Sen saber aínda se serán condenados o maquinista de Renfe ou o ex-cargo de Adif, os seguros das dúas empresas públicas tentan rebaixar a factura que terían que pagar en cada caso e que en parte xa foi adiantada
O xuízo polo accidente de Angrois, que se estenderá ata o verán, entrou o pasado 14 de febreiro na fase de determinación das indemnizacións a que ten dereito cada persoa ferida e os familiares das falecidas, estimadas polo fiscal en 57 millóns de euros, cifra que pode variar segundo estableza a xuíza entre o que reclaman os afectados e o que constaten médicos e peritos forenses.
Aínda non se sabe quen pagará, cuestión que dependerá de quen resulte condenado, se o maquinista do tren Alvia ou o ex-director de Seguridade de Adif, as dúas únicas persoas acusadas, por imprudencia grave profesional. En última instancia os cartos serán postos polos seguros das empresas públicas que os empregaban, Renfe ou Adif, ou a medias se son condenados os dous. Pero mentres chega esa sentenza as aseguradoras tentan facer ver nesta fase do xuízo todo o que fixeron xa polas vítimas ou que algunhas destas non quedaron tan mal como din.
No accidente de Angrois hai tres aseguradoras implicadas. Por unha banda está o seguro obrigatorio de viaxeiros de Renfe, responsabilidade de Allianz S.A., que actuou de xeito automático tras o sinistro cunhas indemnizacións que a propia operadora ferroviaria decidira aumentar antes do accidente entre un 25% e un 66% a respecto do mínimo que establecía a lei, despois tamén mellorada. Ese seguro obrigatorio contemplou 60.000 euros por unha morte, mentres que as lesións oscilaron entre os 70.000 euros das máis graves aos 1.500 euros das máis leves.
Pero ademais dese seguro obrigatorio están as aseguradoras que cobren a responsabilidade civil das empresas se os seus empregados son condenados polo accidente. No caso de Renfe a aseguradora é QBE, e no de Adif é Allianz Global.
QBE, aseguradora de Renfe e o maquinista, que foi adiantando cantidades, mesmo protestou ante o xuíz instrutor pola demora de Allianz Global, seguro de Adif, en compartir a metade deses adiantos cando tamén foi encausado o ex-director de Seguridade
Co maquinista imputado desde o primeiro momento da instrución xudicial, QBE como aseguradora de Renfe foi adiantando cantidades a diversas vítimas e ante o xulgado. Cando o cargo de Adif acabou tamén imputado e despois acusado mesmo protestou ante o xuíz instrutor pola demora de Allianz Global en compartir a metade deses adiantos. E agora na vista oral volven quedar patentes as distintas actitudes con que as aseguradoras afrontan o caso.
Por unha banda o seguro obrigatorio e QBE tentan deixar constancia das atencións que prestaron aos afectados ou as contías que xa lles pagaron. Se algún dos comparecentes estes días non o di na súa declaración inicial pregúntanlle por tal ou cal tratamento que recibiron para que quede constancia de que así foi. Pola contra, a representación de Allianz Global -e nalgún caso a de QBE de xeito algo máis sutil- tenta facer ver nalgúns casos que as reclamacións de certas vítimas non son adecuadas. E, ao tempo, os avogados das vítimas tentan demostrar que as secuelas foron peores do que din os seguros.
Xa na primeira sesión de comparecencias de vítimas e peritos forenses, que se estenderán desde o pasado 14 de agosto ata o 14 de xuño, a representación de Allianz Global deixou ver que tentaría reducir as indemnizacións que piden algunhas vítimas por se chega o caso de que lle toque pagar se é condenado o ex-director de Adif. Naquela primeira sesión compareceu unha muller que reclama o lucro cesante da interrupción brusca da súa carreira profesional que supuxo o accidente. Traballaba nunha entidade financeira na que aspiraba a ascender, pero a representación de Allianz Global argumentou que a súa oficina desapareceu hai uns anos, insinuando que non habería tal carreira profesional. Testemuñas da vítima retrucaron que dita oficina só cambiara de lugar como consecuencia dunha fusión de entidades bancarias e que outros compañeiros seguían nela.
Tamén reclama lucro cesante outro home que argumenta que o accidente acelerou a doenza visual que xa padecía ata o punto de obrigalo a deixar o seu traballo previo. A representación de Allianz Global preguntoulle por unha conferencia que deu sobre o seu traballo sen que o seu problema visual fose un inconveniente, ao que o afectado retrucou dicindo que non é o mesmo traballar que falar sobre un traballo.
A xuíza chegou a reprochar ao avogado de Allianz Global se algunha das súas afirmacións sobre a vida das vítimas para insinuar que non é tan mala tras o accidente se debe a que empregaron investigadores privados
Ese tipo de preguntas sobre datos da vida das vítimas posterior ao accidente para supostamente insinuar que non é tan mala como a indemnización que reclaman tivo o pasado 22 de febreiro un momento significativo. Ante a declaración dunha vítima sobre as secuelas psicolóxicas que lle deixou o accidente e o medo que ten a algunhas viaxes o avogado de Allianz Global preguntoulle por unha viaxe concreta ao estranxeiro que realizou a unha cidade turística. A vítima argumentou que tivo que mudar sobre a marcha de medio de transporte ante o medo que tivo e a xuíza reprochou ao letrado se esa pregunta era froito do traballo dalgún tipo de investigador privado sobre a vida da vítima, ao que o avogado de Allianz respondeu que o averiguara “nas redes sociais”.
E o pasado martes, xa con peritos médicos forenses declarando sobre as secuelas das vítimas que compareceran en días previos, as declaracións, máis técnicas, seguiron os mesmos camiños. Como a pregunta da representación de Allianz a un médico sobre se determinada secuela non podería estar xa incluída dentro doutra xa certificada e polo tanto “sería unha dobre valoración dunha mesma secuela se a estamos valorando por separado”, o que suporía tamén duplicar os conceptos a indemnizar.
Noutros casos as cuestións formuladas polos avogados dos seguros ían dirixidas a tentar probar que algunhas secuelas xa desapareceron. Ou que unha vítima realmente ten “capacidade de asearse e vestirse de xeito independente” e o dano que sufriu nunha man non lle afecta. Pero as declaracións dalgúns peritos tamén deixaron constancia de que non volveron a revisar a algunhas vítimas desde hai anos, o que lles impide precisar a súa situación actual.