Avogados de vítimas de Angrois piden á xuíza que atenda as peritaxes independentes fronte ao xiro do fiscal que exculpa a Adif

Vista xeral do xuízo de Angrois no inicio desta fase final de conclusións CC-BY-SA Praza Pública

As dúas asociacións de afectados atribúen o cambio de postura do fiscal a ordes recibidas desde a Fiscalía Xeral do Estado

Para o fiscal só foi culpable o maquinista por despistarse ao recibir unha chamada do interventor, pero para as asociacións de vítimas tamén o cargo de Adif acusado foi responsable do accidente de Angrois por non habilitar medidas de seguridade.

Tras a argumentación coa que o fiscal do caso tentou xustificar o seu cambio de postura para deixar de acusar o ex-director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, ao mesmo nivel que o maquinista, Francisco José Garzón, este mércores tamén ofreceron as súas argumentacións contrarias as dúas asociacións de vítimas do sinistro. As dúas coincidiron en pedir á xuíza que dea máis valor ás peritaxes independentes que durante o xuízo constataron diversos incumprimentos de Adif que ás conclusións do fiscal para avalar o xiro da súa postura. Tamén as dúas coincidiron en atribuír a rectificación do fiscal a ordes dos seus superiores desde a Fiscalía Xeral do Estado. 

Vítimas de Angrois na súa manifestación o ano pasado polo noveno aniversario do accidente CC-BY-SA Praza Pública

Durante o xuízo peritos de parte avalaron unhas e outras posturas, discrepancias que tamén amosaron os tres peritos nomeados no seu momento polo xuíz instrutor. Dous deles apuntaron responsabilidades de Adif ou do seu cargo acusado por non habilitar medidas que paliasen o erro humano previsible que cometeu o condutor do Alvia. Nesa mesma liña se pronunciou tamén un experto da Axencia Ferroviaria Europea cuxa independencia non foi posta en dúbida por ningunha parte. Pola contra, un terceiro perito xudicial, elixido pola Xunta, asegurou que Adif actuara conforme á normativa. Aos peritos máis independentes, fronte aos de dubidosa adscrición, se remitiron este mércores os avogados das dúas asociacións de vítimas para tentar convencer á xuíza das súas posturas.

O avogado da plataforma de vítimas, a máis activa na investigación do accidente, salientou que Cortabitarte asinou da súa propia man a posta en servizo da liña e a desconexión do sistema de seguridade do tren

O avogado da asociación máis activa na investigación das causas do accidente, a Plataforma de Vítimas do Alvia 04155, Manuel Alonso Ferrezuelo, comezou a súa intervención sinalando que "non hai dúbida da responsabilidade que ten" o maquinista por atender a chamada que o despistou nun punto no que tiña que comezar a frear antes da curva de Angrois, da que el mesmo dixo que alertara pola súa perigosidade.

Pero o avogado tamén dixo que "o accidente non se produciría sen a participación de un e do outro", en referencia tamén a Cortabitarte. Un responsable de Adif do que dixo que só resultou exculpado durante a vista oral por peritaxes ou testemuñas que tiñan algún tipo de ligazón con Adif ou co sistema ferroviario español, fronte ás peritaxes independentes que lle atribuíron incumprimentos normativos en materia de seguridade.

Máis alá das peritaxes, Alonso Ferrezuelo puxo o foco en que Cortabitarte asinou da súa propia man a posta en servizo da liña Ourense-Santiago malia a súa obvia falta de seguridade e que despois autorizou a desconexión a bordo dos Alvia do sistema de control constante da velocidade ERTMS.

Manuel Alonso Ferrezuelo, avogado da Plataforma de Vítimas do Alvia 04155, durante a exposición das súas conclusións no xuízo de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

No remate da súa intervención o avogado da plataforma referiuse ao cambio de postura do fiscal: "Todos sabemos o ministerio fiscal realmente a quen representa", dixo, referíndose a intereses comúns coa Avogacía do Estado. E este mesmo mércores, ao tempo que no xuízo intervía o seu avogado, a plataforma de vítimas emitiu un comunicado no que atribúe o cambio de postura do fiscal a "unha chamada corporativa do seu xefe", en referencia á Fiscalía Xeral do Estado, encabezada polo galego Álvaro García Ortiz, nomeado polo Goberno de España. Unha actuación da Fiscalía que a plataforma enmarca nas actuacións da "maquinaria do Estado" desde que ocorreu o accidente, cando se puxo o foco no maquinista, e despois, cando se influíu nas investigacións de diversos xeitos, mesmo ao máis alto nivel do Goberno.

Pola súa banda o avogado da Asociación de Persoas Afectadas polo Accidente de Santiago (Apafas), Javier González, comezou a súa intervención final no xuízo dicindo que só entende o cambio de postura do fiscal por obediencia xerárquica ante a Fiscalía Xeral do Estado. "Tan só entendemos esa decisión dentro do ámbito de xerarquización que ampara a carreira fiscal", dixo. E preguntouse en que proba amosada no xuízo sustenta a Fiscalía "que Adif analizou o risco da curva de Angrois".

González coincide coa Fiscalía en que o maquinista é culpable por desatender a condución, pero "non compartimos que a causa eficiente do accidente sexa a chamada" telefónica que recibiu. Para o avogado é "un auténtico insulto que se diga polo señor Cortabitarte que a curva era cen por cen segura" cando o accidente con 80 mortes xa demostrou que non o era. 

Javier González, avogado de Apafas, durante a exposición das súas conclusións no xuízo de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

"O señor Cortabitarte era plenamente consciente de como afectaba a súa actuación á seguridade ferroviaria", dixo o avogado de Apafas

O representante de Apafas puxo o foco en que Cortabitarte non fixo ningunha análise de riscos da curva de Angrois e tampouco analizou o risco que supuña a súa autorización a Renfe para desconectar a bordo dos Alvia o sistema de control de velocidade ERTMS. "O señor Cortabitarte era plenamente consciente de como afectaba a súa actuación á seguridade ferroviaria", concluíu o letrado. 

Por outra banda, tanto o representante de Apafas, que o verbalizou este mércores, como o da Plataforma de Vítimas, que confirmou a Praza.gal que o concretará por escrito, amosaron o seu acordo co avogado defensor do maquinista sobre que este poida beneficiarse, en caso de ser condenado, das atenuantes de reparación do dano, confesión e colaboración coa xustiza, e dilacións indebidas do proceso.

Esta fase final do xuízo estenderase aínda ata o 27 de xullo, cando as defensas dos acusados realicen as súas intervencións finais, e despois quedará en mans da xuíza ditar sentenza, presumiblemente no outono

Esta fase final de conclusións do xuízo que comezou este martes dilatarase segundo as previsións da xuíza ata despois do décimo aniversario do accidente, o próximo 24 de xullo. Catro días antes, o 20 de xullo, será o momento da intervención final de Adif e Renfe, e dous días despois, o 26, das súas respectivas aseguradoras, para rematar o 27 de xullo cos avogados dos dous acusados e as súas argumentacións en profundidade da súas visións do xuízo.

Despois será a xuíza, Elena Fernández Currás, quen decida se hai dous condenados, un ou ningún. Porque tamén é posible que o xuízo remate sen ningún condenado. De feito, durante as sesións a xuíza fixo ver en varias ocasións as limitacións ás que se enfronta a xustiza penal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.