Máis dunha semana despois do accidente durante o último concerto d'O Marisquiño que provocou máis de 460 feridos, a lea política continúa. Tan só unha das persoas afectadas continúa ingresada logo do colapso de parte da estrutura do paseo no peirao náutico de Vigo o domingo da pasada semana, un grave suceso que non deixa de recruar a batalla política.
Así, a Autoridade Portuaria de Vigo emitiu este luns un comunicado no que sinala que a inspección das infraestruturas onde se celebrou o festival era responsabilidad dos usuarios e organizadores dese evento e advirte de que tivo "coñecemento" do plan de autoprotección presentado pola empresa pero que non lle consta que "fose entregado ás autoridades responsables do control do evento".
A Autoridade Portuaria di que tivo "coñecemento" do plan de autoprotección pero que non lle consta "que fose entregado ás autoridades responsables do control do evento"
López Veiga e Feijóo, no Porto de Vigo / © Xunta
Para o Porto "queda claro" que ese plan "contempla unha análise de riscos onde se supón que os organizadores deben ter levado a cabo as análises correspondentes por parte dos técnicos". "É obvio que a inspección das infraestruturas que se usan para ver se son axeitadas aos eventos que se propoñen son responsabilidade dos usuarios e organizadores destes eventos e dos técnicos que o supervisan", engadiu.
O Porto considera "obvio" que a "inspección das infraestruturas" do evento é "responsabilidade dos organizadores e dos técnicos que as supervisan"
"Lamentaríamos moito que, por parte desa organización, non se asuman as responsabilidades propias dunha organizacións empresarial con ánimo de lucro, que realiza eses eventos ao seu risco e ventura, e que recibe ademais importantes subvencións públicas", di a Autoridade Portuaria, que sinala O Marisquiño.
Ademais, xa o sábado, En Marea avanzou a súa intención de propoñer unha comisión de investigación para "buscar a verdade, aclarar competencias e depurar responsabilidades". Neste luns, foi o BNG quen lanzou unha proposta aos grupos da oposición do Parlamento para poñela en marcha, mentres o PP continúa cos seus ataques ao Concello de Vigo e reclama que se coñezan os seus informes.
En Marea e BNG propoñen unha comisión de investigación no Parlamento mentres o PP reclama informes ao Concello de Vigo
A voceira nacional do Bloque, Ana Pontón, compareceu acompañada do deputado Luís Bará e pediu ás administracións que "non miren cara a outro lado" logo dun "gravísimo" accidente, ademais de cualificar de "lamentable" o "espectáculo que levan dando unha semana" PP e PSOE co seu cruzamento de acusacións. "É lamentable, penoso e unha falta de respecto ás vítimas o espectáculo partidista que deron, dixo quen acusou ambos partidos de "lanzar balóns fóra" e buscar "un chibo expiatorio" antes que "asumir as responsabilidades".
Pontón pide ás administración que "non miren cara a outro lado" e cualifica de "lamentable" o "especáculo" de PP e PSOE
Para o BNG, tanto o Concello como a Autoridade Portuaria teñen "responsabilidade directa" na xestión do espazo aceptado, pero considera que a Xunta debe tamén "actuar con responsabilidade" e non ollar "cara a outro lado". Ademais, e paralelamente á investigación xudicial, Pontón reclamou que se asuman "responsabilidades políticas", que na súa opinión recaen tanto en quen autorizou o evento como en quen "sabía que había unha infraestrutura en mal estado" e non puxo remedio. "As institucións, neste caso, deben estar á altura das circunstancias", engadiu.
Paula Prado ataca a Caballero: "O político galego máis charlatán está mudo no momento no que ten que dar máis explicacións"
Pola súa banda, desde o PPdeG presentouse este luns unha iniciativa parlamentaria na que se pide á Xunta que se dirixa ás "administracións competentes" para dar traslado dos informes e documentación en relación ao Marisquiño e á zona que afundiu. A viceportavoz parlamentaria do partido, Paula Prado, que se referiu de forma directa ao Concello de Vigo como "responsable" da licenza de autorización ao festival, aínda que sen descartar que outras administracións, como a Autoridade Portuaria, entreguen documentación.
"Os informes están a reclamarse e desde o Concello de Vigo non se está dando traslado", engadiu Paula Prado, que criticou que "o político galego máis charlatán", en referencia a Abel Caballero, "estea mudo no momento no que ten que dar máis explicacións".
O Marisquiño seguirá pero a sede non está confirmada
Por outra banda, a organización d'O Marisquiño emitiu un comunicado no que asegurou que o festival celebrará a súa 19ª edición e que a vontade é que volva ser enn Vigo, aínda que non está asegurado que así sexa. Os promotores garanten que o evento seguirá para "cumprir cos compromisos adquiridos coas federacións internacionais, así como co seu público e o deporte urbano".
Ademais, O Marisquiño advirte de que xa puxo a disposición do xulgado que investiga o caso toda a documentación requirida e que continuará a colaborar coa "transparencia debida" para que se aclaren "as causas do sucedido" e se determinan as "oportunas responsabilidades". Tamén agradeceu o traballo das forzas de seguridade e amosou a súa satisfacción pola recuperación das persoas feridas.
Polo momento, foron xa máis de medio cento as denuncias presentadas por persoas afectadas polo afundimento do peirao na comisaría da Policía Nacional de Vigo.