A maxistrada di entender a loita da plataforma de vítimas e defende o traballo dos xuíces instrutores “que tamén se enfrontaron a múltiples conflitos, reproches e pegas”
O xuízo polo accidente de Angrois vén recollendo nas últimas xornadas a indignación das vítimas co trato que recibiron das administracións e os obstáculos que estas puxeron á investigación das causas do sinistro. Ata o punto de que este xoves, ante os reproches do pai dun falecido no Alvia, a xuíza, Elena Fernández Currás, respondeu que “a Xustiza fixo o que pode”, tamén os seus compañeiros instrutores que investigaron o caso antes de chegar a xuízo, “que tamén se enfrontaron a múltiples conflitos, reproches e pegas”.
A maxistrada dixo entender a loita da plataforma de vítimas por investigar todas as derivadas do accidente e deixou unha frase críptica: “Ao mellor era outra xurisdición [non a Penal] onde tiña que resolverse”.
A conversa coa xuíza, máis que unha declaración xudicial, protagonizouna Rogelio Bernardo, un madrileño pai dun falecido de 36 anos que traballaba a bordo do tren para Renfe. A súa avogada preguntoulle que supuxo a morte do seu fillo para a súa vida, ao que respondeu que “unha dor inmensa”. “Deixei de ver as miñas amizades e familia, estaba queimado con todo o mundo”, dixo, pero “grazas a coñecer [o que pasou] e á loita da plataforma é o que me está sacando adiante, esa loita para min valeu moito”.
O afectado puxo en valor o traballo da plataforma de vítimas para obter información que diversas institucións obstaculizaron
O afectado lembrou como a plataforma de vítimas colaborou coa investigación xudicial “presentando documentos que outras institucións tardaban en presentar” e logrando a implicación na causa penal da Axencia Ferroviaria Europea, crítica coa actuación de España neste caso. “Vou ver o meu fillo todos os sábados ao cemiterio e coméntollo, reláxame moito falar da nosa loita con el”, dixo, para asegurar que a el o que o está a axudar non é a atención psicolóxica senón “a loita”.
O pai do falecido salientou destes anos “a pelexa coas institucións, que nos estragaron moito” e pediu “que haxa xustiza”. Foi nese punto cando se referiu a un comentario feito pola maxistrada o pasado martes, cando dixo que tiña “claro que non hai sentenza que poida satisfacelos”, ao que el engadiu que sentenza haberá “pero xustiza non porque levamos dez anos de paus”. “Efectivamente o xuízo resólvese con sentenza”, replicoulle a xuíza, que engadiu que esa “é a única maneira de terminar o xuízo”. “Pero vostede di que non estaremos satisfeitos coa sentenza, que sempre protestaremos”, replicou o pai, que asegurou que non é así, que “si pode valer a sentenza” se, como engadiu posteriormente, evita que algo así volva suceder.
O pai do falecido dixo que a sentenza que emita a xuíza "si pode valer" se evita que volva "pasar o mesmo", ao que a maxistrada respondeu que espera que así sexa e que ela mesma "tampouco querería estar aquí"
A xuíza replicou que a súa “intención” e o seu “desexo” é que a súa sentenza sirva ás vítimas, pero que é consciente das limitacións. “O ideal sería repoñer as cousas ao seu estado anterior, pero como iso é imposible só queda tratar de reparar o dano en termos económicos e xa sei que iso non os vai satisfacer”, dixo. E foi nese punto cando o pai engadiu que “como non haxa unha sentenza exemplar, algún destes [polos responsables ferroviarios da administración] seguirá asinando e pasaranos a calquera”. “Eu loito polos demais, quero sentenza por iso, porque senón volverá pasar o mesmo”, engadiu.
A xuíza replicoulle que “se Deus quere, espero que a vexa e que lles poida paliar”, ao que engadiu que entende “perfectamente” ás vítimas pero cun reproche cara os seus avogados por non asesoralos antes do que se pode esperar do xuízo. “Porque como comprenderá, eu tampouco querería estar aquí”, engadiu.
O pai insistiu nese momento que o seu non era un reproche á xustiza, que a plataforma de vítimas sempre tentou colaborar con ela, e a xuíza respondeu que “a xustiza fixo o que pode ata o punto de que chegamos ata aquí, e con moito traballo dos meus compañeiros de instrución, que tamén se tiveron que enfrontar a múltiples conflitos, reproches e pegas”. A vítima tentou facer ver que a instrución xudicial tamén tivera eivas, pero a xuíza deu por rematada a conversa cunha frase con múltiples interpretacións: “Ao mellor era outra xurisdición onde tiña que resolverse”.