de concretar as responsabilidades penais para condenar a unha persoa. Á marxe da causa penal abriuse un proceso contencioso-administrativo no que Concello e Autoridade Portuaria de Vigo discutiron de quen era a responsabilidade do mantemento do espazo no que se celebraba o concerto. O Tribunal Supremo vén de ratificar que lle correspondía ao Concello, pero no eido penal iso non foi suficiente para a xuíza instrutora como para poder atribuír un delito a unha persoa concreta.
Os avogados das dúas asociacións de vítimas non o ven probable, pero admiten que pode haber absolucións no xuízo de Angrois, no que só poden ser condenadas as dúas persoas acusadas, nin outras nin tampouco Adif como organización
No caso do accidente de Angrois están acusados o maquinista do Alvia por non frear a tempo antes da curva ao despistalo unha chamada do interventor do tren e un ex-director de Seguridade na Circulación de Adif por non prever e paliar ese risco que alí había. De entrada xa isto supón unha diferenza relevante a respecto doutros accidentes de medios de transporte nos que morren os condutores, maquinistas ou pilotos e a xustiza non atopa outros responsables. Unha persoa morta non pode ser condenada, o que supón o arquivo do caso se non se pode establecer responsabilidade de ninguén máis, pero non impide que os seguros das empresas de transporte indemnicen ás vítimas.
En Angrois o avogado que representa á Asociación de Prexudicados polo Accidente Ferroviario do Alvia de Santiago (Apafas), Javier González Martín, foi tamén avogado no caso do accidente do avión de Spanair que se estrelou en agosto de 2008 provocando a morte de 154 persoas. Investigouse a varios técnicos pola súa actuación no avión sinistrado, pero non se puido establecer a súa responsabilidade penal e, ante a morte dos pilotos, o caso non chegou nin a xuízo e quedou sen culpables penais, o que non afectou ás indemnizacións das vítimas.
González Martín di sobre o caso de Angrois, con dous acusados, que ao seu ver hai “poucas probabilidades” de que aquí non haxa unha condena. E o mesmo considera Manuel Alonso Ferrezuelo, avogado da Plataforma de Víctimas del Alvia 04155, a máis activa na investigación técnica do sinistro e na reclamación de responsabilidades políticas polo mesmo. Pero os dous admiten que a presunción de inocencia é un dereito moi poderoso e que os avogados do maquinista e do cargo de Adif poden ter éxito nas súas estratexias.
O defensor do maquinista tenta que todas as eivas de seguridade que diversos peritos e expertos veñen detectando na curva de Angrois sexan vistas pola xuíza de tal relevancia como para eximir de responsabilidade o condutor. E os de Adif tentan diluír as posibles responsabilidades entre a estrutura desa empresa pública, Renfe ou o ministerio e que o seu cargo acusado non poida ser considerado claramente responsable de nada. Só un acusado no xuízo pode ser condenado, polo que en nada inflúe que agora Adif desvíe responsabilidades por exemplo a Renfe.
O seguro de Renfe xa avanzou indemnizacións ás vítimas, que deberá compartir ou asumir o seguro de Adif se é condenado o seu cargo, o que augura novos preitos civís entre as dúas firmas
“Non descartei nunca que poida non haber condenados”, di Alonso Ferrezuelo. “Non quero unha sentenza absolutoria, pero pode darse o caso e así llo transmitín aos meus clientes”, salienta este avogado da plataforma de vítimas, que explica que pode pasar que a xuíza entenda que hai responsabilidade do maquinista pero que non é de tanta entidade como para ter reproche penal senón só unha falta xa despenalizada. E no caso de Adif lembra que a lei mudou tras o accidente e agora si podería establecerse a responsabilidade penal das persoas xurídicas, como as empresas, pero que iso non ocorría cando o sinistro. Isto é, de nada servirá que no xuízo se estableza que Adif fallou se esa responsabilidade non se pode atribuír directamente ao seu cargo acusado.
Pero a causa penal non afecta por completo á civil, só ten prioridade, xa que o denominado principio de prexudicialidade penal establece que esa vía debe resolverse antes que os posibles procedementos posteriores civís ou contenciosos -nese último eido aínda outra vía de recibir unha indemnización económica a través dunha condena por responsabilidade patrimonial da administración, que non se establece dunha persoa concreta como na máis difícil vía penal senón da administración en si-.
Aplicado isto ao caso de Angrois significa que as vítimas, con independencia de que haxa ou non condenados penalmente, van recibir igualmente a súa indemnización -de feito a maioría xa recibiron importantes adiantos-. Nese aspecto o xuízo do accidente organizouse de forma que, unha vez rematadas as comparecencias máis técnicas sobre a responsabilidade penal e antes de que remate a vista en xuño e se dite sentenza, a partir de febreiro comparecerán as vítimas e forenses para certificar os danos sufridos e a indemnización civil a quen ten dereito cada unha.
“Sempre que hai responsabilidade penal haina tamén civil, pero non sempre que hai responsabilidade civil ten por que habela penal”
O fiscal cifrou en 57 millóns os danos e prexuízos do caso, cifra que pode variar se a algúns afectados se lles recoñecen finalmente máis secuelas. Son uns cartos que no seu momento foi adiantando xa o seguro de Renfe que cubría aos pasaxeiros e que asume a indemnización á que poida ser condenado o maquinista traballador desa empresa pública. E se tamén é condenado o cargo de Adif esas indemnizacións deberán ser asumidas a medias polo seu seguro, ou en solitario se o seu cargo é o único condenado.
Pero incluso no caso dunha condena só do maquinista o letrado González Martín amósase convencido de que o seguro de Renfe vai tentar repercutir parte da indemnización sobre o seguro de Adif a través doutro proceso civil no que xa non tomarán parte as vítimas nin os acusados penais. Sería xa un preito entre empresas en busca de responsabilidades económicas mesmo cando as penais quedasen pechadas. Porque “sempre que hai responsabilidade penal haina tamén civil, pero non sempre que hai responsabilidade civil ten por que habela penal”, conclúe outro letrado.