Jesús Domínguez relata a dor dos afectados por “saber que era evitable, aínda que non houbese intención”, ao que a xuíza contesta que “todo o que non é intencionado é evitable”
O xuízo polo accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013 rexistrou este martes a comparecencia do presidente da plataforma de vítimas do sinistro, Jesús Domínguez. Na súa declaración salientou as dificultades que tiveron para pescudar nas causas e achegar á instrución xudicial documentación relevante que a administración ou empresas públicas mantiñan oculta.
Tamén agradeceu as reiteradas peticións de perdón que fixo nestes dez anos o maquinista do tren ás vítimas, fronte á actuación da administración e do outro acusado polo xuízo, un ex-director de seguridade de Adif, que din non ter ningunha responsabilidade nas eivas de seguridade que presentaba a liña de alta velocidade Ourense-Santiago.
Durante a súa declaración Domínguez relatou o que viviu no accidente e as secuelas físicas que lle deixou, cuestións que nestes anos mantivo nun segundo plano nas súas declaracións públicas, nas que primou a análise das cuestións técnicas do sinistro. Este ocorreu cando tiña 41 anos, mentres viaxaba por vacacións coa súa muller e dúas sobriñas de Madrid a Santiago. Xusto antes de descarrilar o Alvia el levantárase para coller as maletas e cando o tren envorcou saíu despedido e acabou debaixo dun vagón, cunha perna esnaquizada e outras lesións por todo o corpo. Estivo hospitalizado dous meses, de baixa dous anos e realizáronlle inicialmente 16 operacións cirúrxicas e, tras unha caída hai dous anos pola debilidade que ten na perna, outras dúas novas intervencións.
Domínguez contou que decidira viaxar en tren “porque o consideras o transporte máis seguro”, e que tras o accidente non era quen de comprender como sucedera, que por un despiste dun maquinista puidese descarrilar un tren de alta velocidade. “O primeiro que fixen ao chegar a casa foi entrar na web de Adif e ver que sistema de seguridade había”, dixo, para relatar como despois pasou a integrarse na plataforma de vítimas do sinistro, cuxo traballo foi clave para achegar á causa diversa documentación relevante que a administración, Adif ou Renfe non achegaran antes.
O presidente da plataforma fai ver que as ocultacións e demoras da administración na investigación do accidente "forman parte do dano" que sofren as vítimas
“Vivimos cousas que forman parte do dano”, dixo o comparecente en referencia ás ocultacións e demoras de documentos, ao tempo que salientou diversas achegas realizadas pola plataforma durante a instrución. Ao seu ver, a actuación da administración incrementou a dor das vítimas con cuestións como “que catro anos despois aparezan os dosieres de seguridade e as análises de risco porque xente de Adif nos pasa unhas actas” e non porque a empresa pública achegase esa documentación por iniciativa propia. “Ao mellor estamos equivocados, pero pensamos que tiñamos que axudar a saber todo o que ocorrera”. Foi nese punto cando a xuíza o interrompeu dicíndolle que por estar incorporadas xa todas esas cuestións ao sumario non debía seguir falando delas.
O avogado da plataforma de vítimas preguntou tamén a Domínguez se polo seu coñecemento do caso considera que o accidente era evitable e en que lle afectou iso, ao que respondeu que lle doe “saber que era evitable, aínda que non houbese ningunha intención”. Nese punto volveu intervir a xuíza para comentar que “todo o que non é intencionado é evitable”, lembrando así que tanto o maquinista como o ex-cargo de Adif están acusados por imprudencia, non por intencionalidade.
A defensa do maquinista preguntou polas súas peticións de perdón ás vítimas, que Domínguez agradeceu, para asentar outro dos posibles atenuantes que beneficiarían a ese acusado
Domínguez tamén foi interrogado pola defensa do maquinista, que lle preguntou polas sucesivas peticións de perdón que este fixo ás vítimas do accidente e se iso contribuíu a diminuír os efectos psicolóxicos do accidente. Unha pregunta orientada a asentar outro dos posibles atenuantes que beneficiarían o seu defendido, o de reparación do dano causado. “Evidente está moi ben”, dixo Domínguez, para quen “que che pidan perdón e se recoñezan os feitos repara a calquera, na vida cotiá tamén”. Nese sentido, o único perdón pedido desde a administración chegou en 2018, por boca do daquela ministro socialista José Luis Ábalos, que o fixo "no nome deste Goberno", que chegou moito despois do sinistro e das ocultacións máis relevantes na súa investigación.