O TSXG anula o convenio 'Abrir Vigo ao Mar' asinado en 1992 entre o Concello, Zona Franca e a Autoridade Portuaria ao considerar que o consistorio incumpriu a súa obriga de manter e conservar parte da área afectada por ese acordo, na que se produciu o accidente do Marisquiño
Desde que na noite do 12 ao 13 de agosto de 2018 afundiu o peirao de madeira do paseo das Avenidas, no Náutico de Vigo, durante a celebración do festival O Marisquiño, deixando 428 persoas feridas, a principal pregunta foi quen era o responsable do mantemento da estrutura do paseo. A pugna entre o Concello de Vigo e a Autoridade Portuaria da cidade comezou na mañá seguinte do accidente e chegou aos xulgados en diferentes reclamacións e a unha comisión parlamentaria.
Pois ben, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de concluír, en dúas sentenzas, que o Concello de Vigo era o responsable do mantemento da zona na que tivo lugar o accidente. E vai máis alá, o alto tribunal considera que existen motivos para anular o convenio 'Abrir Vigo ao Mar', subscrito en 1992 entre o Concello, o Consorcio da Zona Franca e a Xunta de Obras do Porto de Vigo (hoxe en día Autoridade Portuaria), debido a que entende que o consistorio incumpriu a súa obriga de manter e conservar parte da área afectada por ese acordo.
A sentenza recolle que o Concello "antes de autorizar un uso diferente ao simple paseo” debeu "valorar a seguridade da instalación"
"Necesariamente, o mantemento se debe conectar coa seguridade e co uso, e o Concello non o cumpriu, á vista dos documentos achegados, xa que diferentes cargas sobre os elementos cedidos poden ter consecuencias distintas", indica o TSXG na súa resolución. Desta maneira, os maxistrados aseguran que o Concello "antes de autorizar un uso diferente ao simple paseo, que era o que tiña na concesión", debeu "valorar a seguridade da instalación".
O convenio 'Abrir Vigo ao Mar', segundo o alto tribunal, "non ofrece dúbidas interpretativas en canto á obriga de mantemento e de bo estado de conservación" por parte do Concello daquelas zonas de uso público, quedando eximido daquelas que poidan ser de uso exclusivo da Autoridade Portuaria. En concreto, a sentenza recolle que o consistorio "se compromete, durante os cincuenta anos de vixencia deste convenio (cláusula VI), ao mantemento de toda a actuación en perfecto estado de conservación”.
Ao incumprirse este punto, a Sala indica que se debe proceder á liquidación do convenio 'Abrir Vigo ao Mar'. Para que isto suceda, as partes teñen que entregar os espazos incluídos no acordo “en perfecto estado de conservación” ao considerar “que así se atopaban no momento da entrega”. Porén, o TSXG non condena o Concello a pagar a reparación porque ata que non se produza dita liquidación non se pode reclamar a cantidade á que ascende o orzamento contratado cunha empresa privada pola Autoridade Portuaria de Vigo.
“Evidente mal estado"
Os maxistrados afirman, despois de consultar as fotografías do estado no que se atopaba esta zona do Náutico vigués, que resulta "evidente o mal estado en que se atopaban os elementos superficiais do paseo, os cales se advertiron de forma reiterada pola Autoridade portuaria, advertindo do risco existente para as persoas, sen que o mantemento alcanzase a estes elementos”.
As sentenzas, que non son firmes e contra as que se poden presentar recursos de casación ante o Tribunal Supremo, establecen que o Concello "recibiu un beneficio que anteriormente non tiña, un beneficio interesado para a cidadanía de Vigo e, polo tanto, é o Concello o que debe manter en bo estado de conservación o cedido". "Os usos eran xestionados polo Concello desde unha posición de control das instalacións cedidas, polo que necesariamente debería de controlar todas as medidas que afectasen ás instalacións, non podendo pretender que tivese liberdade de uso, pero sen responsabilidade en canto ao mesmo”, engaden.
Mantemento máis alá da limpeza
O Concello alegou que o seu papel se limitaba á limpeza da zona, pero a sentenza conclúe que “a obriga de mantemento polo Concello de Vigo prevista no convenio do 2 de novembro de 1992 non se limita a labores de mantemento dos xardíns e zonas de esparcemento, senón tamén aos elementos que as sustentan”. Ademais, na sentenza explícase que "o normal funcionamento dun paseo marítimo, formado por unha plataforma de formigón acabada nun pavimento de madeira, se deben de manter todos os elementos que o forman, principalmente os estruturais”.
Así mesmo, os maxistrados cuestionan o uso deste paseo ao carón da ría de Vigo para a celebración do festival e manifestan que a plataforma rematada en madeira "sería válida para o uso ao que se destinaba, pero non para un uso máis intensivo, como posteriormente se demostrou co incidente que resulta como transfundo ao presente litixio”.
Estas sentenzas contan cun voto particular dun dos maxistrados, que estima o contrario do resolto pola sala do TSXG.