As intervencións finais das partes coas súas peticións de condena ou absolución comezan esta semana coa Fiscalía e as asociacións de afectados e rematarán dentro dun mes coas defensas dos dous acusados
Tras máis de oito meses de sesións, o xuízo polo accidente de Angrois no que o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas, chega ao seu remate. Esta semana comezan as intervencións finais de cada unha das partes, coa revisión de probas documentais, informes e conclusións, e a ratificación ou corrección das súas peticións de condena ou absolución para os dous acusados: o maquinista do tren Alvia, Francisco José Garzón, e o ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte.
A Fiscalía e as asociacións de afectados serán as primeiras en intervir, seguidas das representacións de vítimas particulares, Adif, Renfe ou as súas respectivas aseguradoras, para rematar coas defensas dos dous acusados, previsiblemente dentro dun mes, dous días despois do décimo aniversario do accidente.
O xuízo de Angrois comezou o 5 de outubro do pasado ano coas declaracións do maquinista e do cargo de Adif, e continuou con sucesivas comparecencias de testemuñas e peritos. E desde febreiro e ata agora compareceron as vítimas nun longo proceso para a determinación dos danos sufridos por cada unha no que as aseguradoras tentaron regatear as indemnizacións.
Durante o xuízo a defensa do maquinista fixo ver que o seu defendido tiña a obriga de atender a chamada que lle fixo o interventor do tren e que o despistou impedíndolle frear a tempo antes da curva de Angrois. Tamén que non tiña á súa disposición as medidas de seguridade coas que debera contar calquera traballador. Pola súa banda, o cargo de Adif, acusado de non habilitar esas medidas, desviou responsabilidades cara outros departamentos mentres que esa empresa pública, defendida pola Avogacía do Estado, teimou en que non era obrigatoria a análise de riscos que se botou en falta sobre Angrois e que detectaría o perigo que alí había.
Peritos de parte avalaron unhas e outras posturas, discrepancias que tamén amosaron os tres peritos nomeados no seu momento polo xuíz instrutor. Dous deles apuntaron responsabilidades de Adif ou do seu cargo acusado por non habilitar medidas que paliasen o erro humano previsible que cometeu o condutor do Alvia. Nesa mesma liña se pronunciou tamén un experto da Axencia Ferroviaria Europea cuxa independencia non foi posta en dúbida por ningunha parte. Pola contra, un terceiro perito xudicial, elixido pola Xunta, asegurou que Adif actuara conforme á normativa.
A Fiscalía chegou ao xuízo pedindo catro anos de cadea para cada un dos dous acusados por imprudencia grave profesional causante de 80 mortos e 145 feridos, e está por ver se mantén ou muda esa acusación
Agora, tras todo o escoitado, é o momento en que cada parte ratifique ou modifique as súas iniciais peticións de condena ou absolución para os acusados e argumente a súa postura sustentándoa nas probas que se foron vendo no xuízo. Comezando pola Fiscalía, representada polo fiscal xefe de Santiago, Mario Piñeiro, que chegou ao xuízo pedindo catro anos de cadea para cada un dos dous por 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional, 145 delitos de lesións e un delito de danos. Ao maquinista atribuíalle esa imprudencia por desatender a condución e non frear a tempo antes da curva de Angrois cando recibiu unha chamada do interventor do tren. E ao cargo de Adif porque “tiña o deber de xestionar e mitigar os riscos por exceso de velocidade non cubertos polo propio sistema de protección da liña e do tren” nun punto que era “altamente vulnerable” por un posible erro humano.
A plataforma de vítimas tamén pediu antes do xuízo catro anos de cadea para cada acusado pero tras as súas declaracións amosouse partidaria de pedir máis pena para o cargo de Adif que para o maquinista, cuestión que terá que concretar agora
Tras a Fiscalía será o momento das asociacións de afectados. A representación da plataforma de vítimas, a máis activa na pescuda das causas do accidente, formulou no seu momento un escrito de acusación similar ao do fiscal, pedindo catro anos de cadea para cada acusado. Pero tras as declaracións dos dous a asemblea da plataforma decidiu facer público que ven máis responsable ao cargo de Adif que ao maquinista.
“Sen obviar o despiste e erro humano do maquinista, o cal se produce en cuestión de segundos, entendemos que hai moita maior responsabilidade en quen dispón de tempo suficiente e dun equipo de centos de persoas en Adif, e sen embargo coa súa deixación de funcións e incumprimento reiterado da normativa, causa o tráxico accidente”, dixeron, pero matizaron que esa era unha opinión que trasladaban ao seu avogado para que tomase a decisión máis adecuada “no momento procesual oportuno”, que é agora, cando formule as súas conclusións.
A fase final do xuízo que agora empeza dilatarase segundo as previsións da xuíza ata despois do décimo aniversario do accidente, o próximo 24 de xullo. Catro días antes, o 20 de xullo, será o momento da intervención final de Adif e Renfe, e dous días despois, o 26, das súas respectivas aseguradoras, para rematar o 27 de xullo cos avogados dos dous acusados, que presumiblemente pedirán a absolución. Porque tamén é posible que o xuízo remate sen ningún condenado. De feito, durante as sesións a xuíza fixo ver en varias ocasións as limitacións ás que se enfronta a xustiza penal.