O cargo de Adif imputado por Angrois testificará como experto no xuízo do accidente do Metro de Valencia

Andrés Cortabitarte durante a súa comparecencia no Congreso e citación como perito no xuízo polo accidente do Metro de Valencia CC-BY-SA Praza Pública

A vista oral pola morte de 43 persoas en 2006, nun sinistro con semellanzas que facían evitable o de Santiago de 2013, comeza o próximo luns 27 e durará seis meses

O próximo luns 27 de xaneiro, 13 anos e medio despois do accidente do Metro de Valencia que custou a vida a 43 persoas, comezará o xuízo contra oito ex-directivos da entidade encargada de xestionar os ferrocarrís da Generalitat Valenciana. A vista oral prolongarase durante seis meses e entre os preto de 300 comparecentes que están previstos figura, para a sesión número 48 do xuízo e como perito xudicial experto en infraestruturas ferroviarias, Andrés Cortabitarte, que foi director de Seguridade na Circulación de Adif e que está imputado polo accidente de Angrois, xunto co maquinista, por non avaliar como fixaba a normativa o risco de despistes como o que sufriu o condutor que existía nesa curva de Santiago.

Símbolos das vítimas do Metro de Valencia na curva de Angrois na que descarrilou o Alvia Dominio Público Asociación Víctimas Metro 3 Julio

Nin en Valencia nin en Santiago había sistemas automáticos que freasen os trens se os maquinistas non o facían e malia que as administracións insisten en que non eran obrigatorios a Xustiza discrepa

O accidente do Metro de Valencia ocorreu o 3 de xullo de 2006 cando un convoi descarrilou a uns 80 quilómetros por hora nunha curva limitada a 40 provocando 43 mortes, entre elas a do maquinista. O de Santiago sucedeu o 24 de xullo de 2013 cando un tren Alvia descarrilou a uns 180 quilómetros por hora nunha curva limitada a 80 provocando 81 mortos, pero aquí salvouse o maquinista, que admitiu que se despistara e non freara a tempo.

Nos dous casos non había activo ningún sistema automático de control da velocidade que frease os trens se os maquinistas non o facían, e malia que as administracións responsables das dúas infraestruturas insistiron en que non o obrigaba a normativa e que eran os condutores os únicos responsables de respectar a velocidade en cada punto das respectivas liñas, a Xustiza vén discrepando. Á espera do que poidan resolver os respectivos xuízos, os autos xudiciais das instrucións dun e doutro caso reflicten numerosas semellanzas entres os dous sinistros que evidencian que, tras ocorrer o primeiro en 2006, o segundo de 2013 puido ser evitado.

Nas súas peritaxes en Valencia Cortabitarte vén exculpando á administración

No accidente do metro foi nomeado no seu momento perito xudicial Andrés Cortabitarte, que foi director de Seguridade na Circulación de ADIF. Á espera do que poida agora declarar verbalmente no xuízo, as súas anteriores comparecencias e peritaxes nesa causa exculparon á administración dicindo que o sinistro non era previsible. Posteriormente Cortabitarte foi imputado pola suposta omisión dos seus deberes no accidente de Santiago

Malia actuar como perito en Valencia antes do sinistro de Santiago, non só non tomou medidas no seu posto en Adif para evitar que se producise o segundo accidente senón que el mesmo autorizou a Renfe para que desconectase a bordo dos trens Alvia o sistema de control constante da velocidade que evitaría o sinistro e que permaneceu avariado durante meses.

Andrés Cortabitarte, ex-xefe de Seguridade de Adif, acusado polo accidente de Angrois, nos xulgados de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

A Fiscalía pediu en fases previas que non se tivesen en conta as peritaxes de Cortabitarte por falta de independencia pero a Audiencia de Valencia remitiu a decisión ao xuízo oral que agora comeza

A imputación de Cortabitarte en Santiago fixo que a Fiscalía pedise en Valencia que se rexeitase a súa peritaxe alí por falta de independencia, pero a Audiencia Provincial de Valencia rexeitouno dicindo que iso é algo que non se debía decidir naquelas fases previas da instrución senón no xuízo oral que agora comeza, 13 anos e medio despois do accidente e con oito ex-directivos no banco dos acusados. 

Neste tempo, ademais, Cortabitarte librouse hai ano e medio de ser xulgado por outro accidente cun maquinista morto en Arévalo en 2010 pola aplicación da denominada doutrina Botín, ao non ser acusado nin polo fiscal nin pola acusación particular senón só pola acusación popular do sindicato de maquinistas Semaf. Mentres, no caso do accidente de Angrois, con Cortabitarte e o maquinista como únicos imputados, a investigación continúa acumulando demoras seis anos e medio despois do sinistro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.