O fiscal Mario Piñeiro di que o director de Seguridade "actuou de acordo cos procedementos", que ao seu ver non obrigaban a que a curva, na que morreron 80 persoas, fose máis segura
"Non infrinxiu o deber que ostentaba polo seu estatus dentro de Adif" e "actuou de acordo cos procedementos". Así defendeu este martes o fiscal do accidente de Angrois, Mario Piñeiro, que o ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, sexa absolto de toda responsabilidade no sinistro que o 24 de xullo de 2013 provocou 80 mortes e deixou 144 persoas feridas.
As conclusións que o fiscal tira da vista oral, que deberá argumentar en detalle este mércores, supoñen corrixir a petición inicial coa que chegou ao xuízo. A Fiscalía pedía ao comezo do proceso catro anos de cadea e catro de inhabilitación para Cortabitarte por non habilitar medidas de seguridade na curva de Angrois e a mesma pena para o maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, por non frear a tempo, nos dous casos por delitos de imprudencia grave profesional. Pero este martes o fiscal retirou a súa petición para o cargo de Adif e a mantivo para o maquinista.
Segundo Mario Piñeiro, Cortabitarte non infrinxiu ningunha obriga do seu cargo. Na súa breve corrección da súa petición inicial de penas, que deberá ampliar este mércores, o fiscal dixo que a liña de alta velocidade Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente "foi deseñada e executada de acordo coas normas técnicas que se esixen en cada subsistema" ferroviario. Tamén dixo que "os riscos se estimaron tolerables". Pola contra, o fiscal mantivo as mesmas consideracións sobre a culpabilidade do maquinista coas que chegou ao xuízo.
No seu momento o fiscal atribuíra a imprudencia grave profesional ao maquinista por desatender a condución e non frear a tempo antes da curva de Angrois cando recibiu unha chamada do interventor do tren. E ao cargo de Adif porque “tiña o deber de xestionar e mitigar os riscos por exceso de velocidade non cubertos polo propio sistema de protección da liña e do tren” nun punto que era “altamente vulnerable” por un posible erro humano. Esas conclusións son as que mudou este martes para exculpar o cargo de Adif.
A plataforma de vítimas mantén a súa petición de catro anos de cadea para os dous acusados e aumenta a seis a inhabilitación do cargo de Adif
Xunto co fiscal, este martes tamén concretaron ou corrixiron as súas peticións de penas o resto de partes, que nas próximas xornadas deberán argumentar máis en profundidade. A representación da plataforma de vítimas, a máis activa na pescuda das causas do accidente, formulou no seu momento un escrito de acusación similar ao do fiscal, pedindo catro anos de cadea e catro de inhabilitación para cada acusado. Pero tras as declaracións dos dous a asemblea da plataforma decidiu facer público que ven máis responsable ao cargo de Adif que ao maquinista. Finalmente, este martes o seu avogado mantivo a petición para o maquinista e elevou a seis anos a petición de inhabilitación para Cortabitarte manténdolle a solicitude de catro anos de cadea. As vítimas tamén salientaron, e deberán argumentar con máis fondura este mércores, as diversas normativas europeas que ao seu ver si incumpriu Cortabitarte e que sustentarían a súa condena.
As defensas do cargo de Adif e do maquinista pediron a absolución, e no caso do segundo a aplicación, se é condenado, de varias atenuantes por dilacións, reparación do dano ou colaboración coa xustiza
Canto ás defensas dos acusados, tanto a de Cortabitarte como a do maquinista pediron a libre absolución dos dous, no caso do primeiro sen ningún matiz pero si no caso do maquinista. O seu avogado pediu que "subsidiariamente para o hipotético suposto" de que a xuíza o considere culpable o sexa só por "imprudencia leve" e non grave, o que suporía unha falta leve penada en moito menor medida. Tamén pediu que se tivesen en conta e deu por probadas catro atenuantes: reparación do dano, confesión e colaboración coa xustiza, e dilacións indebidas do proceso, xunto cunha cuarta contemplada no Código Penal que engloba de xeito xenérico as tres anteriores.
Durante o xuízo a defensa do maquinista fixo ver que o seu defendido tiña a obriga de atender a chamada que lle fixo o interventor do tren e que o despistou impedíndolle frear a tempo antes da curva de Angrois. Tamén que non tiña á súa disposición as medidas de seguridade coas que debera contar calquera traballador. Pola súa banda, o cargo de Adif, acusado de non habilitar esas medidas, desviou responsabilidades cara outros departamentos mentres que esa empresa pública, defendida pola Avogacía do Estado, teimou en que non era obrigatoria a análise de riscos que se botou en falta sobre Angrois e que detectaría o perigo que alí había.
Na sesión deste martes, ademais de concretar as súas peticións de condena para cada acusado, as partes tamén solicitaron que se tivesen en conta novos documentos, que se fixese fincapé en documentos xa achegados ou que se anulasen outros. En particular, representantes das asociacións de vítimas salientaron a importancia da peritaxe que o cargo de Adif, Cortabitarte, realizou antes do accidente de Angrois sobre o sinistro do Metro de Valencia de 2006, do que dixo que se evitaría cunha simple baliza de freado automático colocada nas vías que non existía no caso de Santiago sete anos máis tarde. Un feito que para esas partes acredita que Cortabitarte debía ser coñecedor do risco que supuña un exceso de velocidade na curva de Angrois.
Pola súa banda, a Avogacía do Estado en defensa de Adif tamén pediu que se proxectase un vídeo elaborado por encargo seu cunha recreación do accidente, con imaxes dunha circulación posterior doutro tren pero co son gravado no interior do Alvia sinistrado o día de accidente.
Esta fase final do xuízo estenderase aínda ata o 27 de xullo, cando as defensas dos acusados realicen as súas intervencións finais, e despois quedará en mans da xuída ditar sentenza, presumiblemente no outono
Esta fase final do xuízo que comezou este martes dilatarase segundo as previsións da xuíza ata despois do décimo aniversario do accidente, o próximo 24 de xullo. Catro días antes, o 20 de xullo, será o momento da intervención final de Adif e Renfe, e dous días despois, o 26, das súas respectivas aseguradoras, para rematar o 27 de xullo cos avogados dos dous acusados e as súas argumentacións en profundidade da súas visións do xuízo.
Despois será a xuíza, Elena Fernández Currás, quen decida se hai dous condenados, un ou ningún. Porque tamén é posible que o xuízo remate sen ningún condenado. De feito, durante as sesións a xuíza fixo ver en varias ocasións as limitacións ás que se enfronta a xustiza penal