O fiscal conclúe que o "galimatías xurídico" das normas ferroviarias impide culpar o cargo de Adif por Angrois

O fiscal de Angrois, Mario Piñeiro, expuxo este mércores os argumentos para xustificar a súa petición de absolución ao cargo de Adif CC-BY-SA Praza Pública

"O accidente explícase causalmente polo comportamento do maquinista, e sen o comportamento do maquinista non se explica", di Mario Piñeiro, que asegura que "a decisión que toma a Fiscalía" é "meditada, difícil"

Para o fiscal de Angrois, Mario Piñeiro, o maquinista do Alvia incumpriu a súa obriga de controlar en todo momento a velocidade do tren ao despistarse coa chamada que recibiu do interventor. Pola contra, o cargo de Adif tamén acusado do accidente non pode ser condenado porque o "galimatías xurídico" da normativa ferroviaria impide concluír que a incumprise ao non habilitar medidas que evitasen o sinistro. 

Eses foron os argumentos fundamentais expostos este mércores polo fiscal durante preto de dúas horas para xustificar o cambio de postura avanzado o martes co que deixa de acusar o ex-director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, como responsable do accidente ao mesmo nivel que o maquinista, Francisco José Garzón. Para Piñeiro, desde un punto de vista penal "o accidente explícase causalmente polo comportamento do maquinista, e sen o comportamento do maquinista non se explica".

O maquinista de Angrois, Francisco José Garzón, ao fondo, e diante del o ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, na primeira xornada do xuízo o 5 de outubro de 2022 © Óscar Corral

O fiscal comezou a súa intervención final no xuízo nesta fase de conclusións salientando que "a cuestión é a de sempre, como ser xustos neste caso", e asegurou que "a decisión que toma a Fiscalía" de manter a acusación ao maquinista e retirala ao cargo de Adif foi "meditada, difícil tamén"

Piñeiro pediu formularse "non só cal é a causa deste accidente senón buscar a perspectiva penal do caso". O fiscal salientou que pode haber moitas "causas subxacentes" que "poden ter unha transcendencia moi importante á hora de tomar medidas para que non se volva producir" un accidente, pero que "outra cousa diferente é que todas as causas que motivan o accidente poidan ter relevancia penal".

O fiscal asegurou que "hai unha corrente de opinión de que o maquinista é unha vítima máis", que explicou con que "probablemente todos temos na retina as imaxes do señor Garzón lamentándose polo accidente". Nada dixo o fiscal de que esas imaxes e diversas informacións parciais filtradas nos primeiros momentos tras o sinistro asentaran nas primeiras xornadas que o maquinista fora o responsable, e só despois, cando avanzou a investigación penal, foron saíndo esas outras "causas subxacentes" que apuntaron tamén a Cortabitarte. 

Sinalización e sistemas de seguridade na curva de Angrois © Adif

Para o fiscal a curva sen medidas de seguridade non era perigosa senón que "o que crea o risco é o comportamento do maquinista a esa velocidade"

Piñeiro dixo que "este accidente explícase causalmente polo comportamento do maquinista, e sen o comportamento do maquinista non se explica", e ao tempo pediu valorar dos dous acusados "se as súas condutas quebrantan os seus deberes independentemente do resultado".

No caso do maquinista o fiscal di que a chamada que recibiu do interventor e que o despistou impedíndolle frear antes da curva de Angrois "non xustifica en ningún caso que se abstraia absolutamente" da súa obriga de controlar o tren en todo momento, o que o fiscal encadra como "unha imprudencia grave". O fiscal chegou a asegurar que a formación ao maquinista por parte de Renfe foi "exquisita", malia as diversas eivas que durante o xuízo se amosaron sobre esa cuestión.

Sobre o risco da curva, para o fiscal este non se atopa na falta de supervisión da mesma por sistemas que controlen a velocidade de xeito automático senón que "o que crea o risco é o comportamento do maquinista a esa velocidade".

Mario Piñeiro di que "é un verdadeiro galimatías xurídico saber se era aplicable ou non" un regulamento europeo que Adif non aplicou, polo que ante as dúbidas non pode dicir que "iso sexa unha conduta delitiva" do cargo da empresa pública

Pola contra, segundo o fiscal a actuación de Cortabitarte non incumpriu ningunha norma expresa. No xuízo debateuse se Adif debía aplicar ou non na liña Ourense-Santiago un determinado regulamento comunitario de seguridade que non aplicou. Para o fiscal "é un verdadeiro galimatías xurídico saber se era aplicable ou non", e segundo dixo esas dúbidas deben beneficiar ao acusado de Adif xa que "se necesitamos acudir a normas extrapenais hai que ser moi cautelosos" para chegar a condenar a alguén. Nese eido, engadiu que as esixencias dese regulamento non aplicado por Adif eran no fundamental similares ás esixencias dos "códigos prácticos" que si se aplicaron. Ante esas dúbidas, o fiscal di que non se pode "chegar a que iso sexa unha conduta delitiva".

Andrés Cortabitarte, cargo de Adif acusado polo accidente de Angrois, entrando ao xuízo este mércores CC-BY-SA Praza Pública

Piñeiro, que pediu as máximas indemnizacións posibles para todas as vítimas, rematou a súa intervención formulando e respondéndose dúas preguntas. "Que pasou sábeo o tribunal, sabémolo todos, esa chamada foi unha desgraza", dixo, para engadir que "a outra pregunta, se defraudou Adif a norma no que é esencial, na seguridade" debe ser respondida tendo en conta a ambigüidade da norma, que ao seu ver impide culpar o acusado.

Esta fase final do xuízo estenderase aínda ata o 27 de xullo, cando as defensas dos acusados realicen as súas intervencións finais, e despois quedará en mans da xuíza ditar sentenza, presumiblemente no outono

Esta fase final do xuízo que comezou este martes dilatarase segundo as previsións da xuíza ata despois do décimo aniversario do accidente, o próximo 24 de xullo. Catro días antes, o 20 de xullo, será o momento da intervención final de Adif e Renfe, e dous días despois, o 26, das súas respectivas aseguradoras, para rematar o 27 de xullo cos avogados dos dous acusados e as súas argumentacións en profundidade da súas visións do xuízo.

Despois será a xuíza, Elena Fernández Currás, quen decida se hai dous condenados, un ou ningún. Porque tamén é posible que o xuízo remate sen ningún condenado. De feito, durante as sesións a xuíza fixo ver en varias ocasións as limitacións ás que se enfronta a xustiza penal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.