"Sendo conscientes de que a xustiza, como as persoas, non é infalible, que ten limitacións, o do xoves foi un esperpento", di Jesús Domínguez, presidente da plataforma de vítimas do Alvia, sobre o perito designado pola Xunta
Nun xuízo, e máis aínda nun tan tecnicamente esixido como é o da traxedia do Alvia, os peritos e os seus ditames son de suma importancia. Normalmente os xuíces conceden unha maior credibilidade aos peritos designados polo xulgado que aos que contratan as partes comparecentes. Pero o pasado xoves 12 de xaneiro presenciamos un dos episodios máis lamentables que xurdiron ata o de agora neste xuízo do accidente de Angrois: a comparecencia dun dos peritos xudiciais designados a dedo pola Xunta de Galicia.
Despois de case dez anos da traxedia evitable do Alvia, na que perderon a vida 80 persoas e máis de 140 quedaron feridas con secuelas para sempre, as vítimas e familiares unicamente pedimos que se aclare o sucedido, que se esclarezan todas as responsabilidades e se faga algo de xustiza. Pedímolo sendo conscientes de que a xustiza, do mesmo xeito que as persoas, non é infalible, que ten limitacións. Pero o que vivimos o pasado xoves, coa comparecencia dun suposto experto que en teoría debería asesorar con independencia e coñecemento de causa á maxistrada que ditará xustiza, foi un auténtico esperpento, algo fóra de toda lóxica. Unha verdadeira afronta á cidadanía e ás vítimas e familiares.
O esperpento protagonizouno Juan Carlos Carballeira Rifón, funcionario da Xunta que ao longo de máis de cinco horas despregou unha ladaíña de contradicións, rectificacións e “divagacións”, segundo criticou a propia xuíza -por non cualificalas como discurso caótico e sen sentido-, que demostraron un absoluto descoñecemento do caso e que superaron o peor dos nosos pesadelos.
Convén lembrar o sucedido hai anos para entender o ocorrido o xoves e a gran responsabilidade que ten o Goberno galego en todo este despropósito. A Xunta ten a obriga e a responsabilidade de dotar os xuíces dos medios materiais e humanos necesarios para facer o seu traballo, entre eles peritos para poder descifrar cuestións técnicas como as deste accidente. Pero neste caso a Xunta non foi quen de garantir os medios adecuados para que a xustiza funcione correctamente.
O primeiro xuíz instrutor do caso, Luis Aláez, nomeou por sorteo a tres peritos profesionais, pero a Xunta desestimou dous deses nomeamentos ao amparo dunha normativa autonómica e designou funcionarios sen experiencia ferroviaria. Non puido impoñer o terceiro perito ao non atopar un enxeñeiro de telecomunicacións.
Nun auto de xaneiro de 2014 o xuíz dicía: “É certo que a aparencia de imparcialidade pode verse embazada polo feito de que foi a Xunta a que designou os técnicos que han de realizar a pericial”. As vítimas e familiares compartiamos esa reflexión e tratamos de impedilo, xa que para saber a verdade e que se depurasen todas as responsabilidades era necesario obxectividade, experiencia e independencia. Requisitos que, como calquera cidadán entende, si cumpren o perito profesional designado por sorteo e unha testemuña perito da Axencia Ferroviaria Europea.
“Queremos xustiza, pero o que recibimos o xoves foi unha burla propiciada pola Xunta”
Parecíanos intolerable que o poder executivo tratase de influír na xustiza desta forma, saltándose os principios máis básicos da separación de poderes, pero finalmente a Xunta logrou o seu obxectivo. E o resultado foi non só a comparecencia do xoves senón feitos como que o señor Carballeira plaxiase parágrafos enteiros da investigación levada a cabo polo Goberno, realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) e que responsabiliza unicamente o maquinista. Investigación que a UE dixo que se debería repetir ao incumprir a normativa por falta de independencia e por non analizar as causas que afectan a Renfe, Adif e Fomento. A Xunta deunos o mellor exemplo do dito popular de que o barato sae caro ao elixir como perito a alguén que plaxia sen pudor e que igualmente sen pudor admitiu todo tipo de erros.
Non estamos para divagacións e esiximos que a Xunta dea explicacións, pida perdón, interveña e inhabilite a este señor como perito xudicial. Porque queremos xustiza, pero o que recibimos o xoves foi unha burla propiciada pola Xunta.